106 [= Tav 104,6]
Senhor, e assi ei eu a morrer?

Senhor, e assi ei eu a morrer?
E non mi valra i Deus nen mesura
que vós tan grande sabedes aver
en tod’outra ren senon contra mí?
En grave dia, senhor, que vos vi,
por me Deus dar contra vós tal ventura
que eu por vós assi ei a mor[r]er.
[E] que gran ben fez i Nostro Senhor
a quen El quis que vos [a vós] non visse!
E ar fez logo mui gran desamor,
mia senhor, a quen vos El foi mostrar,
se lhi non quis atal ventura dar
que o seu coraçon mui ben partisse
de vo-lhi nunca desejar, senhor.
Quen oje non soubesse conhocer
nen atender, senhor, quanto valedes,
e pero viss’o vosso parecer,
nen o entender sol, nen cuidar i!
Se a ventura quis Deus dar a min,
fez-m’entender como vós parecedes,
e moiro porque vos sei conhocer.
Meu conhocer fez a min o maior
mal que m’outra ren fazer poderia:
fez-m’entender qual ést’o ben melhor
do mundo, a que Deus nunca fez par,
e non mi-o quis[o] Deus por al mostrar
senon por viver eu ja toda via
na coita de quantas El fez maior.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 133

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 759-760 [= LPGP 678-679]); Littera (2016: II, 168); González (2018: 120).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 49-50); Machado & Machado (1949: I, 189-190); Rios Milhám (2017: I, 106).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 40); Torres (1977: 143-144).

Variantes manuscritas


1 morrer] moirer B   2 valra] ualira B   4 tod’] cod B   15 Quen] Quēu B

Variantes editoriais


5 vos] vus Michaëlis   8 [E] que gran ben fez] Que gran ben fez[o] Michaëlis : Que gram bem fez[o] Littera : Que [mui] gran ben fez González   9 El quis que vos [a vós]] el quis que vus Michaëlis : El quis que vos Littera : El[e] quis[o] que vos González   11 vos] vus Michaëlis   15 Quen oje non soubesse] Quen vus non soubess(e) oge Michaëlis : Quem vos nom soubess’hoje Littera   19 Se a] Essa Michaëlis, Littera : Atal González; min] mi Michaëlis, Littera, González   21 vos] vus Michaëlis

Paráfrase


(I) Señora, e eu terei de morrer así? E non me ha valer Deus nin a mesura tan grande que vós sabedes ter en toda outra circunstancia, agás contra min? En aciago día vos vin, señora, por me dar Deus tal sorte respecto a vós que eu por vós así hei morrer.

(II) E que gran ben fixo Noso Señor a quen El quixo que non vos vise! E así mesmo fixo logo un gran desamor, miña señora, a quen vos El foi mostrar, se non lle quixo conceder a sorte de que moi ben puidese manter lonxe o seu corazón de nunca vos desexar, señora.

(III) Quen hoxe non soubese apreciar nin esperar, señora, canto valedes, e aínda que vise a vosa fermosura, nin a comprendese sequera, nin pensase nela! Se Deus me quixo dar a min a sorte, fíxome comprender o fermosa que vós sodes, e morro porque vos sei apreciar.

(IV) O meu entendemento causoume o maior mal que calquera outra cousa me podería facer: fíxome entender cal é o mellor ben do mundo, ao que Deus non lle fixo outro igual, e non mo quixo Deus mostrar agás para que eu viva xa por sempre na coita maior de cantas El fixo.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10’b 10a 10c 10c 10’b 10a (= Tav 125:1)

Encontros vocálicos: 26 mi-‿o

Notas


Texto
  • 8

    A solución ecdótica máis económica para restaurar a isometría neste verso é a reintegración da copulativa inicial de estrofa, condicente coa copulativa do v. 10 e lingüisticamente menos intrusiva do que as solucións de Michaëlis (fez[o]) e González ([mui] gran). Casos semellantes documéntanse en 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 14

    Na poesía trobadoresca galego-portuguesa é moi frecuente o encontro dos pronomes vos e lhe (ou lhi) polo frecuente uso de vos como dativo ético, resolto cunha asimilación da consoante alveolar á lateral palatal (135.7, 142.13, 216.18, 254.16, 393.15, 490.13, 562.11, 722.16, 767.2, 819.2, 971.17, 1121.18, 1648.12), coa única excepción en 1388.8. A mesma solución se encontra nas Cantigas de Santa Maria (CSM 135.69, 151.38, 203.4, 265.102), mesmo algunha vez na secuencia pois + lle: e poy-ll’ ouveron comprada, | un dia ante da luz / moveron do porto Dovra (CSM 35.115); e poi-ll’ alçaron a mesa, | foi catar logo correndo / logar en que o fezesse (CSM 45.37); foi enton ela moi leda | poi-ll’ el diss’ onde ve͂era (CM 55.72).

  • 15

    A expunción de vos semella mellor alternativa do que a inversión da orde dos elementos da frase, tal como Michaëlis (e Littera) propón, á vista doutros contextos en que vos é un elemento espurio conforme a lección correcta dalgún dos testemuños manuscritos (véxase 183.4, onde B mostra como A introduciu erradamente o pronome, ou 214.14, onde B presenta, fronte a A, un vos espurio).

  • 17

    A locución conxuntiva e pero, de valor concesivo (‘aínda que’), é de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar entre e pero ou a secuencia de copulativa + adversativa (e, pero).

  • 19

    Unha lectura irónica dos vv. 19-21 escusa a emenda da secuencia inicial do verso (<sea uentura>), unha cláusula condicional dependente de fez (v. 20).

  • 26

    Igual que acontece con fezo vs. fez (véxase nota a 53.16), a forma quiso tamén presenta tendencia á alternancia con quis, circunstancia que confirma que, en certos casos, quis[o] é a solución máis axeitada para resolver os problemas de hipometría versal. Véxase como, face á correcta forma quiso de A, os apógrafos italianos presentan quis (por ela, nunca m’er quiso [<quis> B] falar, 310.7; pois s’El nunca de min quiso [<qⁱs> BV] doer, 420.9), do mesmo xeito que no refrán da estrofa I da cantiga 995 aparece a seguinte variación A vs. BV: que nunca Deus gran coita quiso dar vs. que nunca Deus mui gran coita quis dar.

Procurar
    Não foram encontrados resultados