A orde das catro estrofas desta cantiga (a IV falta en A) é diferente na copia do Cancioneiro da Biblioteca Nacional: I-III-IV-II.
I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 192-193); Blasco (1984: 109-110 [= LPGP 824]); Marcenaro (2012b: 180-181); Littera (2016: II, 346).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 83-84); Carter (2007 [1941]: 55); Marques Braga (1945: 175-176); Machado & Machado (1949: I, 317-318); Fernández Pousa (1953: 10-11); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 181).
1 -me, si Deus me] mj sedeꝯ mj B 2 eu mui] eımuy B 4 que] qʷl B 6 vos] uus A 7 me] mj B; veerei] uerei A 11 -me de morrer] mj de moʳrer B 12 querria] q̄iria B 13 moiro] meyro B 14 vos] vos A 15 pesa] Cesa A; me] mj B; veerei] uerei A 17 En me] De mj B 18 faç’eu] faço B 19 de pran] muj bē B 21 e quen ora temo non temerei] pʳ enmj p̃z pʳ aq̄sto q̄ sei B 23 me] mj B; veerei] uerei A 30 direi] derey B
1 si] se Littera 6 vos] vus Michaëlis, Blasco 14 vos] v[u]s Blasco : vus Michaëlis 19 vos] vus Blasco 22 vos] vus Michaëlis, Blasco 25 vos] vus Michaëlis, Blasco 26 queria] queri(a) Michaëlis 28 e] a Michaëlis 30 vos] vus Michaëlis, Blasco
(I) Morro e práceme, así Deus me perdoe, e teño gran desexo da miña morte por non sufrir a grandísima coita de amor que sempre sufrín no meu corazón, porque logo perderei esta coita. E, amigos, direivos outra cousa: pésame moito porque non verei, antes de eu morrer, a miña luz e o meu ben.
(II) Adoitaba eu temer a miña morte e tiña gran gusto de vivir, e agora morro e práceme morrer e xa non querería vivir máis, e teño gran pracer porque morro. E, amigos, direivos outra cousa: pésame moito porque non verei, antes de eu morrer, a miña luz e o meu ben.
(III) Teño eu gran razón en me compracer coa miña morte, por Noso Señor, pois sei sen dúbida que, despois de eu morrer, perderei logo esta coita, e a quen agora temo non temerei. E, amigos, direivos outra cousa: pésame moito porque non verei, antes de eu morrer, a miña luz e o meu ben.
(IV) E quérovos agora expresar cal é o ben que eu quería ter: é a miña señora, de moi fermosa aparencia, a que me fai desexar a miña morte e a que nunca máis poderei ver. E, amigos, direivos outra cousa: pésame moito porque non verei, antes de eu morrer, a miña luz e o meu ben.
Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10D 10C 10D (= RM 175:1)
Encontros vocálicos: 9 So·i·a; 26 queria‿aver
Resulta sorprendente a reiterada aparición de verei en A, con crase vocálica a partir da forma precedente veerei e coa conseguinte hipometría versal, que a trisilábica forma veerei de B evita. En calquera caso, en B (e V) percíbese, con relación a A, unha maior tendencia á utilización de formas gráficas máis arcaicas de seer e veer no relativo á conservación de hiatos gráficos en posición pretónica: Tan vil vos serei [<seerei> B] de pagar (90.15), ca nunca vira, nen vi, nen verei [<ueerei> B] (178.6), u veran [<ueeram> B] ela que tan muito val (195.36) o entender máis como seria [<seeria> B] (236.7), ben vera [<ueera> B] que cab’ela non son ren (305.9), meu ben seria <seeria> B, <seeria> V]; mais non llo direi (996.15) etc.
Mantemos a lección de AB coa forma do, a pesar de que a fórmula habitual neste tipo de construcións de relativo é coa preposición de sen presenza do artigo (de que moiro). A fórmula presente neste verso (do que moiro) refírese, pois, a ‘todo aquilo que lle causa a morte’.
O texto do Cancioneiro da Biblioteca Nacional é totalmente diverxente da lección de A: por én mi praz por aquesto que sei.
Un dos motivos desta cantiga, expresado reiteradamente no refrán, é o desexo que o namorado ten de ver o seu lume e o seu ben antes de morrer por causa da coita. Os vv. 25-26 están formulados de forma que anuncian unha aclaración sobre o ben desexado, que é explicitado no v. 27: é mia senhor.
Agora ben, cinguíndonos ao texto de B, único manuscrito que transmite a estrofa IV, a edición destes versos sería a seguinte:
E quero-vos ora desenganar
qual ést’o ben que eu queria aver:
é mia sennor, do mui bon parecer...
Certamente, a identificación do ben desexado coa propia amada e o emprego do verbo aver para a expresión de tal desexo, supón unha formulación poética interesante. Porén, tal identificación sería un caso moi raro, por non dicir único, fronte aos numerosos casos en que se rexistra a fórmula con preposición de ou con posesivo (aver ben de mia senhor, aver ben da dona, aver ben de vós, aver vosso ben etc.).
É por iso que, tendo en conta, por un lado, a frecuente confusión entre os verbos aver e veer (véxase nota a 66.31), e por outro a relativa frecuencia da expresión veer ben, consideramos que tería lóxica emendar a lección aver do manuscrito para veer e editar o ben que queria veer, prescindindo do pronome eu por razóns métricas (así o fai Rios Milhám).
Formulacións parecidas en que o substantivo ben se pode entender como referido á propia dama e se utiliza co verbo veer encontrámolas no descordo de Nun’Eanes Cerzeo:
pero das terras averei soidade,
de que m’ora ei a partir despagado,
e sempr’i tornará o meu cuidado
por quanto ben vi eu en elas ja (108.18).
E tamén en cantigas en que o termo ben pode ser interpretado simultaneamente como adverbio ou como substantivo, referido á dama. Así nos versos finais de UC 388 de Joan Garcia de Guilhade:
ja Deus nunca me perdon
se ben vejo nen se ben ei;
se me Deus ajudar
e me cedo quiser tornar
u eu ben vi, ben veerei (vv. 17-21).
Ou na cantiga UC 947 de Joan Airas de Santiago:
e dizen que non vejo ben, senhor,
e verdad’é, seed’én sabedor,
u eu alhur sen vós ei de viver (vv. 8-10).
Con todo, nestas mesmas cantigas dáse un xogo poético entre as expresións aver ben e veer ben que, alén da proximidade fonética, parece estabelecer unha equivalencia de significado, pois ver o ben máis desexado, a dama, equivale a ter ben. Así o ocorre en UC 947, onde guarir sen vós, isto é, non ver a dama, equivale a non aver ben:
Dizen, senhor, que non ei eu poder
de veer ben, e, por vos non mentir,
gran verdad’é, quand’eu alhur guarir
ei sen vós, que non posso ben aver (vv. 1-4).
E tamén nos versos finais de UC 388 antes citados:
ja Deus nunca me perdon
se ben vejo nen se ben ei.
Neste marco, pódese manter o verbo aver presente no manuscrito, interpretando que o ben que quere ter (aver) antes de morrer é poder ver a súa señora, polo que encaixaría perfectamente co desexo expresado no refrán.