1389 [= RM 106,7]
«De longas vias, mui longas mentiras»

«De longas vias, mui longas mentiras»:
[aqu]este verv’antig’é verdadeiro,
ca un ricom’achei eu mentireiro,
indo de Valedolide a Toledo;
achei sas mentiras, entrant’a Olmedo,
e sa repost[e] e seu pousadeiro.
Aquestas son as que el enviara,
sen as outras que con el[e] ficaron,
de que paga os que o aguardaron
á gran sazon; e demais seus amigos
pagará delas, e seus enmiigos,
ca tal ést’el que nunca lhi menguaron
nen minguarán, ca mui ben as barata
de mui gran terra que ten ben parada,
de que lhi non tolhe nulh’ome nada;
[e] gran dereit’é, ca el nunca erra:
dá-lhis mentiras, en paz e en guerra,
a seus cavaleiros por sa soldada.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1371 (f. 293r, cols. a-b), V 979 (f. 156r, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 452 [= LPGP 686]); Lopes (2002: 329); Pousada Cruza (2009: 378); Pousada Cruzb (2013: 297); Littera (2016: II, 189).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 335); Braga (1878: 184); Machado & Machado (1958: VI, 106); Camargo et alii (1995: 84).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 48-49); Álvarez Blázquez (1975: 66); Landeira Yrago (1975: 160); Tavares & Miranda (1987: 250); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 172).

Variantes manuscritas


2 antig’é] antig a B : antiga V   3 un] huu B   4 a] ꝑa BV   6 repost[e] ... pousadeiro] respost ... posadeiro V   9 aguardaron] g̃rdarom V   11 enmiigos] en iimigos B   14 terra] teira B

Variantes editoriais


2 [aqu]este] este Littera, Pousada Cruza, Pousada Cruzb; antig’é verdadeiro] antig[o] é verdadeiro Littera : antig’á verdadeiro Pousada Cruzb : antig[o] á verdadeiro Pousada Cruzb   3 ricom’] ric’hom’ Lopes, Littera : ric’om’ Pousada Cruza, Pousada Cruz   4 a] pera Lapa, Lopes, Littera, Pousada Cruza, Pousada Cruzb   6 e sa repost[e]] e sa repost[a] Lapa : em sa respost[e] Lopes, Littera : e sa repost’ Pousada Cruza   8 el[e]] el Pousada Cruza : el [i] Pousada Cruzb, Littera   11 enmiigos] ẽmiigos Lapa : inimigos Pousada Cruza : enimigos Pousada Cruzb   13 minguarán] minguaran Lapa   16 [e] gran dereit’é] gran dereit’é Pousada Cruza : gran dereit[o] é Pousada Cruzb

Paráfrase


(I) «As grandes mentiras, por longos camiños»: este antigo proverbio é verdadeiro, pois descubrín como mentireiro un nobre rico, indo eu de Valadolide a Toledo; achei as súas mentiras entrando en Olmedo, e o seu servizo doméstico e o seu pousadeiro.
(II) Estas (mentiras) son as que el enviara, sen contar as outras que ficaron con el, coas que paga aos que hai moito tempo que esperan; e tamén pagará con elas aos seus amigos, e aos seu inimigos, pois el é tal que nunca lle faltaron (as mentiras) (III) nin lle faltarán, porque as consegue moi baratas dunha terra moi grande que ten ben traballada, onde ninguén lle quita nada; e iso é moi xusto, porque el nunca obra mal: dá-lles mentiras como pagamento, en paz e en guerra, aos seus cabaleiros.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10’b 10’b 10’c 10’c 10’b (= RM 193:3)
Encontros vocálicos: 4 Valedolide‿a; 5 aOlmedo; 7 en·vi·a·ra; 11 en·mi·i·gos

Notas


Texto
  • 2

    Este verso presenta, en primeiro lugar, un problema de hipometría que non é difícil de resolver, embora haxa varias alternativas, todas elas lexítimas, ademais da súa manutención sen unha sílaba (a primeira opción de Pousada Cruz): a recuperación da vogal final de antig[o] ou da conxunción copulativa e (este verv’antig’á, [e] verdadeiro, este verv’antig[o] á verdadeiro). Pola nosa parte, achamos, tal como Lapa e Lopes, que a aparición da forma reforzada do demostrativo no v. 7 xustifica a recuperación dunha sílaba con [aqu]este, para alén de considerar un erro <a>/<e> para introducir o verbo seer (é verdadeiro), xustificado pola subsecuente cláusula causal.

    O vervo ‘proverbio popular’ que aparece no corpus, tamén se rexistra como elemento importante noutras composicións, con frecuencia no sintagma verv’antigo1  (Filgueira Valverde 1992: 168-169). Véxase 633.1, 697.16, 1124.4, 1312.4, 1407.19, 1521.7, 1640.4.

  • 4

    A lección dos manuscritos, coa preposición pera, implica un verso hipermétrico (dúas sílabas), delatando un probábel problema de transmisión. A isometría, manendo plenamente o sentido, conséguese  coa emenda preposicional de <ꝑa> en prol de a, de modo que se poida realizar unha sinalefa: indo de Valedolide a‿Toledo.
    Valedolide e Toledo eran as dúas importantes cidades do reino de Castela.

  • 5

    Olmedo era un burgo próximo a Valladolid, tamén no reino de Castela.

  • 6

    O contexto solicita o termo reposte (‘enxoval ou servizo doméstico’), atestado noutras cantigas (véxase UC/Glosario), que acae ben con pousadeiro. Esta é a forma estabelecida por Pousada Cruz en 2013, aínda que na paráfrase lle atribúe o valor de ‘resposta’. Esta voz rexístrase tamén en textos de Pero Gomez Barroso (1462.11, 1464.7 e 10), para alén da súa presenza nunha cantiga de Afonso X (458.2).

  • 11

    A palabra enmiigos (tamén en 1363.13) constitúe un dos resultados medievais de ĭnĭmīcōs, de contaxe cuatrisilábica en calquera caso. Obsérvese, ademais, que a forma inimigos de Pousada Cruz constitúe un anacronismo, por canto esta forma (latinizante) é moi tardía (cfr. CGPA, s.v. inimigo, inimiguo).

  • 12

    A variante menguar (tamén en 205.13, 1317.9, 1318.2 e 1624.9), sen pechazón da vogal palatal inducida pola nasal trabante (Ferreiro 1999: §13b.2), convive coa forma maioritaria minguar (presente no v. 13) e con outras variantes aínda menos utilizadas, como mingar (véxase nota a 1415.30) e mengar (véxase nota a 865.1). Cfr. nota a 11.17.

  • 16

    A reintegración da conxunción e no inicio do verso está sustentada pola moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). E noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica a necesidade da recuperación da copulativa (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19.

  1. ^

    Na Crónica Geral de Espanha de 1344 recibe o nome de palavra antiga, sinónimo do sintagma consagrado na lírica trobadoresca: querote dizer hũa palavra antiga que diz assy: «Sempre homem merca bem com o torpe e com o coytado» (Cintra 1952-1990: III, 383).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado