I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 362 [= LPGP 492]); Littera (2016: II, 563).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 109); Braga (1878: 54); Carter (2007 [1941]: 109-110); Machado & Machado (1952: III, 351-352); Arbor Aldea (2016b).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 108-109); Torres (1977: 410); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 110).
5 non] on A 6 morrer] moirer B 7 guisa] guissa A; guardei] guard̃ey B : guardẽy V 9 fazen] fa(n)zen V 10 mais] mas BV 13 Diga] Digā B : Digan V; quiser] quisser A 14 me] mj B : mi V 15 end’] and B 20 mí] mj̄ B : mī V; nen per-l’eu] e ꝑlheu BV
3 nen o ... nen o] ne’-no ... ne’-no Michaëlis 13 Diga] Digam Littera 20 per-l’eu] per l[h]’eu Michaëlis : per lh’eu Littera
(I) Vexo eu moitos que din ser coñecedores dos meus asuntos e que non o son, certamente, nin nunca o foron nin o serán; e xa que respecto a eles estou así (como digo), non saben de min tanto que poidan saber cal é a dama que me fai morrer, (II) pois eu sempre me precavín de tal forma que non soubesen do meu mal nin do meu ben, e agora fanse coñecedores dese asunto; mais, aínda que pensan que saben canto eu sei, non saben de min tanto que poidan saber cal é a dama que me fai morrer.
(III) Diga por aí cada un o que quixer, pois eu sei como me vai con eles: ben, grazas a Deus, que me gardou diso de xeito que, se este asunto non se souber por min, non saben de min tanto que poidan saber cal é a dama que me fai morrer.
(1) E moito saben se nunca o poden saber por min nin por o eu dicir!
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= RM 160:130)
A cantiga levantou problemas de atribución entre a crítica, que, en parte, están provocados polo feito de en A todos os textos seren anónimos, e, en parte, pola complexa situación que ofrece a copia e a actual estrutura codicolóxica dos relatores. Non por acaso, no Cancioneiro da Ajuda o texto cerra un ciclo de textos (A 180-184) que se inicia acéfalo (de A 180 só se reproducen dous versos, que comezan cunha capital, unha estrofa autónoma e outros dous versos de rima idéntica aos dous do inicio); con excepción deste texto, ningún deles encontra paralelismo nos apógrafos italianos, de que a crítica toma as atribucións para resolver a anonimia de A. Tras este ciclo de textos, Ajuda reproduce un novo, que só contempla unha cantiga, sen paralelo en BV. Pola súa parte, en BV, o texto cópiase dentro dun ciclo que leva a atribución a Joan Perez d'Avoin. Esta circunstancia, malia ás dúbidas dalgúns críticos (Michëlis 1904, II: 193-194, 206-207, que lla atribúe a Rodrig’Eanes Redondo; D’Heur 1973: 52, 32-33, outórgalla a Joan Soarez Coelho, o autor que segue ao señor portugués en BV que o antecede en A), permitiría asignarlle, con todas as cautelas posíbeis, a cantiga a Avoin (así, Tavani 1967; Oliveira 1994: 358-359; Brea 1996, I: 17-18). Para un estado da cuestión, remitimos a Arbor Aldea & Canettieri & Pulsoni (2004: 163-164, e táboa de concordancias dos manuscritos).
No Cancioneiro da Ajuda detéctanse algúns casos de confusión de sibilantes, probabelmente un fenómeno gráfico sen transcendencia fonolóxica. Igual que <guissa> (v. 7) e <quisser> (v. 13), véxanse outras formas como <dessamar> desamar (66.21), <dessamparado> desamparado (317.21), <oussasse> ousasse (268.2, 275.4, 308.11, 313.8 e 346.3 <oussase>) e <oussen> ous’én (268.3), ou as repetidas <guissa> guisa e <guissada> guisada (72.27, 137.32, 140.1, 2 e 5, 146.19, 147.3, 150.4, 259.18, 409.8), <pessar> pesar (90.21, 214.21, 395.9, 439.4 e 10, 441.6, 12 e 18), <quissesse> quisesse (199.27, 407.10), <quisso> quiso (407.11) e <quisser> quiser (71.18). Véxanse tamén notas a 69.7, 80.10, 88.15 e 89.2.
É este o único contexto en que o Cancioneiro da Ajuda presenta mais como conxunción adversativa en face da variante mas dos apógrafos italianos: ao longo dos cancioneiros sempre se produce a variación contraria, confirmando que a forma máis evoluída da adversativa é característica de A (véxase mas A vs. mais B(V) en 272.9, 285.9 e 14, 298.16, 308.16, 310.18, 312.14, 313.9, 319.9 e 17, 353.14, 355.9, 358.17, 361.7 e 10, 370.13, 393.21, 400.10 e 16, 808.16.
O pronome cuantificador quis ‘cada un’ ten unha presenza verdadeiramente escasa no corpus trobadoresco, pois só volve aparecer noutro contexto: Ora veeremos quis qual é! (1676.19). Cfr. porend’ orações fezeron todos y sen al, quis come sabia (CSM 49.41).
Obsérvese o hipérbato, con interpolación pronominal que mostra a fiinda: «E muito saben se nunca o poden saber per mí ...».
Aliás, véxase a refacción textual dos apógrafos italianos, que tranforman per-l’eu dizer (= per eu dize-lo), con interpolación pronominal e grafía arcaizante <r-l> [l] (véxase nota a 5.10), en per lh’eu dizer (= pe-lo eu dizer = per lho eu dizer). En calquera caso, Michaëlis e Littera talvez non interpretaron axeitadamente a lección de A e acolleron o texto de BV.