427 [= RM 17,2]
Comprar quer’eu, Fernan Furado, muu

Comprar quer’eu, Fernan Furado, muu
que vi andar mui gordo no mercado;
mais trage ja o alvaraz ficado,
Fernan Furado, no olho do cuu,
e anda ben, pero que fer’é d’unha,
e dize[n]-me que trage ũa espunlha,
Fernan Furado, no olho do cuu.
E, Don Fernan Furado, daquel muu
creede ben que era eu pagado,
senon que ten o alvaraz ficado,
Fernan Furado, no olho do cuu:
[e] é caçurr’e vejo que rabeja
e ten espunlha de carne sobeja,
Fernan Furado, no olho do cuu.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 

Manuscritos


B 446

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 212); Lanciani (1974: 114 [= LPGP 137]); Lopes (2002: 134); Littera (2016: I, 144); Arias Freixedo (2017: 122).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 144); Machado & Machado (1950: II, 279); Callón (2017: II, 22); Rios Milhám (2018b: III, 427).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 142); Arias Freixedo (1993: 49); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 49); Neves (2004: 38).

Variantes manuscritas


1 Fernan Furado, muu] feram furado / muo B   11 no] nc B   12 caçurr’e] cacurre B   14 no] uo B

Variantes editoriais


Ningún dos editores indica tipograficamente a existencia de refrán nesta cantiga.

1 muu] mu Lopes   4 cuu] cu Lopes   5 fer’é] fere Lanciani, Lopes, Littera    6 espunlha] espũlha Lapa   7 cuu] cu Lopes   8 muu] mu Lopes   11 cuu] cu Lopes   12 [e] é caçurr’e] é caçurro e Lapa, Lopes, Littera : é caçurr[o] e Lanciani, Arias Freixedo   13 espunlha] espũlha Lapa   14 cuu] cu Lopes

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10’a 10’b 10’b 10’A 10’c 10’c 10’A (= RM 161:205)

Encontros vocálicos: 6 trageũa

Notas


Texto
  • *

    Talvez Fernan Furado sexa o meiriño Fernan Diaz, duramente criticado pola súa homosexualidade en diversas cantigas (véxanse 1393, 1397, 1497, 1499, 1500, 1580, 1661), de autores como Pero Garcia Burgales, Airas Perez Vuitoron, Estevan Faian e Pero da Ponte (véxase Callón 2011: 132). De calquera maneira, a cantiga céntrase nas doenzas de tipo venéreo, relacionándoas coa homosexualidade.

  • 1

    Téñase en conta que muu é sinónimo de ‘homosexual (pasivo)’ (tamén en 1321.9 e 1410.2; véxase tamén a mua ~mũa das cantigas 1518 e 1554-1556). O seu uso co significado recto é frecuente na Idade Media, co hiato procedente da evolución do lat. mulum, sendo frecuente nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.) e en concorrencia coa forma feminina mua (ou xa mula). De calquera maneira, na produción prosística medieval, o uso destes termos é sempre denotativo, aludindo aos animais:

    §Bestas. DO cauallo. Roçim. Ou eguoa. E. de muu ou mulla. huum Real e çinquo ceptijs. E do Asno ou Asna huum Real (Santana 1999: 71).

    item mando a os frades do dito moesteiro tres pytanças de çen morauedis cada huna et mandolle as azemelas que ouuer a aquel tenpo que me fynar; et a Martin Peres, abbade do dito moesteiro mũũa ou mũũ se o ouuer (doc. 1358; cfr. CGPA).

  • 3

    O alvaraz (‘tumor de carne esponxosa’), tamén na mesma parte do corpo, rexístrase outrosí no refrán dunha cantiga de Pero Viviaez:

    aquel é P[er]o Tinhoso que traz o toutuço nũu
    e traz o cancer no pisso e o alvaraz no cũu
    (1630.6).

    Así mesmo, nas Cantigas de Santa Maria: Eu trago as meezy͂as / con que são de fog’ e d’alvaraz (CSM 105.103).

  • 4-5

    É sorprendente a lección <can> (cuu), en que o <a> ten un trazado irregular, pois forma nexo co <c> que o precede, polo que non se debe descartar que a grafía sexa realmente un <u> cuxos dous trazos están unidos tanto por baixo como por riba.
    No relativo á lección <pera> (pero), o <a> non acaba de ser un <a> claro no manuscrito, pois o trazo vertical é menos longo do habitual e carece da desviación inferior para a dereita. Tamén neste caso non se debe descartar que a grafía estea distorsionada pola tinta que traspasou o papel.

  • 5

    A P3 de presente dos verbos da segunda e terceira conxugación perde, na lingua medieval, o -e final etimolóxico após /ɾ/ (cfr. fer, quer etc.). Isto obriga, pois, a emendar a segmentación de Lanciani e Lopes e a interpretar a secuencia <fere> de B como a crase de fero + é, tal como xa Lapa propuxo.

  • 5-6

    A rima unha - espunlha forma parte do conxunto de rimas imperfectas ou defectuosas que se achan no corpus trobadoresco profano, concretamente ao grupo de rimas defectuosas relacionadas coa presenza / ausencia de consoante nasal ou equivalencia entre elementos nasais. Véxanse avia : viinha (721.17-19), longe : oje (1174.15-17), faça : boança (1414.5-6), Nazareno : lenho (1576.1-2), centẽo : Nazareno : lenho (1576.6-8), caneno : Nazareno : lenho (1576.12-14), mensonha : corõa (1633.26-27). Cfr. notas a 104.34-35, 206.4-6, 383.19-20, 453.5-6, 698.5-6 e 1118.10-12.
    Porén, lémbrese que unha é forma derivada dunha anterior unlha (<ŭngŭlam, véxase Ferreiro 1999: §§8b.1, 91b), que sería a forma esperada e que se atesta, en concorrencia con unna, nas Cantigas de Santa Maria (lle sayu per so a unlla aquel poçon tan lixoso; CSM 225.49) e noutras obras medievais en prosa, sempre en textos territorialmente galegos (véxase CGPA, s.v. vnllas, hunllas etc.).

  • 6

    Sería posíbel considerar que a forma dize do manuscrito fose correcta, en singular, con manutención da vogal final -e (véxase nota a 338.2), se o suxeito fose tamén singular; porén, no contexto fica mellor un plural indeterminado.

    A espunlha é tamén un tipo de tumor. Só achamos documentado o termo, como sinónimo de sobreoso, na tradución galega do Liber de medicina equorum (Pérez Barcala 2013: 185).

  • 12

    É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). 

    O adxectivo caçurro ‘cazurro, desconfiado’ tamén se atesta na cantiga 1489.27 (cavalo velho, caçurr’e alazan) e, fóra do corpus trobadoresco, aparece como alcume nun documento de 1262 (Johan Fernan dito Caçurro, véxase CGPA, s.v. caçurro); tamén no Livro de Linhagens do Conde D. Pedro:

    E este Paai Anes Marinho foi casado com dona Moor Fernandez Churrochãa, que chamarom a Caçurra (Mattoso 1980: II, 170).

    Tamén rabejar ‘dar ao rabo’ se rexistra nunha cantiga de Afonso X: mais rabejasse e ladrasse (452.8).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado