73 [= RM 151,21]
Que sen consello que vós, mia sennor

Que sen consello que vós, mia sennor,
me en este mundo fazedes viver!
E non atend’eu, mao pecado,
de nunca i máis de consell’aver,
ca me non sei, sennor, sen vosso ben
niun consell’, e viv’assi por én
sen consello e del desasperado.
E ora, por Deus, que vos fez mellor
falar e máis fremoso parecer
d’outra dona, e mui máis loado
o vosso prez pelo mundo seer,
pois a mí contra vós mester non ten
nulla cousa, dizede-me ũa ren:
que farei eu, desaconsellado?
E ja m’end’eu ben sõo sabedor,
macar mi-o vós non queirades dizer:
morrer cativo, desamparado;
e, mia sennor, non vos dev’a prazer,
ca, pois eu morrer, logo dira’lguen,
sennor fremosa, por que e por quen
eu fui assi aa mort’achegado.
E ja, entanto com’eu vivo for,
per bõa fe ben me dev’a tẽer
por ome mui desaventurado,
sennor, porque me vos Deus fez veer,
e non por esto que me por vós ven,
mais porque vejo que é vosso sén
per meu preito mal embaratado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 10, B 100

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 23-24 [= LPGP 948]); Littera (2016: II, 539-540).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 35-36); Carter (2007 [1941]: 7-8); Marques Braga (1945: 23-25); Machado & Machado (1949: I, 137-138); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 73).

Variantes manuscritas


1 vós] uus A   2 me en este] men este B   6 niun] nen hu B; viv’assi] nuyasse B   7 consello e] ꝯselhe B   12 a mí] amj̄ B   13 nulla] nulla B; me] mj B   15 ben] om. B; sõo] soo A   16 queirades] q̄rades B   17 cativo, desamparado] catiue desenꝑado B   19 logo] log A; dira ‘lguen] dira alguē B   21 aa] a B   22 entanto] etanto B   23 tẽer] teer B   24 por] pʳ (q̄) B   28 per] pʳ B

Variantes editoriais


2 me en este] m(e) en este Michaëlis : m’en’este Littera   6 niun] nẽum Littera   8 vos] vus Michaëlis   18 vos dev’a prazer] vus dev’a prazer Michaëlis : vos dev’aprazer Littera   21 aa] a Michaëlis   23 tẽer] teer Littera   25 vos] vus Michaëlis   28 per] pôr Littera

Paráfrase


(I) Que desamparado me facedes vós, miña señora, vivir neste mundo! E eu non espero, infelizmente, nunca máis nel encontrar remedio, porque non coñezo, señora, ningún remedio, agás o voso ben, e por iso vivo así sen remedio e sen esperanza de o encontrar. 

(II) E agora, por Deus, que vos fixo falar mellor e ser máis fermosa que calquera outra muller, e a vosa valía ser moito máis louvada no mundo, xa que a min nada me é de proveito en relación a vós, dicídeme unha cousa: que farei eu, que estou sen saber que facer? 

(III) E xa eu ben sabedor son diso, aínda que vós non mo queirades dicir: morrer desgrazado, sen amparo; e, miña señora, non vos debe agradar (a miña morte), porque, despois de eu morrer, logo dirá alguén, fermosa señora, por que e por quen eu fun así levado á morte. 

(IV) E xa, mentres eu estiver vivo, certamente me debo considerar home moi desventurado, señora, porque Deus me vos fixo ver, e non por isto que me acontece por vós, senón porque vexo que o voso xuízo é mal utilizado no meu caso.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 9’c 10b 10d 10d 9’c (= RM 248:1)

Encontros vocálicos: 2 meen; 7 conselloe; 13 -meũa; 16 mi-‿o; 21 a͜a

Notas


Texto
  • 3

    O xeral resultado mao do lat. malum é sistemático cando vai posposto ao nome, mais convive coa forma con perda de vogal final por posición proclítica (mal) en certos sintagmas. No que a pecado di respecto, mao pecado é solución minoritaria verbo de mal pecado, do mesmo xeito que se rexistra mao dia (vs. mal dia) e mao preço ou mao prez (vs. mal preço, mal prez).

  • 13

    A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.

  • 16

    Esporadicamente tamén se encontra variación entre A e B no relativo ás formas do presente subxuntivo de querer, con certa preferencia de B pola manutención das formas etimolóxicas (< quaeram, quaeras etc.) face á presenza das formas analóxicas xerais (queira, queiras etc.) en A (véxase tamén 87.18, 200.21, 215.22).

    A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). Cfr. nota a 57.6.

  • 18

    A perífrase dever + a + infinitivo é esmagadoramente maioritaria fronte á construción sen preposición, feito que aconsella interpretar <a> como o nexo preposicional da perífrase; para alén disto, a variante aprazer no corpus profano só se rexistra na frase se vos aprouguer (véxase Glosario: s.v. prazer1). Véxase tamén 54.10.

  • 19

    Algunhas voces cunha estrutura similar, isto é, cunha sílaba inicial /al/ ou /el/ (albergar, alguen, alvor, Elvira), poden sofrer aférese da vogal inicial, sempre despois de /a/, tónica ou átona: (dira ‘lguen, 73.19; Dona ‘Lvira, 149.1); a ‘lvor (454.11); a ‘lguen (757.r1); a ‘lbergar (1474.17); e algo similar pode acontecer coa forma do artigo el- (cfr. nota a 51.1). Véxase nota a 6.4, 18.16, 51.1, 358.21, 878.1.

  • 21

    O encontro entre a preposición a e o artigo feminino a(s) resólvese en xeral na contracción à, que aínda presenta por veces a forma máis arcaica aa, que computa xeralmente como dúas sílabas. Mais existen contextos en que tal forma xa é monosilábica, como neste caso (que explica a variante de B e mais a edición de Michaëlis, aínda que tamén se podería pensar en assi‿a·a) e, con seguranza, tamén en 1403.4, 1544.3, 1588.24 e 1616.6.

  • 28

    Embaratado, participio de embaratar, o mesmo que baratar ‘negociar, tratar, proceder’, é atestación única na poesía trobadoresca profana galego-portuguesa.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado