36 [= Tav 47,24]
Pero que mia senhor non quer

Pero que mia senhor non quer
que por ela trobe per ren
nen que lhi diga quan gran ben
lhi quero, vel en meu cantar
non a leixarei a loar,
e pois, quando a vir, rogar-
-lh’-ei por Deus que lhi non pes én.
E non lhi devi’a pesar,
ante lhi devi’a prazer,
cuido-m’eu, por ome dizer
dela ben e po-la servir,
mais devia-lho a gracir,
e a mí, por mi-o consentir,
me pode por ja máis aver.
Se m’ela consentir quiser
aquesto que lh’eu rogarei,
que a serva, gracir-lho-ei
e[n]tanto com’eu vivo for;
e [ar] quer[r]ei-lh’a grand’amor
e, po-la aver eu melhor,
nunca lhi ren demandarei,
ca, coido-m’eu, demandad’é
que non podia máis seer,
o por que ome a seu poder
serv’e se non trabalha d’al:
se ali cousimento val
ou i conhocença non fal,
que á i pedir que fazer?
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 62

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 688-689 [= LPGP 324-325]); Littera (2016: I, 356-357).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 20-21); Machado & Machado (1949: I, 81-82); Rios Milhám (2017: I, 36).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 72).

Variantes manuscritas


Antes do v. 14, final da estrofa II, por lapso o copista escribiu –e riscou despois– o v. 21, final da estrofa III: (nūcalhi rē demādarey).
15 consentir] consencir B

Variantes editoriais


8 devi'a] devia Littera   9 devi'a] devia Littera   10 ome] omen Michaëlis : homem Littera   17 serva] sérvia Michaëlis, Littera   19 e [ar] quer[r]ei-lh’a] e querrei-lh[e] a Michaëlis : e querrei-lhi a Littera  22 coido] cuido Littera; demandad’é] [de] demandar Michaëlis   23 podia] pode ja Michaëlis   24 ome] om(e) Michaëlis

Paráfrase


(I) Aínda que a miña señora non quere de forma ningunha que trobe por ela nin que lle diga canto a amo, sequera no meu cantar non deixarei de a louvar, e despois, cando a vir, rogareille que non sinta pesar por iso. 

(II) E non lle debía pesar, antes lle debía agradar, penso eu, o feito de alguén falar ben dela e de a servir, e debía de agradecelo, e a min, se mo consentir, poderame ter (por seu servidor) para sempre. 

(III) Se ela me quixese consentir isto que lle rogarei –poder servila–, estareille agradecido mentres viva; e ademais amareina por cima de todo e, para mellor a ter (por señora), nunca nada lle pedirei, (IV) porque, na miña opinión, non pode existir demanda maior que o que está demandado, aquilo polo que alguén serve con todo o seu esforzo e sen pretender conseguir outra cousa: se nese asunto o bo criterio axuda ou non falta o coñecemento, que máis hai que pedir para facer? 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8c 8c 8b (= Tav 197:1)
Encontros vocálicos: 13 mio; 24 omea
 

Notas


Texto
  • 4

    Neste caso concreto, vel equivale a ‘polo menos, sequera’ (tamén en 297.16, 1345.7, 1478.15, 1597.8 e 1598.5), a diferenza doutros valores que presenta noutros contextos (véxase nota a 6.8 e 117.16).

  • 5

    Na lingua trobadoresca o verbo leixar aparece en complexos verbais (leixar + infinitivo) tamén en estruturas equivalentes coa preposición a como nexo (véxase tamén 308.16, 724.6 e 13 e 20, 911.2, 1065.5, 1416.14, 1590.14). Cfr. nota a 3.17.

  • 6-7

    Eis outro exemplo de tmese métrica no corpus profano, en que o poeta estabelece un corte entre a base verbal dunha forma futura con pronome mesoclítico, que pasa, xunto coa desinencia, para o verso seguinte. Tal segmentación versal é tamén presente en 14.25-26, 47.19-20, 219.15-16308.11-12, 1138.13-14, 1476.3-41538.15-16 e 1637.10-11. Cfr. notas a 37.18-19, 123.24-25, 482.1-2, 1542.3-4.

  • 8-9

    A interpretación das secuencias do tipo <deuia>, <auia>, <ouuera> + inf. como devi’a, avi’a, ouver’a + infinitivo vén determinada non só polo feito de a presenza da preposición a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia das leccións <deuia> A / <deuia a> B (128.22, 128.28, 386.13), <ouuera> A / <ouu’a a> (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), que indican a real crase coa preposición nas leccións do Cancioneiro da Ajuda.

  • 10

    Cuido-m’eu ~ coido-m'eu constitúe unha frase formularia aseverativa que é utilizada con bastante frecuencia no corpus (114.18, 115.17, 219.4, 1019.18, 1368.11, 1611.19 e 1626.5), converténdose así nunha alternativa a expresións como a meu cuidar, segundo meu sén etc.
    Por outra parte, Michaëlis e Littera desenvolveron a lección <hom̄> como omen ~ homem (cfr. ome no v. 24), reiterando unha tendencia lusitanizante na edición dos textos galego-portugueses.

  • 17

    A P1 do presente de indicativo (e o presente de subxuntivo) de servir presenta, nun primeiro momento evolutivo, iode na desinencia (sĕrviō > sérvio; sĕrvĭam > sérvia etc.), que posteriormente desapareceu (servo; serva etc.) para, finalmente, seren formas semirregularizadas en sirvo, sirva etc. solidariamente con outros verbos similares da terceira conxugación (dormir, mentir, sentir etc.) (véxase Ferreiro 1999 [1995]: §192a). Neste verso achamos un testemuño de serva (emendado por Michaëlis), que se suma aos presentes en 374.14, 402.10, 1172.1 e 1543.7, formas aínda moi minoritarias fronte ás xerais sérvio e sérvia.

  • 19

    A presenza de eu nos versos anterior e seguinte desaconsellan a súa reintegración neste verso: nótese que o pronome lhe (Michaëlis) ou lhi (Littera) non resolven o problema métrico por canto esas formas estabelecen sinalefa coa voz seguinte. A opción máis acaída semella ar, que reforza o verbo, tal como se rexistra noutras pasaxes do propio trobador: 27.15, 39.15, 42.23.

  • 22

    Michaëlis fixo a corrección textual para restaurar o xogo métrico nesta estrofa, onde esperariamos unha rima en -ar no primeiro verso da estrofa IV (I.1 r, II.1 ar, III.1 r, *IV.1 ar); porén, a lección enviada polo manuscrito é perfectamente coherente do punto de vista semántico, aínda que rompa a estrutura métrica esperada.

  • 26

    Cousimento ‘discreción, siso’ é voz de orixe provenzal usada con relativa frecuencia, fundamentalmente nas cantigas de amor (38.1, 110.4, 116.22, 117.15 e 18, 156.2, 978.2, 1062.11, 1408.12), xunto cos verbos cousir e cousecer (véxase Glosario, s.v.), da mesma familia semántica e de amplo uso no corpus trobadoresco. Véxase García-Sabell Tormo (1991: 103-105).

  • 27

    Conhocença é formación nominal sobre conhocer, con só tres rexistros na poesía profana (véxase tamén 1408.15 e 1426.5)1 .

  1. ^

    Tal substantivo non era moi frecuente no período medieval a teor das documentacións no CGPA, onde só se recollen unha decena de rexistros (véxase s.v. conhocença, connocença, conocença).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado