I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 31-32 [= LPGP 142]); Paredesa (2001: 263); Lopes (2002: 78); Paredesb (2010a: 238); Littera (2016: I, 98).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 33-34); Braga (1878: 14-15); Machado & Machado (1950: II, 358-359); Paredes (2010b: 172-173); Paredes (2010c: 119-120); Rios Milhám (2018b: III, 486).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 343).
1 oi] vi BV 2 d[av]an sas quitações] dam ssas qⁱtacoes BV 4 foi] fay V 5 tenho i] tentey B : teney V 6 e era] aera B : a / era V 7 queixando] q neyxando V 9 escrivães] escu’aēs B : escⁱuāos V; dos] des B 12 que] qⁱue BV 14 vegadas] denegadas B : deuegadas V 15 quitaçon] qⁱtacō B 16 queixou] q̄yxo B : q̄yxon V 18 todo] cado B; quitaçon] qⁱtacō B 20 quitaçon] qⁱta con BV 21 dobrada] dodrada V
1 Cirola oi] [A] Cítola vi Lapa : Cítola vi [or’] Lopes, Littera : Citola oi Paredesa, Paredesb 2 d[av]an] dam Lopes, Littera 3 oi] [eu] oi Lapa, Paredesa, Paredesb 4 [e] ena] e [ẽ]na Lapa : e [e]n’a Lopes 5 logo tenho i] logo tiv’i Lapa, Paredesa : log’atentei Lopes, Paredesb, Littera; ren] ben Lapa 6 e] [c]a Lopes, Littera 8 muitas de vegadas] muitas vegadas Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera 10 [ca sempre lhe tolheron seus dinheiros] Lapa 14 quen o] quen no Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb; muitas de vegadas] muitas vegadas Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera 17 enno] ẽno Lapa, Paredesa, Paredesb : en’o Lopes : eno Littera
(I) Oín que Cirola se andaba queixando de que non lle daban os seus pagamentos; mais desde que oín ben os seus argumentos e fun reparando na conta chego á conclusión de que non dixera nada e que era xa libre de todo ben: por iso fai mal por se andar queixando así.
(II) E quéixaseme el moitas veces dos escribáns e dos despenseiros [...] mais, pois veñen a contas exactas, logo lle mostran ben o que se lle pagou, por iso lle digo eu que o mal é o daquel de quen el sacou (o diñeiro) moitas veces.
(III) E coa idea de levar unha paga dobrada véuseme queixar, e fun ver onde estaba anotado no padrón, e pareceume que levara a súa paga totalmente axeitada; por iso fai mal e non podería facelo peor; mais el ten tanta ansia da paga que a oculta, aínda que a leva dobrada.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10’b 10’b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:190)
Encontros vocálicos: 7-8 queixando./‿E; 11 ma·is; 13 tenho‿i; 14 o‿el; 21 *que‿a
Con base nunha lectura atenta da Crónica de Alfonso X de 1340 confrontada con documentación da época, Viçenç Beltran (2001) contextualizou esta e outras cantigas (véxanse tamén as cantigas 494, 1463, 1535, 1541, 1543, 1544, 1621 e 1672, da autoría de Afonso X, Pero Gomez Barroso, Gil Perez Conde, Afonso Fernandez Cubel e Pedr’Amigo de Sevilha) nun ciclo de textos satíricos: todos eles tratan de forma irónica e paródica sobre a rebelión da nobreza de 1272-1274, un dos máis graves problemas políticos que tivo que afrontar o rei Afonso X e no que participaron varios magnates e ricomes que, entre outras esixencias, lle reclamaban pagamentos atrasados e a restitución de propiedades pretensamente usurpadas. Dada a gravidade a que chegou a situación, o rei accedeu a pagar as soldadas, mais os ricomes non só non cesaron na súa actitude rebelde, senón que se negaron a acorrer ao rei na fronteira contra o rei de Granada, con quen estaban conspirando, e presentáronselle en Burgos, coas respectivas hostes, en ton ameazador e reivindicativo. Os rebeldes acabarían por se desnaturaren no reino de Granada, e as súas terras fóronlles incautadas até que, anos despois, retornaron ao servizo do rei de Castela. Véxase Beltran (2001).
Nótese a repetición da palabra rimante no primeiro e derradeiro verso de cada estrofa (I queixando; II vegadas; III dobrada).
Lapa propuxo a emenda Cirola > Cítola, moi probabelmente pola inexistencia de tal forma na lingua medieval (aínda que presente no galego moderno). Sen dúbida, o incipit da cantiga presenta un problema de corrupción textual que se acrecenta coa ausencia de unha sílaba. Perante a situación, mantemos a lección dos manuscrito no que di respecto ao nome do personaxe (Cirola), pois a existencia desta voz na lingua moderna parece apuntar á certeza da lección de BV.
Por outra parte, a hipometría do verso sánase coa forma oi, a substituír o <vi> dos manuscritos italianos, que presentan algunha vez esta confusión: <oi> A vs. <vy> B (217.7), <uj> B vs. <oy> V (924.20). Lapa prefire introducir a preposición a co CD de persoa, mentres Lopes e Littera suplementan o verso co adverbio ora.
A quitaçon ‘pagamento’ recibe o seu nome da existencia dun recibo que o xustificaba (cfr. quitar ‘librar’).
Existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais (ou máis) era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c). A partir deste feito, son desnecesarias as reintegracións, todas inducidas polo aparente problema de hipometría.
É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia (nótese a facilidade do erro por contigüidade), como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).
Canto á forma foi, esta variante é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
A lección <tentey> de B é de lectura dubidosa, o cal explica as diversas interpretacións da pasaxe por parte dos diferentes editores.
A lección unánime de BV (tamén no v. 14) confirma a expresión muitas de vegadas (‘moitas veces’), que debía de ter uso corrente na Idade Media, onde contamos coa certificación das Cantigas de Santa Maria:
Aquesto na missa muitas de vegadas
rogou (CSM 145.61)
A expresión tamén ten existencia probada no castelán da época (véxase CORDE, s.v. muchas de vegadas), mesmo en textos producidos na Galiza, como demostra a seguinte citación dun documento de Tui de finais de 1487 do Synodicon hispanum, coa actualización de vegada en vez:
e que a las de vegadas acaecen que muchas de vezes non les fallan con que los enterrar.
A expresión continuou viva até polo menos o século XVIII, pois é utilizada por Sarmiento no Coloquio de 24 gallegos rústicos:
Que van numhas bestas
ou facos galegos
e muitas de vezes
a pé os gaiteiros (cfr. CGPA, s.v.)
Deste modo, mantense a lección dos manuscritos, que non xera hipermetría polo episinalefa co verso anterior (queixando‿E), ao tempo que esta licenza métrica permite o acento na 4ª sílaba do verso.
A lección subministrada por B suxire escrivan, mentres que a lección de V indica escrivão. Ambas as dúas formas, con preeminencia da primeira, son utilizadas na lingua medieval. Por outra parte, un despenseiro é o encargado da despensa do pazo.
As contas aficadas deben ser ‘contas axustadas e certas, feitas con rigor’.
A locución conxuntiva e pero, de valor concesivo (‘aínda que’), é de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar entre e pero ou a secuencia de copulativa + adversativa (e, pero).
A partir da manutención de muitas de vegadas (véxase nota ao v. 8), a métrica esixe a sinalefa o‿el, similar a outras sinalefas co pronome o e diversos elementos (verbos, nomes etc.): o‿ouvesse (8.17), o‿Ele (67.19), o‿ei (291.19, 1571.3), o‿er (498.10), o‿eu (983.24 e 25, 1215.2), o‿aprendestes (1430.21), o‿en (1433.20), o‿oistes (1531.17), o‿ome (1613.12).
Na lingua trobadoresca xa é común o resultado no(s), na(s) para o encontro da preposición en co artigo (ĭn + ĭllum > enno > eno > no). Con todo, aínda é relativamente frecuente a forma intermedia sen aférese, (eno/ena) que se revela verdadeiramente rara coa grafía máis arcaica (enno/enna), anterior á simplificación da consoante xeminada (véxanse tamén 10.10, 205.9, 294.4, 813.7 e 16, 842.14, 1119.9, 1314.7 e 10, 1337.21).
No contexto, o padron é un documento ou libro de rexistros.
A única maneira de evitar a indesexada sinalefa de que é a expunción de xe, de modo que se produza a sinalefa pero‿a.