216 [= Tav 43,16]
Sennor fremosa, conven-mi a rogar

Sennor fremosa, conven-mi a rogar
por vosso mal, enquant’eu vivo for,
a Deus, ca faz-me tanto mal Amor
que eu ja sempr’assi ll’ei de rogar:
que El cofonda vós e vosso sén
e min, sennor, porque vos quero ben,
e o Amor, que me vos faz amar.
E vosso sén, porque en mí errar
vos faz tan muito, serei rogador
a Deus assi: que confonda, sennor,
el muit’e vós e min, en que errar
vos el faz tanto; e al mi ar conven
de lle rogar: que ar cofonda quen
me non leixa convosco máis morar,
e os meus ollos, a que vos mostrar
fui eu porque viv’oje na maior
coita do mundo, ca non ei sabor
de nulla ren u vo-lles eu mostrar
non poss’, e Deus cofonda min por én
e vós, sennor, e eles, e quen ten
en coraçon de me vosco mezcrar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


A 116, B 232

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 241-242); Spampinato Beretta (1987: 82-83 [= LPGP 297]); Littera (2016: I, 318-319).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 99-100); Carter (2007 [1941]: 70-71); Machado & Machado (1949: I, 377-378); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 216).
III. Antoloxías: Diogo (1998: 104); Arias Freixedo (2003: 194-195).

Variantes manuscritas


3 faz-me] mj faz B   5 cofonda] cofunda B   6 min] mj B; porque vos] que uus A   7 vos] uos A   8 porque en mí errar] que por en mi errar A : q̄ pᵉ enmj̄ eirar B   10 confonda] cofonda B   11 (el muyto eal mar uē) / el muyto uos e mj̄ uos enq̄eirar B   12 vos] uus A; El faz tanto, e al mi ar] faz tā muyto eal mar B   13 lle] lhi B   14 convosco] conuusco A : uosco B   15 vos] uus A   17 mundo, ca non] mude nō B   18 lles] lhis B   19 cofonda min] confonda mi B   20 e vós] (euos) euos B   21 mezcrar] mizcrar B

Variantes editoriais


6 vos] vus Michaëlis, Spampinato Beretta   7 vos] vus Michaëlis, Spampinato Beretta   8 porque en mí errar] que por en mi errar Michaëlis : que por én mi errar Spampinatto BerettaLittera   9 vos] vus Michaëlis, Spampinato Beretta   12 vos] vus Michaëlis, Spampinato Beretta   14 convosco] convusco Michaëlis : vosco Spampinato Beretta   15 vos] vus Michaëlis, Spampinato Beretta   19 min] mi Littera

Paráfrase


(I) Señora fermosa, convenme rogar a Deus polo voso mal, en canto eu estiver vivo, porque me fai tanto mal Amor que eu xa sempre lle hei rogar así: que El vos confunda a vós e ao voso xuízo e a min, señora, porque vos amo, e a Amor, que me fai amarvos.

(II) E canto ao voso xuízo, porque el vos fai errar tanto en relación a min, rogareille a Deus así: que o confunda moito a el, señora, e a vós e a min, en quen el tanto vos fai errar; e tamén me convén rogarlle outra cousa: que confunda tamén a quen non me deixa morar máis convosco, (III) e aos meus ollos, a quen eu vos fun mostrar, porque hoxe vivo na maior coita do mundo, pois non sinto gusto por nada cando eu non podo mostrarvos a eles; e Deus me confunda a min por iso e a vós, señora, e a eles, e a quen ten a intención de me pór a mal convosco.
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:29)

Encontros vocálicos: 1 -mi‿a; 12 mi‿ar

Notas


Texto
  • *

    Esta composición, un tanto heterodoxa canto ao contido, ten continuidade na cantiga seguinte (nº 217).
    Por outra banda, as edicións precedentes isolan sintacticamente todas as estrofas da composición; porén, está próxima ás cantigas ateúdas, con ligazón copulativa das dúas primeiras estrofas (véxase nota a UC 74).

  • 1

    As estruturas verbais conviir + a + infinitivo (v. 1) e conviir + de + infinitivo  (vv. 12-13) mostran a necesaria presenza do nexo preposicional (a ou de) cando a forma conxugada de conviir vai seguida de infinitivo, xa que só está ausente o nexo cando o infinitivo vai anteposto: pois m’escolher conven (377.19), perfiar me conven! (1337.21), colher non conven (1679.8). Véxase Glosario, s.v. conviir.

  • 3

    Neste verso localízase unha anómala posposición do clítico nunha cláusula causal introducida por ca, como acontece moi esporadicamente no corpus (véxase nota a 22.10). No entanto, nótese como en B aparece a xeral anteposición do clítico nunha cláusula subordinada causal.

    Na prosa pode acharse moi esporadicamente algún uso similar. et outrosi moy bõos pascos pera os gáándos, que rregauasse toda por pe ante que Deus destroysse aSsodoma et aGomorra por la maldade dos que em ellas morauã (Martínez López 1963: 190); tamén na Crónica Geral de Espanha de 1344: E el ouve dello grande pesar, ca amavaa muyto de coraçon (Cintra 1952-1990: IV, 442).

  • 5

    Ao longo da cantiga aparecen diversos pronomes (vós, v. 5; min, v. 6;  el, vós e min, v. 11; min, v. 19; vós e eles, v. 20) como complementos directos sen preposición, como forma libre, feito frecuente na lingua trobadoresca.

  • 6

    A métrica indica a necesidade de emendar a lección que de A a través do porque copiado en B.

  • 8

    Neste verso semella indubitábel a utilización de errar coa preposición en (véxase a reiteración da rexencia na UC 549: non querra Deus que err’en mí (v. 5); non querra que o seu bon sén / err’en min (v. 14); que non querra que o bon sén / err’en min (v. 20). A partir deste feito, para achar coherencia na pasaxe, consideramos a existencia dun erro de transmisión, coa troca de posición dos elementos que e por, de modo que a estrofa comeza cunha concordancia ad sensum: ‘Canto ao voso sén, porque...’.

  • 10

    Para alén da aparición de confunda en 115.27 (véxase nota), na lingua da poesía trobadoresca profana é xeral a forma cofonder, con evolución [nf] > [f] (véxase Ferreiro 1999: §101e), similar á variación inferno ~ iferno (véxase nota a 379.11), sendo minoritaria a forma máis conservadora confonder (só en 203.8, 216.10, 1050.5, 1224.15, 1407.6 e 1650.14). Con todo, a variación cofonder ~ confonder aparece con frecuencia nos cancioneiros: cofonder A vs. confonder B (197.28, 216.19), cofonder B vs. confonder A (194.7, 203.8, 216.10), cofonder B vs. confonder V (990.11, 1050.12, 19 e 22, 1497.27), cofonder V vs. confonder B (990.12, 1224.15, 1650.14). Cf. nota a 379.11.

  • 11-12

    O pronome el refírese ao sén da senhor, que xa aparece no v. 8 (vosso sén) como responsábel do erro contra o trobador.

  • 12-13

    Véxase nota ao v. 1.

  • 14

    Obsérvese como vosco en B (edición de Spampinato) suporía a contaxe bisilábica de mais neste verso (véxase nota a 12.8).

  • 18

    Na poesía trobadoresca galego-portuguesa é moi frecuente o encontro dos pronomes vos e lhe (ou lhi) polo frecuente uso de vos como dativo ético, resolto cunha asimilación da consoante alveolar á lateral palatal (106.14, 135.7, 142.13, 216.18, 254.16, 393.15, 490.13, 562.11, 722.16, 767.2, 819.2, 971.17, 1121.18, 1648.12), coa única excepción en 1388.8. A mesma solución se encontra nas Cantigas de Santa Maria (CSM 135.69, 151.38, 203.4, 265.102), mesmo algunha vez na secuencia pois + lle: e poy-ll’ ouveron comprada, | un dia ante da luz / moveron do porto Dovra (CSM 35.115); e poi-ll’ alçaron a mesa, | foi catar logo correndo / logar en que o fezesse (CSM 45.37); foi enton ela moi leda | poi-ll’ el diss’ onde ve͂era (CM 55.72).

  • 19

    De novo estamos perante a forma mi(n) como complemento directo sen preposición (véxase nota a 10.1), que se reitera no corpus en especial co verbo co(n)fonder: Cofonda Deus a que filhar o meu / amig’, e min, se eu filhar o seu (1008.19-20); e que cofonda min, se verdad’é (1050.21); confonda Deus log’i mí / muit’, e vós (1224.15).

  • 21

    Verbo de mezcrar, en B aparece a variante mizcrar, maioritaria no conxunto do corpus (véxase nota a 148.24).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado