612 [= RM 25,1]
Ai fals’amig’e sen lealdade

Ai fals’amig’e sen lealdade,
ora vej’eu a gran falsidade
con que mi vós á gran temp’andastes,
ca d’outra sei eu ja por verdade,
a que vós atal pedra lançastes.
Amigo fals’e muit’encoberto,
ora vej’eu o gran maldeserto
con que mi vós á gran temp’andastes,
ca d’outra sei eu ja ben por certo,
a que vós [a]tal pedra lançastes.
Ai fals’amig’, eu non me temia
do gran mal e da sabedoria
con que mi vós á gran temp’andastes,
ca d’outra sei eu, que ben sabia,
a que vós [a]tal pedra [lançastes].
E de colherdes razon seria
da falsidade que semeastes.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 

Manuscritos


B 595, V 198

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 94-95 [= LPGP 175-176]); Nunes (1973 [1928]: 46-47); Cohen (2003: 632); Littera (2016: I, 237); Fassanelli (2021: 74).
II. Outras edicións: Moura (1847: 182-184); Monaci (1875: 78); Braga (1878: 40); Machado & Machado (1952: III, 231); Júdice (1997: 50); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 45).

Variantes manuscritas


2 gran] g̃ra B   3 gran] g̃ra B   4 eu] ē B   5 lançastes] lancastes B   6 encoberto] ē toberto B   8 gran] g̃ra B   10 lançastes] lancastes B   12 gran] g̃ra B   13 gran] g̃ra B   14 que] q̄o BV

Variantes editoriais


En Nunes non se marca tipograficamente o v. 1 do refrán (intercalar).

5 atal] a tal Lang, Nunes   7 maldeserto] mal deserto Lang, Nunes, Littera   10 [a]tal] [a] tal Lang : a tal Nunes   14 ben] o bem Lang, Nunes, Littera : |o| ben Cohen : o ben Fassanelli   15 [a]tal] [a] tal Lang : a tal Nunes

Paráfrase


(I) Ai falso amigo e sen lealdade, agora vexo eu a gran falsidade con que vós me estivestes enganando desde hai moito tempo, pois eu sei xa que iso é verdade por outra a quen vós lanzastes tal pedra.

(II) Amigo falso e moi finxidor, agora vexo a gran traizón con que vós me estivestes enganando desde hai moito tempo, pois eu o sei xa como certo por outra a quen vós lanzastes tal pedra.

(III) Ai falso amigo, eu non sospeitaba do gran mal e da astucia con que vós me estivestes enganando desde hai moito tempo, pois eu seino por outra que ben o sabía, a quen vós lanzastes tal pedra.

(1) E sería xusto que recollésedes da falsidade que sementastes.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 9’a 9’a 9’B 9’a 9’B + 9’a 9’b (= RM 33:12)

Notas


Texto
  • 5

    Nótese a errada segmentación de atal en Lang e Nunes, así como a metafórica expresión da mentira do amigo (atal pedra lançastes).

  • 7

    Optamos por considerar maldeserto como un galicismo dionisino, a partir do ant. fr. deserte ‘mérite bon ou mauvais, la récompense ou la peine due aux mérites, ce qu’on a mérité’ (Godefroy 1982 [1891-1902], s.v. deserte), de modo que significará ‘dano, prexuízo, maldade, traizón’, en liña coa interpretación dos anteriores editores.
    A alternativa editorial sería interpretar mal como substantivo e deserto como adxectivo procedente do lat. disertum ‘pronunciado’; deste xeito, o mal deserto, isto é, a ‘maldade exposta con elocuencia’ sería paralela á gran falsidade (v. 2) e a sabedoria (v. 12), nunha cantiga que ten como tema central a falsidade e a maledicencia do amigo, isto é, o mal causado a través das palabras1 .

  • 12

    Nesta pasaxe, sabedoria presenta matiz pexorativo (‘más artes’).

  • 14

    A medida do verso pide a expunción do pronome o, que obrigaría á anómala sinalefa con que.
    Por outra parte, o sentido deste verso é difícil de determinar: de termos en conta a correspondencia paralelística conceptual estabelecida entre os versos correlativos das estrofas I e II, a frase que ben sabia, tería unha función equivalente á das expresións ja por verdade (v. 4) e ja ben por certo (v. 9) con que a voz poética (a da rapariga namorada) enfatiza a total certeza do engano do amigo; así, o copretérito sabia da segunda parte do verso sería unha P1 e o suxeito debería ser tamén o mesmo, o ‘eu’ da voz poética. No entanto, a estrutura levanta dúbidas sobre esta interpretación, pois o que inicial pode ser un pronome de relativo referido a outra –a outra muller a quen o amigo cortexa–, que por súa vez sería suxeito de sabia, que sería unha forma da P3.
    Cohen chama tamén a atención sobre a dificultade da interpretación deste verso, e cuestiónase sobre a súa interpretación, aínda que só considera a posibilidade de que o suxeito de sabia sexa outrad’outra sei eu que |o| ben sabia: significa “outra que bem sabia a quem...” ou “outra que (o?) sabia bem, e a quem...”?»).
    Talvez a expresión d’outra sei eu recorrente nas tres estrofas haxa que interpretala co mesmo sentido que ten a expresión d’ome o sei eu na cantiga 1499, de Airas Perez Vuitoron (d'ome o sei eu, que sabe com’é, v. 4; d’ome o sei eu que o sabe ja, v. 15); isto é: a moza sabe do engano por outra a quen o amigo quixo cortexar e que llo contou a ela. Con todo, na cantiga de Vuitoron a expresión inclúe un pronome o que está ausente na expresión d’outra sei eu da cantiga de Don Denis. Talvez esta ausencia do pronome sexa voluntaria para así poder manter a ambigüidade sobre o duplo papel da outra muller: o de pretendida do seu amigo e, ao mesmo tempo, confidente dela.

  1. ^

    Eis a explicación de Nunes no glosario: “mal deserto (?) ‘falsidade, engano, mentira (?)’” (Nunes 1973: III, 640).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado