I. Edicións críticas: Ron Fernández (1998: II, 590); Littera (2016: II, 31).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 249); Braga (1878: 135); Machado & Machado (1956: V, 172 [= LPGP 370-371]); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 93-94); Seoane (1941: 154-155).
4 canto] tanto B 5 ar] al BV 6 mercee] m’ceē B : m̃ceẽ V 7 e el é] E el B : el he V 8 e] et V; mao] muy maao BV 9 reis] Rex B : rex V; mouros] mourus V; cristãos] xp̄ian9 B : xpāa9 V 10 mentre] Merce’ B 11 mãos] maāꝯ B : mãaꝯ V 12 ifante] yfan’t B : ysant̃ V; Pero] pº BV 15 e] et V; e] et V; sempre] sempe B 17 falemos] falemus V 18 irmão] Irmāao B : irmātio V 19 e] et V 20 apres’ei] apesey B 21 seu o tesouro] sō ethesouro B : seu o chesouro V 22 França] frāca B : franza V 23 ben prata] bō peta B 24 daria] Dariā B
5 ar] al Ron Fernández 7 e] om. Ron Fernández 8 e eu sõo mao] et eu sõo mui mao Ron Fernández : e eu som mui mao Littera 9 Os reis, mouros [e] cristãos] Os rex mourus, christianos Ron Fernández 11 mãos] maanos Ron Fernández 12 e] et Ron Fernández; Pero] Pedro Ron Fernández, Littera 15 e ... e] et ... et Ron Fernández : é ... e Littera 17 falemos] falemus Ron Fernández 18 irmão] irmãao Littera 19 e ... diremos] et ... diremus Ron Fernández 23 come] como Littera
(I) Sexa moita a vida deste rei de Portugal, que cada ano me ten (ao seu servizo) a cambio de froita, aínda que eu canto mal; e vou moi confortado polo favor que el me fai, e el é rei cumprido e eu son un mal rapaz.
(II) Os reis, mouros e cristiáns, téñanlle medo mentres viva, pois el ten moi boas mans, e o infante don Pedro, o seu fillo, que se atreve a matar un grande oso, e alén diso, e sempre, procura velar polo rei, seu pai.
(III) E falemos tamén do conde, que é irmán do rei, e moito ben del diremos, segundo como aprendín: se fose seu o tesouro que ten o rei de Francia, tanto a prata como o ouro, todo o daría conforme o seu criterio.
Esquema métrico: 7’a 7b 7’a 7b 7’c 7d 7’c 7d (I, III [= RM 112:3]) + 7’a 7’b 7’a 7’b 7’c 7d 7’c 7d (II [= RM 112:5])
Encontros vocálicos: 3 cada‿ano mi‿á; 8 sõ͜o ma·o; 20 como‿apres’; 24 todo,‿a
Esta cantiga foi considerada tradicionalmente pola crítica como unha louvanza do rei Afonso IV de Portugal, sucesor de Don Denis, así como do príncipe Pedro, seu fillo, e mais do conde Don Pedro de Barcelos, seu medio irmán. Porén, Xabier Ron (1998) propuxo a que coidamos é a correcta interpretación da parte relativa ao rei Afonso IV (até o v. 11). Ao contrario dos versos referidos ao infante e ao conde, que si son laudatorios, os primeiros versos rezuman ironía contra o novo rei: lonxe de agasallar os xograres como o fixera seu pai Don Denis (con panos e aver ‘dinheiro’) dáballes unha má alimentación a base de fruita, da que ademais tiñan que estar agradecidos, como parece deducirse dos irónicos vv. 5-8. Esta interpretación faise evidente se se le esta cantiga en relación coa cantiga seguinte (UC 1119), un pranto pola morte de Don Denis onde se louva postumamente o seu papel protector de trobadores e xograres e a súa prodigalidade con estes, e onde se fai patente a gran perda que a súa morte supuxo para os axentes trobadorescos.
Tal como chegou a nós a copia dos apógrafos italianos, en B foi omitido é, mentres que en V falta a copulativa inicial.
Neste verso é necesario computarmos como monosilábica a forma verbal sõo, aínda que, en xeral, as formas derivadas de *sono (> sõo > soo) funcionan como bisilábicas (só é unisilábico sõo en 14.19, 63.12, 292.18, 317.18, 1629.2, e soo en 1431.1, 1577.2). Ademais, a aparición de mui en BV, que converte o verso en hipermétrico, mostra como, especialmente nos apógrafos italianos, aparecen con certa frecuencia elementos que deben ser omitidos. Para a intromisión espuria de mui véxase, por exemplo, B vs. A (257.1), A vs. B (369.3, 998.10), BV vs. A (417.15), B vs. V (423.17, 810.14), así como 812.14 ou 995.5.
Por outra banda, nesta composición xa se detecta a aparición dun fenómeno gráfico de carácter tardío, cal as duplicacións antietimolóxicas de vogais en hiato nas terminacións -ao e -ão: mao <maao> BV (v. 8); mãos <maā9> BV (v. 11); irmão <Irmāao> B, <irmātio?> V (v. 18). De feito, ao longo do corpus das cantigas <-aao> rexístrase en mao (485.20, 880.6, 1344.31, 1585.9, 1619.8), pao (1344.25, 1587.6, 1619.11), vao (1344.29), así como no conglomerado dá-o (1344.27). O mesmo trazo pode observarse tamén na terminación -ão de cristão, mão, irmão, vilão etc. E similar hábito gráfico pode observarse tamén na terminación -ão de cristão, mão, irmão, vilão etc. Véxase nota ao v. 11.
Este verso mostra o evidente latinismo gráfico <rex> reis, frecuente na Idade Media, especialmente na prosa historiográfica; de calquera modo, é un latinismo similar a <et> e (cfr. nota a 65.7), <absconde> B asconde (cfr. nota a 63.2) ou <cum> con (cfr. nota a 91.1), entre outros.
Ademais, no Cancioneiro da Vaticana volve aparecer a terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<mourus>, v. 9; <falemus>, v. 17); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.
Por outra parte, a forma abreviada de cristãos <xp̄ianꝯ> en B suxire a presenza de -n- como simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ã/, de modo similar a outras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <bona> bõa e, esporadicamente, en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽ o, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.
Resulta sorprendente que, seguindo os hábitos dalgúns editores italianos, se desenvolva a nasalidade vocálica como unha consonante nasal explosiva (chistianos, manos) no estabelecemento do texto, por canto supón un erro de interpretación gráfico e, sobre todo, fonolóxico do texto medieval.
A abreviatura <pº> é susceptíbel de ser interpretada como Pedro ou como Pero, forma que preferimos porque se axusta –imperfectamente– á rima con medo (v. 12), que constitúe unha rima defectuosa que, dificilmente clasificábel, forma grupo con outras diversas como as seguintes: nemiga : preitesia (494.7.8), 1360.22-26 (voda : rengelhosa : fremosa), 1497.31-32 (Celorico : bispo), 1546.23-28 (senhora : Çamora : Gomorra) ou merecedes : franceses (1615.5-6). Véxanse notas a 206.4-6, 383.19-20, 427.5-6, 453.5-6 e 698.5-6.
O infante don Pero será o futuro D. Pedro I, rei de Portugal (1357-1367), fillo de D. Afonso IV.
Mão, como outras voces terminadas en -ão (e en -ao, nomeadamente mao, véxase nota a 485.20), presenta nos apógrafos italianos a forma gráfica <aāo> ou <āao>, con duplicación vocálica característica destes encontros vocálicos, presente na escrita galego-portuguesa desde os seus inicios e con frecuencia progresiva nos textos finais da Idade Media. No corpus das cantigas achamos <-aão>, con algunhas variantes e/ou lapsos de copia, en alão (1450.2), mão (382.21, 461.26, 1314.8, 1387.5), cristão (1119.21), Foão (1338.1), irmão (1118.18), temporão (1471.13), verão (1624.5) vilão (115.30, 1592.5). Véxase nota ao v. 8.
Igual que acontece con cofonder ~ confonder ou iferno ~ inferno, no corpus trobadoresco, e na lingua medieval, coexisten, sen flexión xenérica (a forma feminina só aparece no século XV, véxase CGPA, s.v. infanta), ifante e infante (< infantem), pois a primeira forma atéstase tamén en 550.6 e 1623.14, fronte a infante, que presenta máis ocorrencias (1334.2 e 14, 1335.3, 1618.1 e 15). Véxase nota a 379.11.
A variante usso, con evidente influencia do lat. ŭrsum, de onde a forma moderna portuguesa urso que substituíu a patrimonial osso, ten poucos rexistros na produción medieval, a teor dos datos subministrados polo Corpus Galego-Portugués Antigo (s.v. osso, usso).
O Conde é D. Pedro, Conde de Barcelos, o derradeiro trobador galego-portugués, e compilador do mítico Livro das Cantigas.