9 [= RM 27,2]
Se soubess’a mia senhor como a mí plazeria

Se soubess’a mia senhor como a mí plazeria
d’eu morrer, pois-la non ei, log’eu non mor[r]eria,
ca, pero me ben non quer, amor me mostraria
por me fazer, a meu pesar, viver
q[u]and’eu sabor ouvesse de morrer.
E, se lhi fossen dizer com’eu esto dizia,
logo sei que mia senhor por min demandaria
..........................................................................
 
 
 
 
5
 
 
 

Manuscritos


B 8bis

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 644 [= LPGP 243-244]); Miranda (2004: 149); Cohen (2010b: 18); Littera (2016: I, 252).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 10); Machado & Machado (1949: I, 48-49); Rey Somoza (1998: II, 561); García (2001: 25); Rios Milhám (2017: I, 9).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 249-250); Arias Freixedo (2003: 192).

Variantes manuscritas


1 como a mí] comomami B   2 morrer] moirer B   3 mostraria] monstraria B   4 por me fazer a meu] Lor me fazer amen B   5 morrer] moirer B

Variantes editoriais


Michaëlis dispón a cantiga de modo que resulta unha composición de dezaseis versos: a primeira cobra con versos curtos (7+6’) e refrán decasilábico; a segunda cobra está formada polos versos (catro na súa disposición) transmitidos por B, coa repetición do v. 3 convertido en vv. 13-14 e, finalmente, de novo o refrán.
Pola súa parte, Miranda divide o v. 3, de modo que estabelece a rima errónea quer (con vogal aberta) con viver e morrer, do refrán (con vogal pechada), e monstraría coas restantes en -ia.
Cohen e Littera non marcan tipograficamente ningún refrán.

1 a mí] m’a mi Michaëlis, Miranda, Littera; plazeria] prazeria Michaëlis, Cohen   2 morrer] moirer Miranda; log’eu] logo eu Michaëlis, Littera   3 mostraria] monstraria Michaëlis, Miranda, Littera   5 morrer] moirer Miranda   6 com’eu] com[o] eu Littera

Paráfrase


(I) Se a miña señora soubese canto me pracería morrer, porque non teño o seu amor, entón eu non morrería, pois, aínda que ela non me ama, mostraríame amor para me facer vivir, contra a miña vontade, cando eu desexase morrer.  

(II) E se lle fosen contar como eu dicía isto, sei que a miña señora decontado preguntaría por min [...].

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de refrán (fragmento). Baseándonos na primeira estrofa, que conservamos completa, podemos dicir que consta de tres versos graves de trece sílabas mais un refrán dístico de decasílabos agudos.  
Esquema métrico: 13’a 13’a 13’a 10B 10B (= RM 16:8)
Encontros vocálicos: 1 comoa

Notas


Texto
  • 1

    A presenza de m(e) provoca hipermetría no verso, circunstancia que obriga á súa expunción, como acontece noutras pasaxes en que o pronome aparece de forma espuria. Véxase, por exemplo, 191.10, onde a lección de A mostra como se debe eliminar a forma <mj> presente en B.

    Neste verso, por outra parte, rexístrase a variante plazer (verbo neste caso), sen dúbida minoritaria en relación a prazer (véxanse tamén 7.4420.23, 62.3102.11412.29, 924.3 e 1624.1, así como a variante de V en 576.2). Esta variante fonética para o tratamento do grupo latino pl- debe ser relacionada coa evolución doutros grupos, como cl- e fl-, que, para alén do resultado [ʧ͡], ofrecen, nalgúns vocábulos, como resultado diverxente, a solución rotatizada cr-, pr- e fr-; neste sentido, convén insistir na frecuencia con que no territorio galego-portugués alternan as solucións  cr-/cl-, pr-/pl- e fr-/fl- pola vacilación fonética [ɾ] ~ [l] nestes grupos. Así, a carón do xeral preito, achamos un caso de pleito (434.13) e mais o sistemático planeta (1340.2, 3, 8, 12 e 27; 1451.23); por súa vez, sendo clerigo forma única, existe vacilación entre clerizia (1340.11, 1497.36) e crerezia ~ crerizia (888.43, 917.3); por último, fronte ao maioritario frol e fror, rexístrase tamén flor (113.15, 517.17, 551.16, 585.1 e 4, 864.19, 866.2), para alén do antropónimo Flores (530.9, 772.10).

  • 2

    Non ten sentido nunha edición crítico-interpretativa manter a lección moirer de B polo feito de nos apógrafos italianos, e moi especialmente en B, aparecer <ir> como secuencia equivalente a <rr>, tal como foi explicado hai xa tempo por Tavani (1963b).

    Por outra parte, a secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con pois e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios), especialmente con pois. Cfr. nota a 5.10.

  • 3

    Aparentemente, no corpus trobadoresco profano convive a forma xeral (a)mostrar coa variante (a)monstrar, con grupo culto latinizante (véxase nota a 63.2), o cal resulta anómalo na altura cronolóxica do trobadorismo. Mais a análise das leccións manuscritas evidencia que a aparición da consoante nasal é produto exclusivo da intervención dalgúns copistas de B, pois, cando o verbo conta con dous testemuños, nun deles sempre se rexistra a forma (a)mostrar –na única documentación de demostrar, B presenta tamén a grafía latinizante (1674.15)–. Véxanse, así, B vs. A (188.12, 309.15) e B vs. V (576.7, 624.2, 659.16, 1072.4, 1096.26, 1160.26, 1463.18, 1476.23, 1488.3, 1643.13 e 1663.6). A teor destes datos, emendamos a lección de B neste verso e mais en 291.11 e 1557.16. Cfr. nota a 110.5.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado