I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 1-2 [= LPGP 150]); Paredesa (2001: 166); Lopes (2002: 58-59); Paredesb (2010a: 147); Littera (2016: I, 87-88).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 156); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 264-265); Machado & Machado (1950: II, 328-329); Paredes (2010b: 114-117); Paredes (2010c: 80-81); Rios Milhám (2018b: III, 468).
III. Antoloxías: Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 27-28); Tavares (1987: 54-55); Magalhães (2007: 123).
10 outrogasse] outʳogasse B 11 deostasse] deestasse B 14 vos] uos B 19 eu] en B 20 preito] p’eyto B 22 morrer’] moirer B 23 me fazedes] mesfazedes B 25 mia] mħa B 28 temuda] cemuda B 29 vos] uos B 30 sofrendo] soffrido B
1 [Maria Perez vi muit’assanhada] Lapa, Lopes, Littera 2 rogavan] rogava Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera 6 ca direi vós] ca direi-vos Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera 9 rogades cousa [mui]] [me] rogades cousa Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera 10 outrogasse] outorgasse Lapa, Lopes, 11 quen no] quẽ-no Lapa : quen’o Littera 14 min] mi Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera 19 escarmentasse] escarmertasse Paredesa, Paredesb 27 én] en[de] Lopes, Littera; non [o]] [o] non Lapa : nom Lopes, Littera : non-[no] Paredesa, Paredesb
(I) [...] porque lle rogaban que lle perdoase a Pero d’Ambroa, e que non o matase nin o tratase con desmesura. E ela dixo: «Por Deus, non me pidades iso, pois direivos sobre min o que eu penso: se unha vez asañar me facedes habedes saber quen son eu, (II) porque me pedides unha cousa disparatada e non sei quen vos consentise en perdoar a quen o deostase como el me fai a min, cando estamos na súa pousada; e xa que vexo que non me coñecedes, direivos de min tanto como isto: se unha vez asañar me facedes habedes saber quen son eu.
(III) E se eu quixese ser humillada, ben podería achar quen me humillase, mais se eu a eses non os escarmentase axiña, a miña reputación non valería nada; e vós no me faledes a favor del, porque se por min fose morrería ardendo: se unha vez asañar me facedes habedes saber quen son eu».
(IV) E por isto é grande a miña fama, porque non houbo ninguén que, fallándome, eu non o castigase moito por iso, pois sempre fun moi temida; e pídovos que non teimedes niso, senón que me aguantedes así como son: se unha vez asañar me facedes habedes saber quen son eu.
Esquema métrico: 4 x 10’a 10’b 10'b 10’a 10’c 10’d 10’C 10’D (= RM 175:2)
Encontros vocálicos: 6 i‿entendo; 12 estando‿en; 20 se͜eria; 25 esto‿é
Moi probabelmente este escarnio estea dirixido contra Maria Balteira, pois o trobador Pero Garcia d’Ambroa aparece asociado en diversas composicións a esta soldadeira (véxanse as cantigas 1584 e 1607); así o interpretou Lapa na reconstrución conxectural do primeiro verso (Maria Perez vi muit'assanhada), ausente do manuscrito, seguindo a proposta de Carolina Michaëlis (2004: 264).
Para alén do pequeno ciclo dedicado a escarnecer Pero Garcia d’Ambroa pola súa inexistente peregrinación á Terra Santa (véxase nota á cantiga 1414) e mais da súa participación en debates poéticos, a figura deste trobador é aludida e satirizada noutras composicións: 468 (Afonso X), 1476 (Joan Baveca), 1533 (Pero Mafaldo), 1674 (Pedr’Amigo de Sevilha).
En todas as edicións precedentes aparece neste verso unha anómala posposición de vos (ca direi-vos...). Non obstante, para alén desa anomalía sintáctica (véxase nota a 22.10-11), o feito de que vos presente a lección <uos> no manuscrito aconsella considerar o pronome como complemento indirecto (cfr. nota a 5.2), tal como poden funcionar as formas pronominais tónicas oblicuas na lingua dos trobadores (ca direi vós de min...).
Perante a hipometría versal existen varias posibilidades de reintegración de unha sílaba: todos os editores optaron polo CI me, mais o acento na 3ª sílaba do v. 1 de cada estrofa, así como a existencia do sintagma cousa mui desguisada en 174.15 e 591.7 inclina en prol de mui esta decisión editorial.
O substantivo nomeada ‘fama, reputación’ (de nomear + -ada) só se rexistra nesta cantiga e mais en 1350.5.
Obsérvese a repetición de que (da estrutura comparativo-consecutiva tal que) tras unha frase parentética (véxase nota a 53.17-18):
ca non foi tal que, se migo falhasse,
que én eu mui ben non [o] castigasse.
Resulta sorprendente a aparición da variante apocopada én perante vogal, pois a distribución de ende / én responde, en principio, ao contexto fonético: ende + vogal (en xeral con crase) vs. én + consoante. Porén, é certo que no corpus se detecta a aparición de oito casos de én + vogal, sempre a vogal palatal /e/, cunha única excepción na cantiga 148 de Martin Soarez (por én a desfiar): 93.8, 148.13, 359.4, 576.10, 959.9.