321 [= RM 40,8]
Non me queredes vós, senhor, creer

Non me queredes vós, senhor, creer
a coita que me fazedes levar,
e, poi-la eu ja sempr’ei a sofrer,
non mi ten prol de vo-lo máis jurar;
mais Deus, que tolh’as coitas e as dá,
El dé gran coit’a quen coita non á!
E non mi creedes qual coita sofri
sempre por vós nen quant’afan levei,
e ve[e]d’ora que faredes i,
ca nunca vo-lo ja máis jurarei;
mais Deus, que [tolh’as coitas e as dá,
El dé gran coit’a quen coita non á]
e l[h]a non tolha enquanto viver!
S[ei] eu [mui] ben que viverá mui mal,
ca ‘ssi fig’eu des que vos fui veer;
e, pero vo-lo juro, non mi val;
mais Deus, [que tolh’as coitas e as dá,
El dé gran coit’a quen coita non á!]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 361

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 830 [= LPGP 284]); González Martínez (2012a: 71); Littera (2016: I, 303).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 132); Machado & Machado (1950: II, 136); Rios Milhám (2018a: II, 321).

Variantes manuscritas


13 e lh’a] Ela B   14 S[ei] eu] Seu B   16 val] mal B

Variantes editoriais


6 dé] dê Michaëlis, Littera   7 E] om. González Martínez   10 ca nunca] a min, ca Michaëlis   12 dé] dê Michaëlis, Littera   13 e l[h]a] El a González Martínez : E la Littera   15 ca ‘ssi] c’assi Michaëlis : ca si González Martínez : e assi Littera; vos] vus Michaëlis   16 mi] m’i González Martínez   18 dé] dê Michaëlis, Littera

Paráfrase


(I) Vós non me queredes crer, señora, a coita que me facedes padecer, e, xa que sempre a hei de sufrir, non me ten proveito xurárvolo unha vez máis; mais Deus, que tira as coitas e as dá, (que) El lle dea gran coita a quen coita non ten!

(II) E non me credes que coita (tan grande) sufrín sempre por vós, nin canto afán padecín, e mirade agora que faredes con isto, porque nunca vola máis xurarei; mais Deus, que tira as coitas e as dá, (que) El lle dea gran coita a quen coita non ten, (III) e que non lla quite mentres viva! Eu sei moi ben que vivirá moi mal, pois así me aconteceu a min desde que vos vin; e, aínda que volo xuro, non me vale de nada; mais Deus, que tira as coitas e as dá, (que) El lle dea gran coita a quen coita non ten!

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10a 10b 10C 10C (= RM 99:8)

Encontros vocálicos: *8 cree·des

Notas


Texto
  • *

    Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas, con ligazón copulativa das dúas primeiras estrofas, véxase nota á cantiga 74.

  • 7

    A expunción da copulativa inicial do verso é desnecesaria se consideramos a existencia dunha contaxe bisilábica de creedes, de que parecen existir indicios nalgúns contextos (1125.15 cree·de; 1392.20 des·creer·des).

  • 13

    Perante a lección enviada polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional, a solución michaëliana semella a máis acaída do punto de vista semántico-discursiva, ao tempo que supón unha mínima intervención sobre o texto manuscritos: nos apógrafos italianos é doado localizar o erro <lh>/<l>, tal como acontece co pronome lhe en diversas pasaxes: lhi <lhi> B, <li> V (581.14); lho <lo> B, <lho> V (597.4); lh’ <l> B, <lh> V (614.9); lhi <lhi> B, <li> V (841.19); lh’ <l> B, <lh> V (989.11); lh’ <lh> B, <l> V (998.5); lhe <le> B, <lhe> V (1199.16); lhi <lhi> B, <li> V (1267.9); lh’ <l> B, <lh> V (1630.15) etc.
    Neste sentido, a próclise do pronome na edición de González é sintacticamente anómala, mentres que se torna aínda máis incomprensíbel na edición de Littera, cunha suposta forma pronominal la inédita nunha cantiga de amor.

  • 14

    Perante a presenza dunha lacuna textual que supón máis dúas sílabas métricas, recorremos á emenda de <seu> en sei eu, como acontece nunha pasaxe de Afonso Lopez de Baian, onde en face da correcta lección sei eu de A aparece a errada copia  <seu> en BV. Ao mesmo tempo, a outra sílaba é recuperada a partir da reintegración de mui, un adverbio moi frecuente neste tipo de expresións e presente no propio Cogominho: sei eu mui ben que lhi verra (323.5). Sobre a frecuente necesidade de reintegración de mui véxase nota a 76.13.

  • 15

    A lección <Cassy> de B confirma a resistencia á sinalefa de ca, neste caso de un hipotético *caassi. Precisamente o adverbio assi presenta a súa forma reducida por necesidades métricas con frecuencia despois desta conxunción causal (82.10, 94.10, 239.10, 290.16, 702.11, 983.3, 1022.r2, 1231.7, 1364.r3). Véxanse tamén nota a 179.30 e mais a 481.13.

  • 16

    A segmentación de i en non mi val non acrecenta nada significativo na interpretación, para alén de no corpus ser moi frecuente esta frase, en que mi convive con me, que non admitiría tal deglutinación.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado