I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 188 [= LPGP 252]); Pagani (1971: 141-142); Lopes (2002: 512); Littera (2016: I, 272-273); Arias Freixedo (2017: 143).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 315); Braga (1878: 173); Machado & Machado (1958: VI, 45); Callón (2017: II, 48).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 138-139); Arias Freixedo (1993: 63-64); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 86); Neves (2004: 35-36).
5 per] por V 8 guardou] guedou B : gurdeu V; e] et B; fome] fame BV 13 certo é] ao he V 14 mouro] moro B 15 toda] todal B 16 tirar] lirar B 17 guardar] dar B 18 moço] moco BV 19 dias] diaz B 21 cheo] eh eo V
8 e] et Pagani; fome] fame Pagani 10 dever’a guardar] devera guardar Lapa, Pagani, Lopes, Littera 14 fode] fod’ Lapa, Lopes, Littera 15 toda prol] tod’a prol Lopes, Littera 16 que por én tirar] que pôs en tomar Lapa, Pagani 17 daqueste] daquesto Lopes, Littera 19 dias á] diaz ha Pagani
(I) Do que eu quixen, por curiosidade, saber de Álvar Rodríguiz e deste infante mouro moi novo, xa sei canto quería saber sobre o asunto por mestre Alí, de quen souben que Álvar Rodríguiz lle dixo así: que xa hai tempo que fodía o mouro.
(II) Así como el protexeu este mouro do frío e da fame, desde que o ten ao seu cargo, máis aínda o debera protexer do foder, xa que con el sempre se alberga e come, pois mestre Alí xura pola súa fe que xa de Álvar Rodríguiz ten a certeza de que fode o mouro como fode calquera outro home.
(III) Álvar Rodríguiz garde aló no seu seo todo o proveito que el tire deste mouro, a quen non quixo privar do seu foder, actividade a que chegou sendo tan noviño; porque mestre Alí di que hai xa uns días que sabe de Álvar Rodríguiz que xa fode este mouro a carallo cheo.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:134)
Encontros vocálicos: 7 tempo‿á; 14 fode‿outr’
Esta cantiga, con Alvar Rodriguiz como personaxe central, forma parte dun ciclo composto por cantigas de Estevan da Guarda (cantigas UC 1317, 1318, 1319, 1334, 1335), xunto coa cantiga UC 1446 de Don Pedro de Portugal, onde Alvar Rodriguiz é definido como monteiro maior. En calquera caso, na rúbrica que antecede a cantiga do conde aparece a chave da interpretación dos equívocos sexuais deste conxunto relativos á circuncisión de Alvar Rodriguiz, pois nela dise que este personaxe afirmaba que estivera un tempo “alén mar”, isto é, no norte de África, e que “fora aló mouro”, isto é, que se convertera ao islamismo. A este respecto, cómpre destacar que, no marco da coexistencia das tres relixións monoteístas na Iberia medieval, o cristianismo, o xudaísmo e o islam, a circuncisión estaba fortemente connotada desde o punto de vista cultural e relixioso, marcando unha especial diferenza entre os cristiáns, dunha banda, e os xudeus e musulmáns, por outra. Desta forma, a circuncisión dun cristián podería tomarse como indicio da súa condición de xudaizante ou criptomusulmán.
Verdadeiramente, Alvar Rodriguiz é un personaxe descoñecido, aínda que no Projeto Littera (s.v. Alvaro Rodrigues) se apuntou, con moitas dúbidas, a Álvaro Rodrigues Redondo, descendente do trobador Rodrig’Eanes Redondo. Ese personaxe aparece nomeado no Nobiliario do Conde D. Pedro (Mattoso 1980: II/1, 392) como criado de D. Álvaro Gonçalves Pereira, prior dos Hospitalarios e do Crato (véxase tamén Marcenaro & González 2024: s.v. Alvar Rodriguiz).
Igual que acontece con cofonder ~ confonder ou iferno ~ inferno, no corpus trobadoresco, e na lingua medieval, coexisten, sen flexión xenérica (a forma feminina só aparece no século XV, véxase CGPA, s.v. infanta), ifante e infante (< infantem), pois a primeira forma atéstase tamén en 550.6, 1118.12 e 1623.14, fronte a infante, que presenta máis ocorrencias (tamén en 1334.2 e 14, 1618.1 e 15). Véxase nota a 379.11.
Non é segura a identificación deste maestre Ali (véxase tamén UC 1334). Con este nome é citado un físico de D. Afonso IV nun documento de 1340, probabelmente o personaxe citado por Estevan da Guarda; porén, por esas datas tamén existe outro mestre Ali ao servizo do mesmo monarca, que chegou a ser emisario do rei. Véxase Projeto Littera (s.v. Mestre Ali) e tamén Marcenaro & González (2024: s.v. Mestre Ali)1 .
O verbo foder (do lat. futuĕre), voz escatolóxica reiterada nos vv. 10, 14, 18 e 21, tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pretencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):
diz que tu,
quando naceo Barzabu,
eras ja diabo feito.
E que jaa entam fodias
e ias contr’òs inimigos.
En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).
A rima con come e ome impón a emenda de <fame> BV, situación que se repite na cantiga 1559 (v. 11) de don Denis. É significativo que tanto D. Denis como Estevan da Guarda sexan trobadores tardíos, para alén de portugueses, pola utilización da variante fome (do lat. fame). Porén, a forma normal fame está presente en 1445.4 (El de fam’e de sede / mata om’, ...), así como na maioría dos textos medievais. De calquera maneira, ambas as dúas formas conviven, por veces, na mesma obra, tal como manifesta a reiteración de fame e fome, por exemplo, na Crónica Geral Galega (véxase CGPA, s.v.), onde se rexistran 13 ocorrencias de fome en face de 26 de fame.
Probabelmente Estevan da Guarda formule o verso cunha ambigüidade calculada, de modo que Ala poida ser interpretado tamén como 'Alá, deus do Islam', feito reforzado polo sintagma gardar no seu seo. Con todo, a sintaxe indica que estamos perante o adverbio locativo alá, pois o suxeito só pode ser Alvar Rodriguiz e prol o CD.
É desnecesaria a intervención editorial de Lapa e Pagani, pois por én ‘por iso, desa maneira’, a lectura directa das leccións de BV encaixa perfectamente na cláusula de relativo construída con futuro de subxuntivo (tirar).
A voz caralho (nesta cantiga na expresión adverbial a caralho cheo) tivo que ser desde o inicio termo excluído dos usos sociais, que non pasa do rexistro oral para o ámbito escrito, sen que apareza rexistrado na lexicografía histórica portuguesa (non é recollido no Corpus Lexicográfico Português)2 . Porén, o seu uso na poesía escarniña é frecuente (1335.21, 1403.5, 1518.7, 1614.9, 1615.6, 12 e 19, 1638.6 e 11). No Corpus Galego-Portugués Antigo só o achamos nun documento tardío:
por quanto (...) fillo de Catalina Touciña, de Niñodáguia, lle corta o carallo con un coytelo podadoyro (doc. 1466, CGPA, ed. Ferro Couselo).
Por súa parte, no Corpus do Português (CdP, s.vv.), achamos tamén unha ocorrencia no Códice Valentim Fernandes (séc. XVI):
E se vaa ter a outra jurdiçam tornam lhe o aliffante ou pagam lhe ou põem lhe guerra por ysso. E comem no Ho melhor comer delle he as vnhas e a tromba e ho caralho sobre todo.
Outrosí, tamén se rexistran as formas diminutivo-despectivas caralhete e caralhote. O primeiro atéstase en UC 1387, de Martin Soarez (cfr. Don Caralhote); e como alcume atéstase nos Documentos foraleiros da Chancelaria de D. Dinis, de Vila Real (c. 1500):
e ende ao marco que esta açima de terra que derregou Martin caralhote (cfr. CdP).
E caralhete documéntase en Gil Vicente, no Auto da Festa (cfr. CdP), en boca do parvo:
manas, achei hum alfenete,
tomai aquesta,
olhai eu tenho hũa bésta,
mas não presta o caralhete.
De calquera maneira, no ámbito da poesía escarniña, aparecen aínda outros sinónimos explícitos cales pissa/o (e pixa) ou veite (véxase UC/Glosario, s.v.).
Nas Cantigas de Santa Maria tamén comparece un maestr’Ali nun milagre narrado por Afonso X (CSM 358).
O mesmo acontece na lexicografía española: «Ni cajo, ni carajo, ni polla, aparecen en casi ningún diccionario por razones algo ridículas de pudor erudito» (cfr. Corominas & Pascual 1980-1991: s.v. carajo).