I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 390-391 [= LPGP 800-801]); Cohen (2003: 437); Fernández Campo (2012: 143); Littera (2016: II, 325).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 277-278); Braga (1878: 152); Machado & Machado (1956: V, 311).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 49-50); Fernández Pousa (1951: 103); Nunes (1959: 324); Álvarez Blázquez (1975: 93).
1 gran] grã B 3 faço] fazo V; gran] grã B; razon] raçon V 5 meu lum'e] lume V 7 pran] prã B 9 morrer] moirer B 10 moiro] muyto B 13 bõa] boa B 16 é] hi BV
8 fez[o] ... tan] fez ... [a]tan Nunes 14 [e] er fez-mi] [e] ar fez-me Nunes : er fez<o> me Cohen 16 madr’, e] madre Nunes, Cohen, Fernández Campo, Littera
(I) Vivo fermosa con moi gran pesar e moi coitada no meu corazón, e choro moito, e fago gran razón, por Deus, miña nai, en moito chorar por meu amigo e meu lume e meu ben, que se foi de aquí, ai madre, e non vén.
(II) E ben sei eu, en verdade, que polo meu mal me fixo Deus nacer tan fermosa, xa que agora me fai morrer, como morro, pois morro, madre, se Deus non me vale, por meu amigo e meu lume e meu ben, que se foi de aquí, ai madre, e non vén.
(III) E fíxome Deus nacer, abofé, polo meu mal, e aínda me fixo logo a máis fermosa de todas as donas que vin, e morro, madre, e vedes por que é: por meu amigo e meu lume e meu ben, que se foi de aquí, ai madre, e non vén.
(1) E, xa que Deus quere que eu morra por iso, que saiban todos que morro queréndolle ben.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:204) + 10c 10c
Encontros vocálicos: 20 sa·bi͜an
A forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sĕdēre neste tempo (sĕdĕo, sĕdes etc.), compite desvantaxosamente na lingua medieval cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> sõo, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).
A estrofa I desta cantiga de Pero d’Armea mostra certas reminiscencias coa primeira estrofa da cantiga 693, de Joan Soarez Coelho:
Per boa fe, mui fremosa, sanhuda
sej’eu e trist’e coitada por én:
por meu amig’e meu lum’e meu ben,
que ei perdud’, e el mi [á] perduda
porque se foi sen meu grado d’aqui.
O suxeito eu semella a mellor opción para sanar a hipometría do verso, en liña coa presenza do pronome no v. 1 da estrofa I: Sej’eu fremosa con mui gran pesar (v. 1) - E ben sei [eu] de pran que por meu mal (v. 7).
Para recuperar a medida decasilábica do verso, recorremos á variante fezo, que ten a vantaxe (fronte a [a]tan, cfr. Nunes) de recolocar o acento na 4ª sílaba. Na lingua medieval aparece a desinencia -o na P3 dos pretéritos fortes, de modo que naquelas formas en que -it final latino desapareceu é posíbel a convivencia das formas fez, quis ou pôs con fezo (tamén feze), quiso (tamén quise) ou poso (tamén pose). Os trobadores utilizan unha ou outra variante por necesidades métricas, e os manuscritos achegan datos que confirman esta variación nos usos lingüísticos, de modo que en ocasións as leccións de A e B son diverxentes. Así, face ao necesario fezo transmitido por A (ás veces produto da revisión da copia) achamos <fez> en B: 277.17 (<fez{o}> A, <fez> B), 286.2 (<fezo> A, <fez> B), 309.10 (<fezo> A, <fez> B), 404.10 (<fezo> A, <fez> B), 430.28 (<fez{o}> A, <fez B>). Porén, en 175.6 o necesario fezo transmitido por B correspóndese co <fez> de A, que torna o verso hipométrico. E aínda se achan contextos en que, fronte á lección de A, con fezo, B rexistra unha variante en que, mantendo o monosilábico fez, se reescribe o texto para asegurar a isometría: Qual dona Deus fez melhor parecer / e que fezo [B: <a fez>] de quantas outras son (175.2), de rogar Deus, e fezo-me [<a d’s e fez mj> B] perder (197.30). É por isto que o recurso a fez[o] está xustificado perante leccións afectadas por hipometría versal: é significativo que no v. 1 do refrán da cantiga 847, face ao correcto fezo que se rexistra na estrofa I (<fez> B, <fezo> V), apareza fez en BV nas estrofas II e III. Cfr. nota a 60.19.
Fronte a Cohen, achamos que neste verso a mellor emenda para resolver a hipometría do verso consiste en recuperar a conxunción ([e] er fez-me...), quizais desaparecida por haplografía, e conveniente para ligar copulativamente as diversas cláusulas da estrofa: E fez-mi Deus nacer ... [e] er fez-me ... e moiro ... e vedes por que é.
En face dos anteriores editores, segmentamos a forma manuscrita en madr’ e, coa copulativa, porque a frase vedes por que (non) no corpus, sempre que posíbel, vai introducida pola conxunción, sobre todo no interior de verso (véxase 186.23, 636.3 e 16, 668.2, 1086.4). (véxase Ferreiro 2019: 37).
A forma en rima que fornecemos, é, probabelmente <he> no antígrafo, corrixe a lección manuscrita <hi> de BV, que pode deberse á presenza en rima, no verso precedente, e en rima, de vi.