1423 [= RM 79,26]
Joan Fernandez, o mund’é torvado

Joan Fernandez, o mund’é torvado
e, de pran, cuidamos que quer fiir:
veemo-lo emperador levantado
contra Roma, e Tartaros viir,
e ar veemos aqui don pedir
Joan Fernandez, o mouro cruzado.
E sempre esto foi profetizado,
par D[e]us, cinque o[s] sinaes da fin:
seer o mundo assi como é mizcrado
e ar torná-s’o mouro pelegrin,
Joan Fernandez, creed’est’a mi[n],
que soo ome [mui] ben leterado.
E, se non foss’o Antecristo nado,
non averria esto que aven
nen fiar’o senhor [e]no malado
nen o malado [e]no senhor ren,
nen ar iria a Jerusalen
Joan Fernandiz, [se]non bautiçado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


V 1013 (f. 163r, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 352 [= LPGP 536]); Lopes (2002: 241); Littera (2016: I, 616).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 349); Braga (1878: 192); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 272-273); Machado & Machado (1960: VII, 108).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 393); Fonseca (1971: 61); Álvarez Blázquez (1975: 118); Landeira Yrago (1975: 96); Torres (1977: 183); Correia (1978: 168); Tavares & Miranda (1987: 16-17); Jensen (1992: 174); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 169); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 142); Marcenaro (2006: 94-96); Mongelli (2009: 231).

Variantes manuscritas


8 D[e]us, cinque] dꝯ ceriq̅ V

Variantes editoriais


8 par D[e]us, cinque o[s] sinaes] par dez e cinque sinaes Lapa : par dous e cinco sinaes Lopes, Littera   9 mizcrado] miscrado Littera   12 soo] sõo Lopes, Littera   15 fiar’o senhor [e]no] fiar[a] o senhor no Lapa, Lopes, Littera   18 Fernandiz] Fernández Lapa, Lopes, Littera; [se]non bautiçado] [o] non bautiçado Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Joán Fernández, o mundo está revolto e, certamente, pensamos que quere finar: vemos o emperador levantado contra Roma, e os Tártaros viren, e tamén vemos aquí pedir dádiva, Joán Fernánde, o mouro cruzado.
(II) E, por Deus!, sempre isto foi profetizado, cinco os sinais da fin: estar o mundo así como está revolto e tamén tornarse peregrino o mouro, Joán Fernández, crédeme isto a min, que son home moi sabio.
(III) E se o Anticristo non tivese nacido, non acontecería isto que acontece, nin nada confiaría o señor no criado nin o criado no señor, nin tampouco iría a Xerusalén, Joán Fernández, agás bautizado.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 10b 10’a (= RM 79:10)

Encontros vocálicos: 3 -loemperador; 9 mundoassi comoé; 15 fi·a·r’o

Notas


Texto
  • *

    Joan Fernandiz é probabelmente o mesmo personaxe que aparece nas cantigas de Martin Soarez (tamén en UC 1388), Joan Soarez Coelho (UC 1422, 1423), Roi Gomez de Briteiros (UC 1562, 1563) e Afons’Eanes do Coton (UC 1627), como Joan Fernandiz ou Joan Fernandes.
    Este mouro Joan Fernandiz, un personaxe ligado ao mundo musulmán en todas as cantigas do ciclo, non foi até agora identificado con ningunha figura histórica coñecida, a pesar das suxestións do Projeto Littera (s.v. João Fernandes). Véxase tamén Barbieri (1999b) e Marcenaro & González (2024, s.v. Johan Fernandez2).

  • 2

    Fiir (< lat. fīnīre ‘acabar’) é voz que desaparece axiña na lingua; véxase algunha documentación antiga (cfr. CGPA): 

    en que acordaren correger et emendar ca que quiseren se les prouver ata quel dia que ouveren asinalado para fiir a preyto (doc. de 1287, ed. Romaní Martínez); 

    Conde, pera se aver de fĩĩr a guerra nossa e vossa e de meu irmãão, el rey de Navarra, tenho por bem que cassees com mynha sobrinha (Crónica Geral de Espanha de 1344, ed. Cintra).

  • 3-4

    Estes versos, de claro sentido escatolóxico, fan referencia ao contexto convulso en que se desenvolveu, por unha banda, a loita entre Frederico II, rei de Sicilia (1198-1250) e emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico (1220-1250), contra o Papado, nomeadamente contra Gregorio IX (1227-1241), quen o excomungou en diversas ocasións, e Inocencio IV (1243-1254); e, pola outra, a invasión dos Mongois, os Tartaros, que, en tempos de Ogodei, fillo de Xenxis Khan, e especialmente desde 1240 chegaron a diversas rexións da Europa oriental, caso de Polonia e Hungría (véxanse Santos 2005: 349-353, e García Espada 2025).

  • 6

    O cruzado é aquel que participa nunha cruzada para libertar a Terra Santa (dos mouros). Por outra parte, e seguindo a proposta interpretativa de Ventura Ruiz (2015: 1.179-1.182) sobre a cruzada da Balteira, podería entenderse tamén nun sentido amplo como calquera outra persoa que procedería a comprar os privilexios de cruzado a través das bulas da Santa Cruzada.

  • 8

    A secuencia <dꝯ ceriq̅> xerou diversas interpretacións canto ao número de sinaes da fin do mundo. A nosa proposta parte de considerar <dꝯ> como un erro por <deꝯ> e ler <ceriq̅> como cinque, opción paleograficamente factíbel. Deste modo, os cinco sinais de que o mundo torvado quere fiir serían os seguintes: o emperador levantado contra Roma (v. 3), a invasión dos Tártaros (v. 4), Joan Fernández, o mouro cruzado (vv. 5-6), o mundo mizcrado (v. 9) e o mouro que se converte en pelegrin (v. 10).

  • 9

    Mizcrado equivale neste contexto a ‘revolto, confuso’ (véxanse tamén outras ocorrencias desta variante en 148.24 e 1633.12). En xeral, mizcrar (de mĭsculāre, relacionado co lat. cl. mĭscēre ‘mesturar’) é usado co valor de ‘intrigar, malquistar’ (212.7, 1043.2, 1419.26, 1423.9); concorre con mezcrar (216.21) e mais con miscrar (938.1, 1597.9); as dúas primeiras formas presentan africada sonora implosiva, de modo similar a mezquinho (370.3, 1672.17), que tamén concorre no corpus profano con mesquinho (1579.11) e misquinho (1440.7).

  • 10

    Nótese a asimilación [ɾs]>[s̺] por fonética sintáctica entre o infinitivo e o pronome se torná-s(e)–, que lembra a asimilación pos-seu (‘por seu’), que aparece reiteradamente na cantiga 283 e que reaparece en 303.14 e 349.3, en todos os casos a partir de A, fronte ás leccións por seu de B e V. Cfr. unha asimilación similar en pa-ssan Denis nas Cantigas de Santa Maria (CSM 238.62).
    A forma pelegrin era a usual na Idade Media (peregrin só conta cunha ocorrencia no Corpus do Galego-Portugués Antigo), pois peregrino é voz latinizante que comeza a ser usada fundamentalmente no século XV (cfr. CGPA).

  • 12

    Na Idade Media, a voz erudita leterado, con manutención da vogal pretónica, era aínda máis usual do que letrado (véxase CGPA, s.v.).

  • 15-16

    Malado ‘criado, servente’ só volve aparecer nunha cantiga de Martin Soarez (1381.11). Non é voz común na Idade Media, e só achamos malado nos Foros de Garvão, do século XIII: 

    salueselj na cruz cõ do(us) hom(e)s q(ue) nõ seiã malados Alẽos nẽ falsos nẽ destestados (...) Et se o Cauall(e)i(r)o ou peom ou hom(e) solteyro ferir a malado allẽo aía con el meyo ioyzio (...) e se o malado Allẽo A Cauallo Aía Juyzo d(e) peõ p(or)que e mallado allẽo (cfr. CIPM, s.v.).

    A minoritaria forma eno aparece con certa frecuencia nas cantigas, a convivir con no e, en menor medida, enno, circunstancia que favorece a súa escolla para salvar a hipometría do verso. Ademais, ao longo dos cancioneiros detéctase con frecuencia a presenza de no(s) ~ na(s) en B cando A achega a lección correcta eno(s) ~ ena(s) (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).

  • 18

    Perante a ausencia de unha sílaba no verso, dúas son as opcións maís plausíbeis para restaurar a medida mantendo o entendemento equívoco provocado pola sintaxe:
    a) a reconstrución dunha partícula adversativa, senon, permite entender o nome Joan Fernandez como vocativo a quen se dirixe a voz poética ou como suxeito de iria: ‘nin tampouco iría a Xerusalén, Joan Fernandez, agás quen estiver bautizado’, mais tamén ‘nin iría a Xerusalén Joan Fernandez, agás que se bautizase’;
    b) outra opción, adoptada por Lopes e Littera, sería restaurar un aritgo referido ao nome Joan Fernandez, que tamén podería entenderse como vocativo ou como suxeito de iria: ‘e tampouco iría a Xerusalén, Joan Fernandez, o non bautizado’, mais tamén ‘e tampouco iría a Xerusalén Joan Fernandez, o non bautizado’.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado