778 [= RM 9,13]
Ũu ricome, a que ũu trobador

Ũu ricome, a que ũu trobador
trobou ogan’aqui en cas d’el-rei,
asseentando-m’, u tras min catei
vi-o seer en ũu logar peior;
ergi-m’e dixi: «Vĩid’aca pousar».
E dis[s]e-m’el: «Seed’en vosso logar,
ben sej’aca, non quero seer melhor».
Quando mi as[s]eentei, si veja prazer,
non me guardava eu de tal acajo[n];
e, quando o vi, ergi-me log’enton:
«Passad’aca!», lhe fui logo dizer
que s’ergesse d’antre os cochões seus.
E disse-m’el: «Gradesca-vo-lo Deus:
non me compr’ora de melhor seer».
E [.....................................................
..........................................................
..........................................................
..........................................................
..........................................................
..........................................................
.........................................................]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 781, V 365

A copia do Cancioneiro da Vaticana presenta só as dúas estrofas I-II, sen indicación ningunha de fragmentariedade.

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 109 [= LPGP 107]); Arbor Aldea (2001: 257); Lopes (2002: 469); Longo (2003: 152); Littera (2016: I, 74).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 140); Braga (1878: 69); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 515-516); Magne (1931: 86); Machado & Machado (1953: IV, 75).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 240); Tavares & Miranda (1987: 264-265).

Variantes manuscritas


1 a que ũu trobador] aqi huū trotador B : aqi huū trobador V   2 trobou] trotou B; cas] tas BV   3 catei] carey V   5 Ergi] ersi V; Vīid’] uijd V   6 vosso] uoso V   7 quero] q̅sto V   8 si] assj B : assi V   9 acajo[n]] acayo BV   10 quando] qn̄do V; -me] mo V; log’] leg B; enton] encō B : enco V   11 Passad’] apassad B : rassad V   12 os cochões] oo coch oes B : oy codi des V   13 E] (oes) E B   14 compr’ora] conꝓpra B : conꝓra V; melhor] molhor V; seer] ssecr B : sseci V

Variantes editoriais


1 Ũu] Un Lapa : Um Lopes, Littera : hum Longo; ricome] ric’home Arbor Aldea, Lopes, Littera; ũu] un Lapa : um Lopes, Littera : hum Longo   3 m’, u] m’eu Lapa, Lopes, Littera : m’[e]u Longo   4 ũu] un Lapa : um Lopes, Littera : hum Longo   5 Vĩid] Vind’ Arbor Aldea, Lopes, Longo, Littera   6 dis[s]e-m’el] disem’el Arbor Aldea; Seed’] Sed’ Lopes   7 seer] ser Lopes   8 as[s]eentei] aseentei Arbor Aldea : assentei Lopes; si] assi Longo, Littera   9 acajo[n]] cajon Arbor Aldea : cajom Lopes, Littera   10 me] m’e Longo   12 cochões] cochoes Arbor Aldea   14 compr’ora] comprira Lapa, Lopes, Longo, Littera : comprirá Arbor Aldea   15-21 om. Lapa, Lopes, Longo, Littera

Paráfrase


(I) Un home da alta nobreza, a quen este ano lle trobou un trobador aquí no pazo do Rei, sentándome eu, cando tras de min ollei, vino estar sentado nun lugar peor; erguinme e dixen: «Vinde sentar aquí». E díxome el: «Ficade sentado no voso lugar; eu estou ben sentado aquí, non quero ser mellor (sentado)».

(II) Cando me sentei, así vexa pracer, non me decataba eu de tal prexuízo e, cando o vin, erguinme logo no intre: «Pasade para aquí!», díxenlle logo para que se erguese de entre os seus homes viláns. E díxome el: «Deus volo pague: non me é preciso agora ser mellor (sentado)».

(III) E (...)

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:8)

Encontros vocálicos: 1 Ũ͜u, ũ͜u; 3 a·sse·en·tan·do; 4 ũ͜u; 5 Vĩ͜id’; 6 Se͜ed’; 8 mia·s[s]e͜en·tei; 9 guardavaeu; 10 quandoo; 12 antreos

Notas


Texto
  • *

    Cantiga incompleta.

    Nesta composición, a expresión seer melhor / melhor seer, situada no verso final das estrofas (vv. 5 e 14, respectivamente), sustenta unha aequivocatio que é fundamental para entender o carácter satírico da peza. Nunha primeira lectura, o significado do verbo é o etimolóxico: o aristócrata responde que está ben sentado onde está, mesturado cos seus homes, e que non quere sentar noutro lugar máis representativo (entre outros nobres), o que xa de por si representa unha falta de cortesía. Mais por tras desa ocúltase outra lectura en que o verbo seer ten o sentido actual do verbo ser. Indirectamente Afonso Sanchez acusa ao alto nobre de non querer “ser mellor” en todos os aspectos que atinxirían á súa condición de alto representante da nobreza.

  • 1

    O indefinido ũu (e tamén algũu e neũu) debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas ocorrencias (véxase tamén no v. 4) funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora (ũu). Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan tamén como unisilábicas.

  • 2

    A representación gráfica “ric’ome” ou “ric’home” parecería suxerir que estamos perante o sintagma home rico con inversión posicional e crase entre os dous elementos; na verdade, ricome é xa vocábulo que leva consigo unha limitación semántica, pois é equivalente a ‘individuo pertencente á primeira clase da nobreza’.

  • 3

    A lección dos manuscritos non autoriza a conversión do adverbio u no pronome eu (Lapa, Lopes, Longo), pois ten todo o sentido tal como os códices presentan a secuencia, coa antecipación do CD (ricome, v. 1) que reaparece no v. 4 no pronome o (Ũu ricome ... vi-o); isto é: ‘Un ricome, a quen un trobador trobou arestora no pazo real, sentándome, cando tras de min catei vino estar nun lugar peor...’.

  • 5

    Nesta cantiga é frecuente a contaxe unisilábica de hiatos etimolóxicos, conservados graficamente: vīi·d(e), v. 5; see·d(e), v. 6; a·sseen·tei, v. 8.

  • 6-7

    Nótese o sentido etimolóxico do verbo seer (seede, sejo, seer), procedente do lat. sĕdēre ‘estar sentado’ (cfr. asseentar, v. 8). Canto á forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sĕdēre neste tempo (sĕdĕō, sĕdes etc.), compite desvantaxosamente cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> sõo, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).

  • 7

    O verso é hipermétrico.

  • 8

    A medida decasilábica do verso impón a emenda assi > si, a partir da equivalencia das formas assi ~ si ~ se en frases de teor desiderativo. A respecto da emenda, véxase 1654.17, onde no verso non á perdon que s’i possa asconder o Cancioneiro da Vaticana presenta a lección <assy> fronte ao correcto <ssy> de B, que neste contexto debe ser interpretado como s’i.

    Neste sentido, a frase formularia de tipo aseverativo si veja prazer ~ se veja prazer, tamén en  440.9, 571.9, 1060.1, 1198.3, 1624.1 (coa introdución de eu en 416.9), presenta a variante assi veja prazer (79.16, 384.16, 419.4), coa introdución de eu en 416.9,  e tamén se vejades prazer (877.12) e mais se prazer vejades (1174.1) con mudanza para a P5.

  • 9

    A forma ocajon (511.24), é unha variante da forma xeral cajon ‘desastre, desgraza, dano’, procedente do lat. occasiōnem, que perdeu a vogal inicial por un proceso de aférese (ao tempo que por posíbel segmentación da forma de artigo). De calquera forma, ocajon é a forma xeral, xunto con oqueijon, nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.), e, fóra da poesía, este vocábulo áchase con todas as variantes (cajon, ocajon, enqueijon, oqueijon etc.) en diversos textos prosísticos (CGPA, s.v.). No corpus trobadoresco profano, véxase tamén a variante aqueijon en 1590.18, para alén da forma acajon presente nesta cantiga, variante debida a un proceso de asimilación progresiva.

  • 11

    É obrigada a expunción de <a> inicial no verso, en liña con outras pasaxes dos cancioneiros onde achamos intromisión dese elemento <a>, ben en perífrases verbais (véxase nota a 55.17) ben introducindo erroneamente un CD (véxase nota a 68.1); para alén destes casos, aínda se poden localizar outros en que <a> non cumpre unha función definida: B (77.8), V vs. B (497.7, 785.6, 1681.10), BV (1663.2).

  • 12

    O probábel galicismo cochon ‘cocho, home ordinario, vilán’ (tamén en 371.10, 489.31, 1575.27) podería ser formación autóctona a partir de cocho, pois -on é sufixo despectivo-aumentativo. Como substantivo, cochon alude a un ‘home vil e ordinario’ e, por extensión, tamén a ‘criado, servente’, cunha forma feminina cochõa (1434.9). É unha voz extremamente pexorativa, que tamén é utilizado como adxectivo (véxase nota a 371.10).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado