O refrán da segunda estrofa (o v. 1) foi copiado como se fose o inicio dunha nova estrofa.
I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 692 [= LPGP 325]); Littera (2016: I, 358).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 21); Machado & Machado (1949: I, 84); Rios Milhám (2017: I, 38).
2 morrer] moirer B 6 morrer] moirer B 9 mentr’oer] ment’u oer B; oj’ei] ogev B
9 mentr’oer esta senhor que] mentr’eu oer’ esta senhor qu(e) Michaëlis : mentr'houver esta senhor que Littera
(I) Que axuizadamente obrou a miña señora, que agora non me quixo deixar morrer de amor, pois xa mentres eu vivo for terei sempre que lle agradecer, porque me mostrou a súa bela figura e non me quixo deixar morrer de amor.
(II) Sempre eu roguei a Deus pola miña morte desde hai moito tempo e xa nunca máis o farei mentres eu tiver esta señora que hoxe teño, nin Deus nunca me deixe ter outra, porque me mostrou a súa bela figura e non me quixo deixar morrer de amor.
Esquema métrico: 2 x 10a 10a 10a 10b 10B 10B (= RM 19:14)
Cousimento ‘discreción, siso’ é voz de orixe provenzal usada con relativa frecuencia, fundamentalmente nas cantigas de amor (36.26, 110.4, 116.22, 117.15 e 18, 156.2, 978.2, 1062.11, 1408.12), xunto cos verbos cousir e cousecer (véxase Glosario, s.v.), da mesma familia semántica e de amplo uso no corpus trobadoresco. Véxase García-Sabell Tormo (1991: 103-105).
As formas como le[i]xar e que[i]xar (e derivados), con aparente absorción da vogal palatal por parte de /ʃ/, son certamente esporádicas no corpus (só en 371.27; 637.1, 726.1, 791.6, 1319.3, 7 e 14; 1547.20), e son produto de omisións por parte dos copistas: <quexume> A, <queixume> B queixume (238.3); <lexedes> A, <leixedes> BV lexedes (387.9); <quexume> B, <queixume> V queixum’e (785.2); <lexou> B, <leixou> V leixou (989.30), <lexou> B, <leyxou> V leixou (1319.7), <lexad> B, <leixad> V leixad[e] (1365.2).
A hipermetría versal só pode resolverse mediante a expunción do pronome eu, moitas veces adventicio, de modo que se evite a crase ou sinalefa de que, sistematicamente rexeitada na poética trobadoresca (véxase Ferreiro 2009; cfr. nota a 18.23): así se verifica nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.
Por outra banda, o radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. oess(e) B); 64.4, 65.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).