I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 677-678 [= LPGP 322]); Littera (2016: I, 352-353).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 18); Machado & Machado (1949: I, 73-74); Rios Milhám (2017: I, 30).
III. Antoloxías: Magalhães (2007: 114).
6 én] eu B 8 ventura] uentura B 11 pecad’, en] pccādē B 13 tod’] cod B 23 tenho] ceħo B
4 porque] por quê Michaëlis : Por que Littera 19 me] m(e) [ela] Michaëlis 21 o] o[u] Michaëlis
(I) Coido agora que teño razón en me queixar á miña señora, pois xa sabe o grande amor que lle teño, porque non ten vontade de me tratar mellor que cando (ela) non sabía nada diso.
(II) Mais que proveito me ha ter se eu, por ventura, me queixase a quen non lle ha de dar a iso ningunha importancia como agora lle dá? Porque, infelizmente, tanto lle ten o meu mal como o meu ben!
(III) Pero todo isto de que vale, pois eu nunca me lle queixarei mentres viva e aturarei canto ben e mal me faga? Mais queira Deus que me faga máis ben do que ten no seu corazón!
(IV) Se non me fai máis ben do que ten en mente facerme –un ben que eu espero recibir dela–, por como eu sei que ela me quere non comecei unha relación con ela, aínda que me convén sufrir.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c (= RM 160:345)
Encontros vocálicos: 19 má·is
Sería posíbel estabelecer nesta primeira estrofa unha modulación interrogativa nos vv. 4-6, que tamén condí co teor xeral da composición (así en Michaëlis e Littera):
Ora tenh’eu que ei razon
de me queixar a mia senhor,
pois sabe ja quan grand’amor
lh’ei: por que non á coraçon
de me fazer melhor por én
de quand’én non sabia ren?
Tendo en conta as múltiplas confusións e trocas entre <u> e <n> en B (e V), o contexto solicita a presenza do pronome én, tal como xa Michaëlis estabeleceu na súa edición.
Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.
Pecado presenta con frecuencia a grafía <peccado>, con consoante velar xorda dupla conforme a orixe etimolóxica, dun modo semellante a formas que aparecen, esporadicamente, con consoantes reduplicadas, como <abbadessa>, <sacco>, <soffrer>, <ella>, <anno> ou <attender>, entre outras, que reproducen as consoantes xeminadas latinas. Véxase nota a 7.44.
O provenzalismo cor (tamén no v. 20) compite con coraçon na lingua das cantigas.
O estatuto bisilábico de máis evita, de novo, calquera intromisión editorial, tal como aconteceu na edición de Michaëlis (véxase nota a 12.8). Porén, se se quixese evitar a bisilabicidade de mais nunha composición en que repetidamente aparece como monosílabo (vv. 7, 17), abondaría coa introdución dunha copulativa inicial de estrofa (casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.).
A editora xermano-portuguesa considerou necesaria a presenza da conxunción ou neste verso; con todo, o texto enviado por B ten pleno sentido.
Neste verso rexístrase a estrutura verbal conviir + de + infinitivo, en liña coa necesaria presenza do nexo preposicional (a ou de) cando a forma conxugada de conviir vai seguida de infinitivo, de xeito que só está ausente o nexo cando o infinitivo vai anteposto: pois m’escolher conven (377.19), perfiar me conven! (1337.21), colher non conven (1679.8). Véxase conviir + de + infinitivo en 216.12, 376.16, 634.10, 639.22, 1074.17, 1341.18, 1582.2.