A estrofa IV falta no Cancioneiro da Biblioteca Nacional por salto de igual a igual (de digo, v. 8, a falo, v. 11).
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 435 [= LPGP 616-617]); Lopes (1963: 56); Cohen (2003: 505); Littera (2016: II, 87).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 300); Braga (1878: 164); Machado & Machado (1956: V, 384); Monteagudo (1998b: 135); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 36-37); Nemésio (1961 [1949]: 168); Piccolo (1951: 81); Nunes (1959: 352); Álvarez Blázquez (1975: 115); Landeira Yrago (1975: 74); Torres (1977: 294); Pena (1990: 90); Ferreira (1991: 95); Jensen (1992: 216); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 162); Gutiérrez (2023: 221).
1 Como] EComo V 4 por meu amado] pre meu amigo B 8 digo] falo B
8 Santa] Sancta Lopes 11 Santa] Sancta Lopes
(I) Como vivo coitada, madre, polo meu amigo, porque me enviou noticias de que vai á guerra, e por el vivo coitada!
(II) Como vivo coitada, madre, polo meu amado, porque me enviou noticias de que se vai para a guerra, e por el vivo coitada!
(III) Porque me enviou novas de que vai á guerra, eu a Santa Cecilia de corazón llo digo, e por el vivo coitada!
(IV) Porque me enviou novas de que se vai para a batalla, eu a Santa Cecilia de corazón llo falo, e por el vivo coitada!
Esquema métrico: 4 x 13’a 13’a 7’a (= RM 26:34)
Encontros vocálicos: 2 en·vi·ou; 5 en·vi·ou; 7 en·vi·ou; 8 Ce·ci·li͜a; 10 en·vi·ou; 11 Ce·ci·li͜a
Nesta cantiga de Martin de Giinzo, o dístico inicial presenta rima asoante ou toante, que se rexistra nun grupo significativo de cantigas de amigo (ou similares), todas elas de teor tradicionalizante. Véxanse diversas composicións de Don Denis (583, 584, 585, 586, 606, 609), Fernan Rodriguez de Calheiros (647), Nuno Fernandez Torneol (656), Joan Soarez Coelho (704), Afonso Sanchez (781), Paai Gomez Charinho (813, 839), Meendinho (848), Airas Nunez (864, 870), Roi Fernandiz de Santiago (903), Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920, 922), Nuno Porco (1130), Joan Zorro (1161, 1163, 1165, 1166, 1167, 1168, 1169, 1170), Pero Meogo (1204, 1205, 1206, 1208), Martin Codax (1295, 1296, 1297, 1298, 1300) ou Fernand’Esquio (1314).
Os substantivos ferido e fossado (‘expedición guerreira’) aparecen tamén na cantiga 813, de Paai Gomez Charinho, en correlación sinonímica: ca m’enviou mandado que se vai no ferido (vv. 2, 7), ca m’enviou mandado que se vai no fossado (vv. 5, 10).
Para alén destes rexistros, achamos fossado en pleno período trobadoresco nun documento de 1262:
Que as duas partes dos caualeiros uaã en ffossado. τ a terça parte remaesca no Castello. τ hũa uez façã fossado no Ano. E quẽ nõ for no fossado peite por foro .v. soldos. por fossadeira [...] E todolos Caualeiros que forẽ ĩ fossado ou ĩ guarda todolos Caualeiros que se perderẽ en algara ou en Lide. primeiramente seiã cobrados sen quinta τ depoes seia dada a quinta ao senor da terra. derectamente (cfr. CGPA).
E aínda se rexistra na chancelaría portuguesa de D. Afonso IV (1341):
E tenho por bem e mando que a aiam por firme e por stauil saluo en aquel agrauo en que dizem que o dicto. Meestre. os Costrenge que uaam com ele en hoste e ou fossado en que mando que nom vãao ala sem veendo sobr esto meu spiçial mandado ... Primeiramente dizia o dicto Conçelho. que o dicto meestre e Conuento os constrengia que ffossem com o dicto Meestre e Conuento en hoste e en fossado e fazer guerra sen mandado del Rey. dizendo o dicto Concelho que o nom deuyam fazer (cfr. CGPA).
Finalmente, e nos límites cronolóxicos da Idade Media, fossado aparece tamén en documentos foraleiros da Chancelaria de D. Dinis-Bragança (1500?):
E mando que as molheres uíuuas nen os orffãos nõ uaã en fossado nẽ en hoste ata que os orffãos cheguẽ a quĩze Anos (cfr. CdP, s.v. fossado).
Neste verso, como noutras pasaxes de Martin de Giinzo, aparece a referencia a Santa Cecilia, unha ermida dedicada a esta santa, aínda sen identificar, probabelmente ligada tamén a Soveral (act. Sobral), lugar da parroquia de Xeve, no concello de Pontevedra (Galiza), moi próximo a Bagüín, no concello de Marín (véxase cantiga 1292). Por outra parte, Souto Cabo (2018: 88) relaciona o xograr coa parroquia de Xinzo (concello de Ponteareas), onde hai un lugar actualmente denominado Sobral (nome de diversos lugares no sudoeste galego).
Santa Cecilia, forma presente en todas as cantigas de Martin de Giinzo, agás na última (talvez incompleta), mostra unha forma antroponímica discutida por Montero Santalha (2004), que apunta a posibilidade de Cecilia contituír unha corrección latinizante nos cancioneiros, razón por que propón a emenda Cecia: «É uma modificação que, embora insegura, me parece mais provável que a opção de manter a lição dos manuscritos [...]. Por diversos motivos considero que Cecia devia de ser a forma empregada originariamente pelo trovador, e que a forma Cecília reflectirá uma correcção de influxo culto realizada no processo de transmissão textual. Com efeito, Santa Cecia é forma usada em documentos medievais e que ainda pervive hoje».
No entanto, é sistemático o uso desta forma nas cantigas de Martin de Giinzo, e varias veces en rima: dia : Cecilia (1288.1-3, 1290.1-2, 1291.1-2), romaria : Cecilia (1289.1-2), Cecilia : queria (1289.11-12).
No que di respecto á documentación medieval, só achamos Cezia nun documento de 1289 (véxase TMILG, s.v.):
Item aa ygregaa de Santa Cezia et da uila I doezema que (...) XV soldos de leoneses.
As restantes atestacións levan á forma Cecilia (en dia de Santa Cecilia en pã e uino; doc. de mediados do s. XIII) e a Cezilia (Cezilia Afonso; doc. de 1453), forma que tamén aparece nun texto da Chancelaría de Dom Duarte, xunto coa variante Cezilha (cfr. CdP, s.v.). Canto ás Cantigas de Santa Maria, rexístrase só a forma Cezilla:
E trouxe dous menynnos
sig’, aquel fill’e hũa filla;
e macar pequenỹos
eran, por los de peccadilla
tirar, en Santa Cezilla,
na pia sagrada,
os fez dessa vegada
A Madre de Deus onrrada ... (CSM 89.74).
De calquera forma, é sistemática a presenza desta forma nas cantigas de Martin de Giinzo, e varias veces en rima: dia : Cecilia (1288.1-3, 1290.1-2, 1291.1-2), romaria : Cecilia (1289.1-2), Cecilia : queria (1289.11-12).