781 [= RM 9,4]
Dizia la fremosinha

Dizia la fremosinha:
«Ai Deus, val!
Com’estou d’amor ferida!
Ai Deus, val!».
Dizia la ben-talhada:
«Ai Deus, val!
Com’estou d’amor coitada!
Ai Deus, val!
Com’estou d’amor ferida!
Ai Deus, val!
Non ven o que ben queria!
Ai Deus, val!
Com’estou d’amor cuitada!
Ai Deus, val!
Non ven o que muito amava!
Ai Deus, val!».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 

Manuscritos


B 784, V 368

Na estrofa I, tras o v. 4 os dous códices presentan o inicio do verso segundo das dúas primeiras estrofas (e primeiro das dúas últimas) sen deixar o habitual espazo interestrófico: Comestou.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 180-181 [= LPGP 102-103]); Arbor Aldea (2001: 279); Cohen (2003: 255); Longo (2003: 166); Littera (2016: I, 75).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 140-141); Braga (1878: 69-70); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 517); Magne (1931: 88); Machado & Machado (1953: IV, 78-79).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 127-128); Pellegrini (1928: 26-27); Seoane (1941: 152-153); Fernández Pousa (1951: 114); Bernárdez (1952: 70); Nunes (1959: 383); Oliveira & Machado (1959: 125-126); Álvarez Blázquez (1975: 240); Torres (1977: 419); Gonçalves & Ramos (1983: 318); Ferreira (1988: 91); Alonso Girgado (1992: 71); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 15); Magalhães (2007: 111); Souto Cabo (2017: 50); Corral Díaz & Vieira (2023: 151-152); Gutiérrez (2023: 137).

Variantes manuscritas


1 fremosinha] fermosmha V   5 ben-talhada] bē talh’ada V   7 coitada] toytada V   9 Com’] E om B : E em V   10 Deus] des V   13 Com’] E com BV

Variantes editoriais


Nunes engade no final de cada estrofa un verso máis que fai parte do refrán: Com’estou d’amor ferida!

7 Com’] E com’ Arbor Aldea   13 Com’] E com’ Arbor Aldea; cuitada] coitada Nunes, Cohen, Littera   15 muito] muit’ Nunes

Paráfrase


(I) Dicía a fermosiña: «Ai Deus, váleme! Como estou de amor ferida! Que ferida estou de amor! Ai Deus, váleme!».

(II) Dicía a moi ben feita: «Ai Deus, váleme! Como estou de amor coitada! Que coitada estou de amor! Ai Deus, váleme!».

(III) Como estou de amor ferida! Que ferida estou de amor! «Ai Deus, váleme! Non vén o que ben quería! Ai Deus, váleme!».

(IV) Como estou de amor coitada! Que coitada estou de amor! «Ai Deus, váleme! Non vén o que moito amaba! Ai Deus, váleme!».

Métrica


Esquema métrico: 4 x 7’a 3B 7’a 3B

Encontros vocálicos: 15 muitoamava

Notas


Texto
  • *

    A cantiga presenta claras anomalías na copia do refrán, a que parece apuntar, xa en B, a crux colocciana situada na marxe dereita da primeira estrofa, acompañando a habitual nota tornel, talvez a indicar a irregularidade do elemento <Comestou / comestou> (BV), que segue à primeira estrofa I, coa marca colocciana de refrán en B, feito que contradiría a regra xeral de abreviación do estribillo só a partir da segunda estrofa, pois a cantiga presentaría un refrán con versos repetidos e aparentemente abreviados xa na primeira cobra.

    Para entender o erro dos copistas, debe sinalarse que o poema é unha cantiga de leixa-pren composta por dous versos mais outros dous de refrán intercalar completamente iguais. En B estes dous versos foron copiados nas dúas primeiras estrofas sen ningún tipo de marca identificativa, a seguir do primeiro e terceiro das estrofas, na mesma liña de escritura; porén, a terceira estrofa presenta copia autónoma do cuarto verso do refrán, que se inicia con maiúscula, e  mostra de novo o refrán completo, mais o primero verso ten a marca colocciana mentres que o segundo é iniciado por maiúscula. En V o texto da cantiga presenta a mesma disposición, sen marca nin maiúscula ningunha.

    Á vista de canto se sinalou sobre a organización estrófica da cantiga –e en particular atendendo á técnica do leixa-pren-, a fórmula Comestou, reproducida en B e V na primeira cobra como se dun terceiro verso de refrán se tratase, parece obedecer a un erro de copia que podería retrotraerse ao orixinal reproducido. Tendo en conta a ausencia de identificación do retrouso certo nas dúas cobras iniciais da cantiga, o erro explícase por un fenómeno de repetición motivado por un salto de igual a igual ou homoioteleuton, remitindo a un dos seguintes versos da composición co mesmo comezo nas estrofas III e IV (vv. 9, 13).

    Agás na estrofa II, esta cantiga presenta rima asoante ou toante que se rexistra nun grupo significativo das cantigas de amigo (ou similares), todas elas de teor tradicionalizante. Véxanse diversas composicións de Don Denis (583, 584, 585, 586, 606, 609), Fernan Rodriguez de Calheiros (647), Nuno Fernandez Torneol (656), Joan Soarez Coelho (704), Paai Gomez Charinho (813, 839), Meendinho (848), Airas Nunez (864, 870), Roi Fernandiz de Santiago (903), Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920, 922), Nuno Porco (1130), Joan Zorro (1161, 1163, 1165, 1166, 1167, 1168, 1169, 1170), Pero Meogo (1204, 1205, 1206, 1208), Martin de Giinzo (1287, 1288, 1289, 1290, 1291), Martin Codax (1295, 1296, 1297, 1298, 1300), Fernand’Esquio (1314).

  • 1

    A forma la (tamén no v. 5) mostra a conservación de /l/ nunha forma do artigo en posición posvocálica, feito que denota a procura dunha retórica arcaizante na elaboración de cantigas de amigo (véxase Ferreiro 2008, 2013), igual que acontece noutras cantigas (587, 609, 704, 735, 825, 864, 891, 892, 903, 969, 1130, 1166, 1167, 1169, 1201, 1206, 1281, 1294, 1297, 1299, 1304 e 1314) e do mesmo xeito que acontece coas correspondentes formas pronominais (véxase nota a 586.5). 

  • 5

    Este verso aparece literalmente como incipit da cantiga 825 de Per’Eanes Solaz, unha composición cuxo desenvolvemento (e métrica) lembra o poema de Afonso Sanchez.

    Por outra parte, nótese a variación coitada / cuitada nos vv. 7 e 13, respectivamente (véxase Monteagudo 2013), feito significativo por canto o segundo é verso ligado por leixa-pren ao primeiro.

  • 9

    Interpretamos <E> nas leccións <E om> e <E em> de B e V, respectivamente, como un erro <e>/<c>, absolutamente frecuente nos apógrafos italianos. Non é oportuna, pois, a presenza da copulativa inicial neste verso (tal como estabelece Arbor Aldea), que suporía unha hipermetría neste verso (*E [c]omo...). Véxase nota ao v. 13.

  • 13

    O necesario paralelismo entre os vv. 9 e 13 revela o carácter adventicio da copulativa inicial neste verso. Neste sentido, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos, se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 E 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9). E noutros casos, a pesar da coincidencia dos testemuños, existen razóns sintácticas, métricas ou doutro tipo que aconsellan a antecitada expunción.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado