187 [= RM 125,24]
Meus amigos, oimais quero dizer

Meus amigos, oimais quero dizer
a quantos me veeren preguntar
qual ést’a dona que me faz morrer,
ca non ei ja por que o recear;
e saberan qual dona quero ben:
direi-a ja, ca sei que nulha ren
non ei por én máis ca perç’a perder.
E que máis ei de que perç’a perder?
O corpo perç’e, quant’é meu cuidar,
non á i máis nen posso máis saber
nen moor perda non poss’eu osmar;
mai-la dona, por que moiro, ben
lhi faz Deus tanto quant’eu ja per ren
nunca direi nen o seu parecer,
ca tanto a fez Deus ben parecer
sobr’outras donas, e melhor falar
sobre quantas eu pudi [ja] veer,
que direi máis, e pes a quen pesar:
mui mái-la fez valer en todo ben,
ca lhi fez El que lhi non mingua ren
de quanto ben dona dev’[a] aver.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 201

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 800-801); Blasco (1984: 133 [= LPGP 823-824]); Marcenaro (2012b: 214); Littera (2016: II, 350-351).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 87); Machado & Machado (1949: I, 328-329); Fernández Pousa (1953: 14-15); Rios Milhám (2018a: II, 187).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 751-752).

Variantes manuscritas


3 morrer] moirer B   5 qual] a qual B

Variantes editoriais


2 veeren] vẽeren Michaëlis   3 morrer] moirer Blasco   7 máis] mais Marcenaro   9 meu] mui Michaëlis   12 que] que [eu] Michaëlis, Marcenaro   13 faz] fez Michaëlis   17 eu pudi [ja]] eu [nunca] pùdi Michaëlis : eu pudi Blasco : eu [ja] pudi Marcenaro : eu pud[e] i Littera   18 quen] quien Marcenaro   21 dev’[a] aver] dev[i]’aver’ Michaëlis : dev’aver Blasco : dev[a] aver Marcenaro : dev’haver Littera

Paráfrase


(I) Meus amigos, a partir de agora quero dicir a cantos me viñeren preguntar cal é a dona que me fai morrer, pois xa non teño motivo para temer facelo; e saberán cal dona quero ben: direi xa quen é, pois sei que non hei perder por iso ningunha cousa máis do que perdo.

(II) E que hei perder máis do que perdo? Perdo a vida e, segundo creo, non hai nada máis aí nin podo saber máis nin podo pensar unha perda maior; mais á dona por quen morro faille Deus tanto de ben canto eu xamais poderei dicir con palabras de ningún modo, nin a súa fermosa aparencia, (III) pois Deus tanto a fixo ser máis fermosa que as outras donas, e falar mellor que todas aquelas que eu puiden ver, que (aínda) direi máis, e péselle a quen lle pesar: moito máis a fixo valer en todo ben, porque El fixo de modo que non lle falta cousa ningunha de todo o ben que unha dona debe ter.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10a (= RM 100:15)

Encontros vocálicos: 12 ma·i·la

Notas


Texto
  • 5

    A métrica confirma que o elemento <a> que antecede <qual> en B é  de carácter espurio, pois sería a preposición a introducindo o CD co verbo querer, tal como acontece en nen qual quero melhor (197.4), onde B tamén presenta o mesmo elemento fronte a A que achega a lección correcta. Véxanse notas a 68.1 e 77.8.

  • 7

    Marcenaro presenta máis como se fose unha adversativa, ao tempo que divide o verso cunha vírgula após én; no entanto, a única interpretación coherente do verso implica a consideración de máis como adverbio de cantidade na estrutura comparativa máis ca, de modo de a orde recta sería por én non ei a perder máis ca perç(o).

  • 9

    En convivencia con outras fórmulas alternativas (véxase nota a 65.3, 230.10, 415.29), a frase formularia de tipo relativizante por excelencia é a meu cuidar ou a meu coidar (tamén ao meu cuidar, 435.17; en meu cuidar, 746.3; a seu cuidar, 1659.3), que aparece con frecuencia ao longo do corpus da poesía trobadoresca profana. Ora ben, esta formulación presenta outras variantes amplificadas, como aquant’é meu coidar (228.8, 275.8), que conviven con quant’é meu cuidar (549.14, 1186.1) e quant’é a meu cuidar (só en 454.5) e con outras variantes aínda máis extensas: segundo quant’é meu cuidar (1401.10), segund’agora meu cuidar (92.2).

  • 11

    Tanto moor, ocorrencia única na poesía trobadoresca profana (na rúbrica de 1449 aparece o antropónimo Maor Martiiz), como maor (só en 1108.19), son resultados evoluídos da forma xeral maior, que mantén a forma da base latina maiōrem, sen desaparición de iode (cfr. Ferreiro 1999: §31a).

  • 12

    Existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais (ou máis) era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c). A partir deste feito, é desnecesaria a emenda de Michaëlis.

  • 17

    Blasco mantén o texto de B, fronte a Michaëlis, que converte o verso en hipermétrico coa introdución de nunca, voz bisilábica. De calquera maneira, as opcións para reintegrar un elemento unisilábico neste contexto son diversas, pero limitadas, e varían conforme os editores, agás en Blasco que mantén o verso hipométrico.

  • 21

    A preposición a da perífrase dever + a + infinitivo constitúe a mellor opción para resolver a hipometría do verso. Véxase nota a 60.14.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado