I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 610-611); Stegagno Picchio (1968: 159-160 [= LPGP 630]); Lapa (1970 [1965]: 628-629); Lopes (2002: 296); Littera (2016: II, 92).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 178); Machado & Machado (1960: VII, 70-71); Arbor Aldea (2016b).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 12-13); Nemésio (1961 [1949]: 218-219); Nunes (1959: 413-414); Fonseca (1971: 53-54); Torres (1977: 188-189); Tavares & Miranda (1987: 17-18); Alvar & Beltrán (1989: 327-328); Ferreira (1991: 151-152); Jensen (1992: 220); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 55); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 159); Marcenaro (2006: 276-278).
17 fal] sal A
8 tẽemos] teemos Lopes 16 á amigo] á ‘migo Michaëlis 17 por que fal? / A gent’é] Por que sal / a gente Michaëlis, Lapa, Lopes, Littera 22 m’i] mi Lapa
(I) Quen viu o mundo tal como o eu vin xa e viu as xentes que vivían entón e viu estas que hai agora, Deus, cando pensa niso, que pode pensar? Porque eu persígnome cando penso niso, por que non me vou desterrado a algures (por ver) se podería achar un mundo mellor?
(II) Temos un mundo falso e sen pracer, un mundo sen Deus en que o ben non existe, e un mundo tal que non se corrixirá, antes o vexo sempre empeorar: cando eu ollo isto e vexo del o mellor, por que non me vou desterrado a algures (por ver) se podería achar un mundo mellor?
(III) A onde foi a mesura, ou a grandeza onde está? Onde está a verdade? Quen ten un amigo leal? Que foi do amor, ou por que é inútil trobar? A xente está triste e nin sequera quere cantar: cando eu vexo isto e canto mal alí se fai, por que non me vou a algures (por ver) se podería achar un mundo mellor?
(IV) Eu vivo en tal mundo, e faime nel vivir unha dona, que amo moito e que hai xa moito que me ten no seu poder, ben desde o tempo en que soían amar; de hoxe en diante calquera pode saber de min por que non me vou desterrado a algures (por ver) se podería achar un mundo mellor.
(1) Mais, por que vai morar en tal mundo un home honrado que se pode ir lonxe del?
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10c 10a 10C 10C (= RM 185:1) + 10c 10c
Encontros vocálicos: 16 á‿amigo
Copiada unicamente en A e sen correspondencia nos apógrafos italianos, a cantiga, como as dúas pezas precedentes (nº 895 e 896) e a que segue neste ciclo (nº 898), debe ser da autoría de Martin Moxa, trobador a que BV lle atribúen o poema nº 887, que cerra ese breve ciclo de textos, Amor non qued’eu amando (B 895, V 480), polo menos no estado actual dos manuscritos.
Esta composición realmente é unha cantiga híbrida que nas dúas primeira estrofas nos sitúa nos parámetros xenéricos do sirventés ou da cantiga moral e na terceira e cuarta estrofas introduce tópicos esenciais da cantiga de amor. Na obra de Martin Moxa, clérigo trobador, salientan as sátiras de ton moralizante, que denuncian de forma xenérica a corrupción e a perda de valores do mundo presente (UC 878, 880, 888, 917). Utilizando tópicos clásicos como o do Ubi sunt?, a voz poética lembra con saudade o tempo pasado en que o mundo se rexía por virtudes como a verdade, a lealdade, o saber, o bo xuízo, o valor ou a xenerosidade, e describe o tempo actual, que aborrece, como un mundo ás avesas, pois nel imperan a vileza, a covardía, a necidade e a mentira.
Esta modalidade poética de Martin Moxa debeu ser xa recoñecida na época, até o punto de ser utilizada como tópico literario polo trobador Joan de Gaia nunha sátira contra un prelado corrupto onde, entre outros argumentos para que acepte o convite a xantar, se lle di que nel van ser interpretadas cantigas de Martin Moxa, o que no contexto hai que entender como unha clara ironía, pois ao corrupto non lle agradaría ouvir en público cantares en que se criticasen os vicios e defectos que el tiña (véxase UC 1471).
En calquera caso, o feito de que Joan de Gaia cite a Martin Moxa, sendo el un autor tardío do ámbito do conde Don Pedro de Barcelos, é un dos argumentos aducidos para defender a hipótese de que a cantiga Vós que soedes en corte morar (UC 879) é unha tençon entre o conde Don Pedro e de Martin Moxa.
Sinar-se é ‘persignarse, facer o sinal da cruz’.
A forma adverbial algur (talvez formación sobre algún coa influencia de alhur, que tamén debeu condicionar as formas nenlhur ~ nelhur; véxase UC/Glosario, s.v.) é verdadeiramente minoritaria en relación ao préstamo provenzal (alhur).
Na lingua medieval, esterrar (<es + terra + -ar) é variante minoritaria fronte a desterrar (< des + terra + -ar).
A forma fui, xeral como PIde pretérito de seer (e de ir), é tamén forma de P3: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (<fŭī) / foi (<fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
É certamente inusual a aparición de grãadez (‘grandeza, liberalidade’) nos textos medievais (véxase CGPA, s.v.):
Se fillou, e depois esto ar direi-vo-lo que fez:
foi-ss' aa rua chorando e loand' a do bon prez,
a Madre de Jhesus-Christo, por aquesta grãadez
tan grande que feit' avia, e fez a todos chorar (CSM 258.47).
Véxase tamén unha ocorrencia na Crónica de D. João I de Fernan Lopes:
Como nobre senhor de rreall coraçom, em que nom soomente avomdava largueza de gramdes doões, mas aimda sse podia dell bem dizer que era huũ corremte rrio, de limpa e virtuosa graadez, com firme proposito, sem fazer tardamça, pos logo em sua voomtade, de rregar os coraçoões delles, das mui doçes aguas do agradeçimento.
Acollemos a harmónica estrutura interrogativa proposta na edición de Stegagno Picchio, que contrasta coa articulación das frases interrogativas nestes versos por parte de Michaëlis e mais os seguintes editores. Eis o texto michaëliano:
U foi mesur’ ou grãadez? u jaz
verdad’? u é quen á ‘migo leal?
que fui d’amor ou trobar? por quê sal
a gente trist’, e sol non quer cantar?
A partir desta formulación, non é posíbel a segmentación gent’é (v. 18) que solicita a proposta da editora italiana.
O contexto aconsella a emenda da lección <sal>, tal como propón Setegagno Picchio, de maneira que o sentido sexa coherente a través da forma verbal fal, P3 do presente de indicativo de falir ‘faltar, fallar, errar’): ‘que foi do amor, ou por que falla o trobar?’. De todos os modos, son moi numerosas as pasaxes que nos cancioneiros presentan o erro <f>/<ſ> pola similitude formal de <f> co <s> alto.