I. Edicións críticas:Nunes (1972 [1932]: 313-314); Tavani (1990: 99 [= LPGP 900]); Arias Freixedo (2010: V); Littera (2016: II, 440).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 179); Braga (1878: 93); Machado & Machado (1953: IV, 253); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 159).
III. Antoloxías: De las Casas (1928: 44); Seoane (1941: 98); Nemésio (1961 [1949]: 130); Fernández Pousa (1951: 99-100); Bernárdez (1952: 78); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 113); Álvarez Blázquez (1975: 82); Landeira Yrago (1975: 108); Torres (1977: 284); Correia (1978: 80); Beltrán (1987: 57); Dobarro Paz et alii (1987: 99-100); Alvar & Beltrán (1989: 240); Tavani (1989: 17); Jensen (1992: 348); Delgado León (1996: 55); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 211); Arias Freixedo (2003: 818-819); Alvar & Talens (2009: 522); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 101-102); Souto Cabo (2017: 234); Gutiérrez (2023: 123).
5 Maldito] maldicto V 14 vejo] uey B : ueo V 15 logo] Lego B 16 feita] feyra B
3 veen] vêm Littera 5 sea] se[j]a Nunes, Tavani 8 as altas debrocas] as [muit’] altas rocas Nunes 11 sea] se[j]a Nunes, Tavani 14 vejo] ve[j]o Nunes 15 veen] vêm Littera 17 sea] se[j]a Nunes, Tavani
(I) Cando eu vexo as ondas e as moi altas ribeiras, logo me veñen ondas ao corazón pola belidas. Maldito sexa o mar, que me fai tanto mal!
(II) Nunca vexo as ondas nin os altos cavorcos (da costa) que non me veñan ondas ao corazón pola fermosa. Maldito sexa o mar, que me fai tanto mal!
(III) Se eu vexo as ondas e vexo os cantís, logo me veñen ondas ao corazón pola ben feita. Maldito sexa o mar, que me fai tanto mal!
Esquema métrico: 3 x 6’a 6’b 6’a 6’b 6’C 6’C (= RM 99:81)
Esta composición, xunto coa cantiga 1164, constitúe un exemplo de cantiga de amor con factura de cantiga de amigo, con varias das marcas estilísticas propias deste xénero: o valor simbólico dos elementos da natureza, o paralelismo, a asonancia nos versos pares da estrofa e no refrán (véxase infra), o -e paragóxico, os arcaísmos, a alternancia sinonímica dos rimantes velida, fremosa, ben-feita, o atípico dos versos hexasílabos no xénero de amor (Beltran 1995: 79-80) etc. aproximan o texto aos parámetros literarios da cantiga de amigo de tipo popularizante.
Por outra parte, nótese a presenza de voces únicas no corpus profano, cales debrocas (v. 8) ou costeiras (v. 14), xunto con ribas (v. 2), vocábulo infrecuente nas cantigas, pois só reaparece nas cantigas 969 e 1314 (véxase Brea 2021: 31).
En toda a cantiga, aliás, predomina a rima asoante ou toante, que se rexistra nun grupo significativo das cantigas de amigo (ou similares), todas elas de teor tradicionalizante. Véxanse diversas composicións de Don Denis (583, 584, 585, 586, 606, 609), Fernan Rodriguez de Calheiros (647), Nuno Fernandez Torneol (656), Joan Soarez Coelho (704), Afonso Sanchez (781), Paai Gomez Charinho (813, 839), Meendinho (848), Airas Nunez (864, 870), Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920, 922), Nuno Porco (1130), Joan Zorro (1161, 1163, 1165, 1166, 1167, 1168, 1169, 1170), Pero Meogo (1204, 1205, 1206, 1208), Martin de Giinzo (1287, 1288, 1289, 1290, 1291), Martin Codax (1295, 1296, 1297, 1298, 1300), Fernand’Esquio (1314).
Repárese, por outra banda, na repetición de ondas como palabra rimante nos vv. 1 e 3 das tres estrofas, de forma que no verso inicial de estrofa o termo ten un significado referencial (as ondas do mar), mentres que nos terceiros versos refire simbolicamente os abalos da paixón amorosa causados pola separación e a proximidade do reencontro. Ambos os significados, referencial e simbólico, conflúen no termo mare do refrán, que se refire simultaneamente ao mar que causa a separación e ao mar da paixón amorosa que axita interiormente o corazón (cor) do namorado.
Canto ao refrán, xa Henry Lang (1972: XXXIV) chamou a atención para a semellanza da maldición ao mar do retrouso da nosa cantiga, cun fragmento dunha canción tradicional italiana citado por Bocaccio no Decameron. Certamente, na chiusa da Giornata quinta, a raíña ordénalle a Dioneo que cante, e no proceso de selección da peza a interpretar, Dioneo fai alarde da variedade do seu repertorio citando, e inclusive cantando, os íncipits dalgunhas cantigas populares, algunha delas de contido obsceno. Entre estes íncipits cita un L'onda del mare mi fa sì gran male, de evidentes similitudes co estribillo da nosa cantiga, o que fai pensar na posibilidade de ser esta tamén unha reelaboración literaria, unha especie de glosa dun vello motivo popular románico, e que o poeta compostelán utilizou recursos como a asonancia e arcaísmos (morfolóxicos e léxicos), para dotar a cantiga dunha textura arcaizante en que se engarzase mellor o estribillo de raíz tradicional.
A conservación de /l/ nunha forma do artigo, en posición posvocálica (tamén nos vv. 2, 7, 13 e 14), responde á procura dunha retórica arcaizante na elaboración de cantigas de amigo (véxase Ferreiro 2008b, 2013), igual que acontece noutras cantigas (587, 609, 704, 735, 781, 825, 864, 891, 892, 903, 969, 1130, 1166, 1167, 1169, 1201, 1206, 1281, 1294, 1297, 1299, 1304 e 1314) e do mesmo xeito que ocorre coas correspondentes formas pronominais (véxase nota a 586.5).
Certamente, a forma riba ten de funcionar xa como máis un arcaísmo (vs. ribeira; cfr. Glosario, s.v.) que só aparece noutras dúas cantigas de amigo –ou similares– (969, 1314), tal como as formas con -l, n– ou voces como o substantivo sirgo ou o pronome (plural) elos. Con todo, de riba existen aínda diversas documentacións nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. riba), con algunhas outras no Corpus Galego Portugués Antigo (CGPA, s.v.).
A forma al como produto da contracción da preposición a coa variante arcaica lo do artigo e posterior apócope por ser partícula esencialmente átona, en posición proclítica, só se encontra naquelas cantigas de amigo (ou similares) en que tal forma é utilizada como marca arcaizante de estilo (736.3-4, 1202.5), ou no refrán doutras dúas satíricas coa mesma finalidade (494.3, 1347.6).
Nótese tamén neste verso a presenza do provenzalismo cor, que compite con coraçon no corpus trobadoresco, e que tería, probabelmente, un carácter arcaizante.
É unánime en BV e mais nas tres ocorrencias do refrán a forma sea (<sedeat), P3 do presente de subxuntivo de seer, que parece presentar unha evolución con caída de -d- en vez da palatalización do grupo [dj] (seja) (véxase Ferreiro 1999 [1995]: §§105a, 105b). De todos os modos, a variante sea (e sia) ten presenza nos textos medievais confeccionados en territorio galego (véxase CGPA, s.v. sea, sia etc.). En terras portuguesas só achamos unha atestación de sea no Livro das Tres Vertudes (no século XV):
Nem p(er)teeçe a alguua de o assi faz(er) senom sea seu S(e)n(h)or a que ella deue comprazer & obedeçer & p(er) q(ue)m deue seer Regida lho mamdasse (cfr. CIPM, s.v. sea).
Posibelmente, a forma do artigo que aparece no primeiro verso do refrán sexa unha forma apocopada do arcaísmo lo (véxase nota ao v. 1), con apoio na forma verbal sea.
As palabras rimantes do refrán (male, mare) mostran parágoxe: este fenómeno fonético, característico do rexistro oral, no ámbito lingüístico galego-portugués aparece especialmente tras consoante soante en posición final (/l/, /ɾ/, /n/), mais tamén tras /s/. Na cantiga 736.3-4 tamén aparece en rima:
Se oj’o meu amigo
soubess’, iria migo:
e[u] al rio me vou banhar[e],
al mare.
Neste sentido, véxase especialmente a cantiga 1165, de Joan Zorro, que presenta a parágoxe tras /l/, /r/ e /s/, en todos os versos do corpo da estrofa:
El-rei de Portugale
barcas mandou lavrare,
e lá iran nas barcas migo
mia filha e voss’amigo.
El-rei portug[u]eese
barcas mandou fazere,
e lá iran nas barcas migo
[mia filha e voss’amigo].
Barcas mandou lavrare
e no mar as deitare,
e lá iran [nas barcas migo
mia filha e voss’amigo].
Barcas mandou fazere
e no mar as metere,
e lá iran [nas barcas migo
mia filha e voss’amigo].
Finalmente, volvemos achar parágoxe no refrán (e mais nos versos de enlace: Zorzelhone, sazone, Gordone, vençone, Leone) dunha cantiga de Fernan Soarez de Quinhones:
Ai amor, amore de Pero Cantone,
que amor tan saboroso á sen tapone! (1572.1-2).
A voz debroca ‘cantil, costa marítima en pendente moi pronunciada’ foi estabelecida por Tavani a partir dos dicionarios de Eladio Rodríguez González (1958-1961) e Isaac Alonso Estraviz (1986). Así debrocas é «deverbale di debrocar, deborcar ‘volcar’, ‘emborcar, deborcar; descer; c0ller para baixo nun camiño, un monte, etc.; dobrar, degolar’, o meglio di debrocarse, deborcarse ‘despeñarse, precipitarse las aguas de un torrente o riachuelo’, ‘precipitarse as águas dun rio ou regato’, da de volvicare (cfr. port. emborcar ‘cair de borco; cair no chão, levar um tombo, levar queda, cair’), e equivale pertanto a ‘precipizi, dirupi’».