I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 386-387 [= LPGP 700]); Cohena (2003: 433); Littera (2016: II, 199); Cohenb (2016b: 21); Eirín (2022: 157-158).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 276); Braga (1878: 151); Machado & Machado (1956: V, 305); Monteagudo (1998b: 143); Pena (1998c: 107); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 316-317); Álvarez Blázquez (1975: 180-181).
1 Des quando] Desq̄ndo B; vos] vos B : uos V 3 ouv’én] ou ueu V; gran] g̃ra B 6 se] si V 7 nen] uen V; coraçon] coracon V 10 conselhar] sōselhar B 12 grand’e] g̃rade B 17 eu] (en) eu B 18 Clemenç’e] clemente B : demente V; non] no B 20 amig’, avẽo] amig(u)aueō B : amigua ueō V 21 fezeron] fezon V
Cohen dispón a cantiga con versos longos, de dezaseis sílabas.
3 én] eu Nunes, Cohena, Cohenb, Littera 10 soubi] soub’i Cohena, Cohenb, Littera 20 amig’] amigo Cohena, Cohenb
(I) Desde que tan dolorosamente para min vos fostes de aquí, meu amigo, tiven tan gran coita por iso cal agora vos quero dicir: que os meus ollos non fixeron senón chorar desde entón, nin quixo o meu corazón que fixesen outra cousa senón chorar.
(II) E, desde que eu me encontrei sen vós, nin sequera souben que facer, e fiquei por iso moi triste e con gran coita e pesar, que os meus ollos non fixeron senón chorar desde entón, nin quixo o meu corazón que fixesen outra cousa senón chorar.
(III) E fun orar a San Clemenzo e non vos vin, e desde aquel momento, meu amigo, pásame isto: que os meus ollos non fixeron senón chorar desde entón, nin quixo o meu corazón que fixesen outra cousa senón chorar.
Esquema métrico: 8a 8b 8a 8b 8C 8C 8C 8C (I-II [= RM 105:1]) + 8a 8b 8a 8b 8A 8A 8A 8A (III [= RM 59:1])
De acordo coa rima, como elemento funtamental estruturador dos versos, e a diferenza de Cohen, dispomos a cantiga en versos octosilábicos.
En Cohen (e Littera) aparece unha segmentación soub’i que resulta desnecesaria e non achega contido semántico ao texto. Neste caso mesmo semella desaconsellábel por razóns internas de transmisión dos textos: a terminación -i da P1 de pretérito é típica dos apógrafos italianos, diverxentes neste caso daqueles transmitidos polo Cancioneiro da Ajuda, que en xeral presenta soube: soube A / soubi B (159.3, 279.15, 300.2) e soube A / soubi BV (417.9, 807.17). Xustamente por iso quizais a única segmentación ‘segura’ de soub’i debe ser a realizada nunha cantiga de Roí Fernandiz de Santiago, onde son coincidentes A, B e V (900.9).
Obsérvese como que cumpre diferente función nos sucesivos refráns, pois é completivo nas estrofas I e III e ten valor consecutivo na estrofa II, cunha variación funcional que encontramos en máis cantigas. Cfr. nota a 27.4.
Neste verso rexístrase a forma Clemenço (reaparece tamén nas cantigas 1217, 1218 e 1219 de Nuno Treez), procedente dunha base latina con cl- inicial (cfr. o erro <d>/<cl> en V) de onde esperariamos un resultado [t͡ʃ] ou [cr]. Esta variante fonética para o tratamento do grupo latino cl- debe ser relacionada coa evolución doutros grupos, como pl- e fl-, que, para alén do resultado [t͡ʃ], ofrecen, nalgúns vocábulos, como resultado diverxente a solución rotatizada cr-, pr- e fr-; neste sentido, convén insistir na frecuencia con que no territorio galego-portugués alternan as solucións cr-/cl-, pr-/pl- e fr-/fl- pola vacilación fonética [ɾ] ~ [l] nestes grupos. Así, a carón dos xerais prazer e preito, achamos un caso de pleito (434.13) e mais o sistemático planeta (1340.2, 3, 8, 12 e 27; 1451.23), para alén de bastantes casos de plazer: 7.44, 9.1, 20.23, 62.3, 102.11, 412.29, 924.3, 1624.1. Por súa vez, sendo clerigo forma única, existe vacilación entre clerizia (1340.11, 1497.36) e crerezia ~ crerizia (888.43, 917.3); por último, fronte ao maioritario frol e fror, rexístrase tamén flor (113.15, 517.17, 551.16, 585.1 e 4, 864.19, 866.2), para alén do antropónimo Flores (530.9, 772.10).
San Clemenço fai referencia a San Clemenço do Mar (véxase cantiga 1217), unha ermida con esta advocación na Illa do Santo do Mar na costa de Marín (na parroquia de Ardán) (véxase Souto Cabo 2018: 89).