I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 322 [= LPGP 697]); Cohen (2003: 354); Littera (2016: II, 195).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 253); Braga (1878: 137); Machado & Machado (1956: V, 192); Callón (2017: II, 39).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 25); Nunes (1959: 349-350); Landeira Yrago (1975: 71); Beltrán (1987: 60); Tavani (1989: 12); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 179); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 84); Gutiérrez (2023: 93).
2 querra] q̅ira B 7-9 om. B 11 m’assanhou] mha ssanhou V 12 na[morado]] ua V
3 e vou, meu namorado] e vou-m’eu namorada Nunes, Cohen, Littera 6 e vou, [meu namorado]] e vou-[m’eu namorada] Nunes, Cohen, Littera 8 coita [e]n que por el] coita’n que por el Nunes : coita’n que por el[e] Cohen 9 e vou, meu [namorado]] e vou-m’eu namorada] Nunes, Cohen, Littera 11 e si m’assanhou a tort[o] endõado] e se mi assanhou a’ tort’ endõado Nunes : e s<e> xi mh assanhou a tort’endõado Cohen : e s’i mi assanhou a tor’[e] endõado Littera 12 e vou, meu na[morado]] e vou-m’eu na[morada] Nunes, Cohen, Littera
(I) Irei ao mar ver o meu amigo: preguntareille se quererá vivir comigo. E vou, meu namorado.
(II) Irei ao mar ver o meu amado: preguntareille se fará o que lle eu mande. E vou, meu namorado.
(III) Preguntareille por que non vive comigo e direille a coita en que por el vivo. E vou, meu namorado.
(IV) Preguntareille por que está descontento e se asañou comigo inxustamente en van. E vou, meu namorado.
Esquema métrico: 4 x 11’a 11a 6’B (= RM 26:59)
Tradicionalmente, neste poema, considerado unha cantiga de amigo, o refrán foi fixado como E vou-m’eu, namorada, supondo a existencia dun sorprendente erro de transmisión na unánime lección <namorado> dos manuscritos. É por isto que Carlos Callón considera que o suxeito poético desta composición é masculino, tratándose, por tanto, dunha cantiga de amor homosexual: “O suxeito poético diríxese cara ao mar para encontrar o seu amigo e pensa nas preguntas que lle fará sobre a súa relación. É unha cantiga amatoria sen ningún revés equívoco perceptíbel” (Callón 2017: II, 40).
Porén, unha segmentación alternativa da cadea gráfica do refrán (E vou, meu namorado) permite manter o texto no xénero canónico das cantigas de amigo, cunha voz feminina que inicia o texto, como sinala a Arte de trobar, e que se dispón a encontrarse e a dialogar co amigo na ribeira do mar e que afirma no refrán a súa partida ao encontro.
A manutención de /l/ no artigo, tamén no v. 4, é produto da procura dunha retórica arcaizante na elaboración de cantigas de amigo (véxase Ferreiro 2008b, 2013), igual que acontece noutras moitas cantigas (587, 609, 704, 735, 781, 825, 864, 891, 892, 903, 1130, 1166, 1167, 1169, 1201, 1206, 1281, 1294, 1297, 1299, 1304 e 1314) e do mesmo xeito que se verifica coas correspondentes formas pronominais (véxase nota a 586.5).
O canon das cantigas de amigo obriga a unha reinterpretación, con fidelidade aos manuscritos, da secuencia copiada nos cancioneiros. É por isto que, fronte á emenda simplificadora (namorado > namorada) optamos por unha outra segmentación significativa da secuencia completa do refrán: <e voumeu namorado> = e vou, meu namorado.
O apelativo meu namorado tamén se atesta nunha cantiga de Don Denis:
Quisera vosco falar de grado,
ai meu amig’e meu namorado (602.2).
Nesta cantiga de Nuno Porco, este dístico presenta rima asoante ou toante, rima que se rexistra nun grupo significativo das cantigas de amigo (ou similares), todas elas de teor tradicionalizante. Véxanse diversas composicións de Don Denis (583, 584, 585, 586, 606, 609), Fernan Rodriguez de Calheiros (647), Nuno Fernandez Torneol (656), Joan Soarez Coelho (704), Afonso Sanchez (781), Paai Gomez Charinho (813, 839), Meendinho (848), Airas Nunez (864, 870), Roi Fernandiz de Santiago (903), Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920, 922), Joan Zorro (1161, 1163, 1165, 1166, 1167, 1168, 1169, 1170), Pero Meogo (1204, 1205, 1206, 1208), Martin de Giinzo (1287, 1288, 1289, 1290, 1291), Martin Codax (1295, 1296, 1297, 1298, 1300), Fernand’Esquio (1314). O esquema rimático confirma a perda da cobra en B, talvez por unha omisión de copista, reafirmando a lección correcta de V.
Partindo da lección <ssi> de BV, e considerando a existencia de construcións similares no corpus e a ausencia de unha sílaba no verso, Cohen propón unha lectura s[e] xi para o inicio do verso. Porén, <ssi> debe, na nosa opinión, ser lido como si, variante do pronome reflexivo se (cfr. me ~ mi, te ~ ti, lhe ~ lhi, xe ~ xi); ademais, integrando a vogal final en tort[o] restáurase, sen dificultade, a isometría; neste sentido, ten pouco sentido a segmentación s’i, entre outras intervencións no verso, que Littera realizou na súa edición.