I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 695 [= LPGP 321]); Littera (2016: I, 359).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 22); Machado & Machado (1949: I, 86-87); Rios Milhám (2017: I, 41).
2 mostrou] mōstrou B 3 mostrass’] mōstrass B 6 gradeci] gradecu B 10 pecado] pcc̄ado B 14 loei] locy B
2 mostrou] monstrou Michaëlis, Littera 3 mostrass’!] monstrass’! Michaëlis, Littera 7 guario] guariu Littera 8 veesse] vẽesse Michaëlis 9 vio] viu Littera
(I) O grande amor que eu pensei recibir da miña señora cando ela me mostrou –oxalá non ma mostrase!– a súa fermosa figura, todo se me virou doutra forma, e a bela figura dela, que eu vin, foi para o meu mal, aínda que llo agradecín.
(II) Eu coidei, cando ela me salvou, que nunca máis me viría mal por esa causa e vexo agora que me viu para o meu mal, infelizmente, pois non foi por outra razón; e a bela figura dela, que eu vin, foi para o meu mal, aínda que llo agradecín.
(III) Todo aquel ben que me ela fixo daquela e do que eu despois moito me louvei, foi para o meu mal, porque para o meu ben non foi, xa que cruamente llo sufrín; e a bela figura dela, que eu vin, foi para o meu mal, aínda que llo agradecín.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10a 10b 10C 10C (= RM 99:13)
Encontros vocálicos: 7 gua·rio; 9 vi͜o
Nesta cantiga, especialmente a través do v. 7, parece percibirse unha alusión a UC 38, onde a senhor salva o trobador da morte. Neste sentido, existe un diálogo entre os dous poemas, pois a presente composición semella a continuación negativa daquela.
Aparentemente, no corpus trobadoresco profano convive a forma xeral (a)mostrar coa variante (a)monstrar, con grupo culto latinizante (véxase nota a 63.2), o cal resulta anómalo na altura cronolóxica do trobadorismo. Mais a análise das leccións manuscritas evidencia que a aparición da consoante nasal é produto exclusivo da intervención dalgúns copistas de B, pois, cando o verbo conta con dous testemuños, nun deles sempre se rexistra a forma (a)mostrar –na única documentación de demostrar, B presenta tamén a grafía latinizante (1674.15)–. Véxanse, así, B vs. A (188.12, 309.15) e B vs. V (576.7, 624.2, 659.16, 1072.4, 1096.26, 1160.26, 1463.18, 1476.23, 1488.3, 1643.13 e 1663.6). A teor destes datos, emendamos a lección de B neste verso e mais en 9.3 e 1557.16. Cfr. nota a 110.5.
Por outra parte, neste verso aparece a frase exclamativo-desiderativa, de carácter parentético, que non + pretérito de subxuntivo. Repetida ao longo do corpus sempre coa mesma fórmula, mostra especial preferencia polos verbos veer e nacer (véxanse 178.17, 179.4, 270.20, 610.15, 621.3, 647.15, 911.9, 1099.10 e 17, 1170.r2, 1412.10).
A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). Cfr. nota a 57.6.
A representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu e a esporádica -io, mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as representacións implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (véxase, por exemplo, 614.1-8), ou aqueloutras situacións en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).
O xeral resultado mao do lat. malum é sistemático cando vai posposto ao nome, mais convive coa forma con perda de vogal final por posición proclítica (mal) en certos sintagmas. No que a pecado di respecto, mao pecado é solución minoritaria verbo de mal pecado, do mesmo xeito que se rexistra mao dia (vs. mal dia) e mao preço ou mao prez (vs. mal preço, mal prez).