I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 40-41 [= LPGP 231]); Nunes (1972 [1932]: 138-139); Littera (2016: I, 189).
II. Outras edicións: Moura (1847: 62-63); Monaci (1875: 52); Braga (1878: 25); Machado & Machado (1952: III, 98); Júdice (1997: 117); Montero Santalha (2004).
1 vos Deus] ds̄ uꝯ B 8 loor] leor V 10 de] đ V 13 errades] eirades B; bõa] boa B 14 senhor] mha senhor BV 17 errei] eirey B
4 preguntei] perguntei Lang 7 éste] est’é Lang 10 por én de] porende Lang 12 nen un] nenhum Lang : nẽum Littera 15 min] mi Lang, Nunes, Littera
(I) Señora fermosa, por cal Deus vos fixo e por canto ben en vós quixo pór, se me quixésedes dicir agora o que xa vos preguntei outra vez, coido que me fariades un gran ben en me dicirdes se canto mal me vén por vós é causa de louvor e prez para vós, (II) porque, se fose causa de prez ou de louvor, matárdesme sería o xusto, e eu non diría que non; mais sabede unha cousa: que ningún prez nin louvor vos causa, antes errades moito, abofé, en me matardes, fermosa señora.
(III) E saben cantos nos coñecen a vós e a min que nunca amei nada como a vós; alén diso, saben que nunca vos faltei e saben tamén que sempre vos servín o mellor que puiden e que souben; e por iso facedes mal en matarme, pois eu, señora, non volo merecín.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:19)
Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas, cunha ligazón copulativa das dúas últimas estrofas, véxase nota á cantiga 55.
Aínda que ambas as leccións de B e V son correctas, é máis frecuente a expresión interpolada do pronome, que neste caso subministra o Cancioneiro da Vaticana.
Repárese en que quanto mal mi ven por vós é o suxeito de éste; o sentido fica máis claro cunha reordenación de elementos no período: «fariades gran bende mi dizerdes se vos éste loor ou prez quanto mal mi ven por vós».
A segmentación langiana da secuencia <este> é forzada, pois a presenza do demostrativo semella redundante.
Ademais, obsérvese que loor (tamén nos vv. 8 e 12) é variante única no corpus das cantigas profanas, fronte a formas do tipo louvar que concorren con loar (véxase nota a 618.10); ademais, agás pola aparición en 993.6, de Pero da Ponte, loor só se rexistra na poesía de Don Denis (véxanse tamén 496.17, 537.16, 538.24, 568.14 e 19, sempre asociado a prez nestas ocorrencias).
Lang interpretou erradamente (e de aí a forma ende) a construción dizer de non 'negar, dicir o contrario' (véxase nota a 153.11). Lang interpretou erradamente (e de aí a forma ende) a construción dizer de non ‘negar, dicir o contrario’: esta construción, en que de cumpre a función da conxunción que, aparece esporadicamente no corpus profano (153.11, 328.4, 400.3, 759.8, 971.26, 989.10, 1420.3, 1488.9, 1636.13 e 1648.16-17).
Nótese como a frecuencia da secuencia fremosa mia senhor induce o erro de copia en BV.
Neste verso converxen dous usos semánticos de saber, que noutros textos non se diferencian: ‘ter coñecemento’ e ‘coñecer’.
Por outra parte, os pronomes vós e min, como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.
É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia (nótese a facilidade de erro por contigüidade), como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).