I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 96 [= LPGP 179]); Nunes (1973 [1928]: 49); Cohen (2003: 635); Littera (2016: I, 239).
II. Outras edicións: Moura (1847: 186-187); Monaci (1875: 79); Braga (1878: 40); Machado & Machado (1952: III, 234-235); Júdice (1997: 73); Montero Santalha (2004).
1 quen] queu V 5 vio] uyu V 6 morrerá] moirera B 10 Santa] sancta B 12 morrerá] moirera B
5 vio] viu Lang, Nunes, Cohen, Littera 6 por én] [e] por én Nunes 9 vos] vós Lang; vio] viu Lang, Cohen, Littera 12 por én] [e] por én Nunes
(I) Amiga, aquel que vos ama e por vós é coitado e di que é voso, desde que se namorou non foi feliz, seino eu: por iso morrerá, e por iso me é doloroso.
(II) Aquel que padeceu forte coita desde o día que vos viu, que para el é a morte, por Santa María, nunca sentiu pracer nin ben: por iso morrerá, e iso a min moito me pesa.
Esquema métrico: 2 x 6’a 6’b 6’a 6’b 7c 6D 7c (= RM 110:2)
Encontros vocálicos: 5 vi͜o; 10 vi͜o
A lacuna textual en BV, sinalada con + en B, é doadamente cuberta conforme a necesaria rima -ama, a medida (dúas sílabas no v. 1) e o sentido: por vós (v. 2) solicitado por seer coitado.
A representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu e a esporádica -io, mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as representacións implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (véxase, por exemplo, 614.1-8), ou aqueloutras situacións en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).
De todos os xeitos, neste caso existe variación entre B (vio) e V (viu), que non volvemos localizar no corpus.
Nótese a presenza do provenzalismo greu, que concorre na lingua trobadoresca, sempre en rima, coa forma xeral grave.
A reintegración da copulativa, necesaria pola métrica, é paralela á súa presenza no v. 7. Ademais, en posición inicial é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).