1121 [= RM 122,4]
Jurava-mi o meu amigo

Jurava-mi o meu amigo,
quand’el falava comigo,
que nunc’alhur viveria
sen mí, e non mi queria
tan gran ben como dizia.
Foi un dia po-lo veer
a Santa Marta e maer
u m’el jurou que morria
por mí; mais non mi queria
tan gran ben como dizia.
Se m’el desejasse tanto
como dizia, logo ant’o
tempo que disse verria;
mais sei que me non queria
tan gran ben como dizia.
Pod’el tardar quanto quiser,
mais por jurar, quando veer,
ja vo-lh’eu non creeria,
ca sei que mi non queria
tan gran ben [como dizia].
Ai, fals’é porque mentia
quando mi ben non queria!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 

Manuscritos


B 1119, V 710

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 318-319 [= LPGP 804]); Cohen (2003: 350); Littera (2016: II, 329-330).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 250-251); Braga (1878: 136); Machado & Machado (1956: V, 179);  Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 95); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 202).

Variantes manuscritas


2 quand’el] Qn̄del B : qn̄del V   4 queria] q̄iria B : queiria V   5 gran] grã B    5-6 dizia. / Foi] dizi /Affoy V   8 morria] moiria B   10 tan] tā(m) V   10 como] cōmo B   13 verria] viria B   15 gran] grã B   17 quando] qwudo B : qn̄ V; veer] ue\h/er B   18 ja vo-lh’eu] Jauolhieu B   20 gran] grã B   22 quando] qn̄ do V

Variantes editoriais


4 mi] me Nunes   7 maer] mãer Cohen   14 me] mi Cohen   18 vo-lh’eu] o lh’eu Nunes   21 Ai, fals’é porque] Ai, fals’, e por que Cohen, Littera

Paráfrase


(I) Xurábame o meu amigo, cando falaba comigo, que nunca viviría noutro lugar sen min, e non me quería tanto como dicía. 

(II) Fun un día a Santa Marta por velo e quedar alí onde me xurou que morría por min, mais non me quería tanto como dicía. 

(III) Se el me desexase tanto como dicía, viría antes do que dixo, mais sei que non me quería tanto como dicía.

(IV) Pode tardar el canto queira, mais aínda que xure, cando viñer, eu xa o non crerei, pois sei que me non quería tanto como dicía.

(1) Ai, é falso porque mentía cando ben non me quería!

Métrica


Esquema métrico: 7’a 7’a 7’b 7’b 7’B (I, III [= RM 42:25]) + 8a 8a 7’b 7’b 7’B (II, IV [= RM 42:17]) + 7’b 7b’

Encontros vocálicos: 1 -mi͜ o; 12 logo‿ant’o

Notas


Texto
  • *

    Nótese a repetición de queria como palabra rimante no cuarto verso de todas as estrofas.

  • 4

    A confusión e vacilación nas formas de copretérito e pospretérito do verbo querer (queria / querria) son moito frecuentes no corpus e mesmo intercambiábeis en determinados contextos. Neste verso, o erro de BV é evidente a partir da aparición de queria como palabra rimante do 4º verso de todas as estrofas.

  • 6

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), debida á acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece de tanto en tanto como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 7

    Nova alusión de Pero de Berdia (véxase UC 1120 e 1123) á ermida da parroquia de Berdía, pertencente ao concello de Santiago de Compostela.

  • 10

    A forma <cōmo> de B, que tamén se encontra en V, exhibe unha factura latinizante que aparece esporadicamente nesta conxunción nos apógrafos italianos, mais que é moi frecuente na prosa galego-portuguesa. Véxase nota a 63.2.

  • 12

    O rimante ant’o mostra a presenza do artigo en crase con ante, incorporando o pronome identificador á rima tanto : ant’o, que lembra o uso da forma feminina do artigo en Pedr’Eanes Solaz nunha situación rimática moi similar (dia : vi a):
              Se a non viss’aquel dia,
              muito me fora melhor,
              mais quis Deus enton, e vi a
              mui fremosa mia senhor (1236.21).

  • 18

    Na poesía trobadoresca galego-portuguesa é moi frecuente o encontro dos pronomes vos e lhe (ou lhi) polo frecuente uso de vos como dativo ético; este encontro resólvese asimilando a consoante alveolar á lateral palatal (106.14, 135.7, 142.13, 216.18, 254.16, 393.15, 490.13, 562.11, 722.16, 767.2, 819.2, 971.17, 1648.12), coa única excepción en 1388.8. A mesma solución se encontra nas Cantigas de Santa Maria (CSM 135.69, 151.38, 203.4, 265.102), mesmo algunha vez na secuencia pois + lle:

    e poy-ll’ ouveron comprada, un dia ante da luz
    moveron do porto Dovra (CSM 35.115);

    e poi-ll’ alçaron a mesa, foi catar logo correndo
    logar en que o fezesse (CSM 45.37);

    foi enton ela moi leda poi-ll’ el diss’ onde vẽera (CM 55.72).

  • 21

    A proposta de Cohen (aceptada en Littera), cunha diferente interpretación de <e> e modulación interrogativa da fiinda tamén é lexítima:

    Ai, fals’, e por que mentia
    quando mi ben non queria?

Buscar
    Non se atopou ningún resultado