323 [= RM 40,10]
Quen me vir e quen m’oir

Quen me vir e quen m’oir
que algũa molher amar
non se vaa dela quitar,
ca, pois que se dela partir,
sei eu mui ben que lhi verra
coita que par non avera
des que se longi dela vir.
E, se m’ende ‘lguen pedir
a conselho, per bõa fe,
direi-lh’eu quan gran coita é;
pero quen s’én quiser sair
sera ja quite d’ũa ren
du a non vir, de veer ben,
e quite de nunca dormir.
E esto sei ben per min,
ca vo-lo non digo por al,
mais porque sei eu ja o mal
que ven end’a quen s’én va’i,
ca muitas vezes perdi [...]
[......................................]
cativo, porque m’én parti.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 363

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 832-833 [= LPGP 285]); González Martínez (2012a: 97); Littera (2016: I, 303-304).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 133); Machado & Machado (1950: II, 138-139); Rios Milhám (2018a: II, 323).

Variantes manuscritas


5 verra] ueira B   8 sei] sey eu B   9 bõa] bona B   11] quen] ꝙʷ B   15 sei] sey eu B   18 quen] ꝙʷ B   19 perdi] perdi xassy B

Variantes editoriais


En Michaëlis o verso ausente no manuscrito é reconstruído pola editora como verso final da composición.

1 m’oir] m[e] oir González MartínezLittera   8 ‘lguen] [a]lguen Michaëlis : alguen González Martínez : alguem Littera   9 a] om. Littera   13 du] u Michaëlis, Littera   15 sei] sei eu González Martínez, Littera; min] mi Michaëlis, González Martínez, Littera   18 s’én va’i] s’én va i Michaëlis : s’én vai [i] González Martínez : vai-x’assi Littera   19-21 ca muitas vezes perdi ben, / ¡cativo! porque parti-m’én / [d’u nunca devia partir] Michaëlis : ca muitas vezes perdi [sem / e perdi sono e perdi bem] / cativo!, porque m’eu parti Littera

Paráfrase


(I) Quen me vexa e me escoite e ame algunha muller, non se vaia separar dela, pois, unha vez que se afaste dela, sei eu con certeza que lle virá unha coita sen igual desde que se vexa lonxe dela.

(II) E, se alguén me pide consello sobre iso, direille eu, certamente, que é unha gran coita; mais quen quixer saír diso (da coita) será privado dunha cousa cando non a vexa, de ver ben, e privado de durmir.

(III) E disto sei ben por min mesmo, que non volo digo por outra cousa, senón porque xa eu coñezo o mal que vén diso a quen así se vai de onde ela está, pois moitas veces perdín [...], infeliz, porque me fun de alí.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7a 8b 8b 8a 8c 8c 8a

Notas


Texto
  • 1

    A restitución vocálica do pronome me foi a decisión reintegradora por que optaron todos os editores precedentes, aínda que é xeral a sinalefa de me coa palabra seguinte iniciada por vogal. Porén, a lección transmitida por B suxire unha combinación métrica en que o primeiro verso de cada estrofa ten unha sílaba menos (dun modo similar ao que acontece, por exemplo, na cantiga 1508, en que as estrofas decasilábicas presentan o terceiro verso con nove sílabas).

  • 7

    A vogal final -i de longi (tamén en 33.6, 721.12, 800.5, 916.4, 957.3, 966.9, 1032.24 e 1139.2, 5, 7 e 10), a convivir con longe, tamén aparece nos adverbios longi (véxase nota a 33.6) e eiri (véxase nota a 114.9), talvez por influencia deste (Mariño Paz 2009: 83). Nos nomes só se rexistra sangui (véxase nota a 1410.17).

  • 8

    A partir do estabelecemento dun esquema métrico en que os vv. 1, 7 e 15 son heptasilábicos, é desnecesaria a reintegración [a]lguen que todos os editores practicaron neste verso. Porén, existe a posibilidade de que a lección <endelguen> encubra un erro <a>/<e>, que suporía unha crase end’alguen, máis lóxica do punto de vista fonético (en calquera caso, véxase a forma aferética ‘lguen, após vogal, en 73.19 ou 757.r1).

  • 8-9

    A frase verbal pedir a conselho ‘consultar’ non volve aparecer no corpus, fronte á máis frecuente filhar conselho.

  • 9

    A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 13

    A distinción entre d’u ‘de onde’ e du ‘cando’ parte de Huber (1986: §482) e foi retomada por Giuseppe Tavani na edición de Airas Nunez (1992 [1963]). Presenta poucos rexistros na lírica profana (323.13, 564.13, 634.11, 864.2) e comparece nunha ocasión nas Cantigas de Santa Maria:

              O ben que perdeu Eva
              du perdeu parayso,
              cobrou Santa Maria
              pelo seu mui bon siso (CSM 320.20).

  • 14

    Mantemos o adxectivo quite en liña coa súa presenza no v. 12, mantendo, por tanto, o tempo futuro: sera ja quite d’ũa ren / ..., e (será) quite de nunca dormir. Porén, sería posíbel a segmentación quit’é, que achegaría unha construción quiasmática (sera quite ... quit’é).

  • 15

    O presunto carácter heptasilábico do primeiro verso de cada estrofa indica que debe ser omitida unha sílaba neste verso: a presenza de eu nos vv. 5, 10 e 17 (unha ocorrencia en cada estrofa) parece indicar a conveniencia da súa expunción (en vez de omitir a copulativa inicial), xa que o seu carácter espurio é confirmado por diversas pasaxes nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

  • 18

    A lección <uaý> de B pode perfectamente representar a crase de vai co adverbio i, igual que acontece en 1366.12, onde se produce a crase de’i (dei + i). Neste sentido, a forma va de Michaëlis é inexistente e a reintegración de González é desnecesaria.

  • 19-21

    O derradeiro elemento do v. 19 en B (<xassy>) non pode corresponder a este verso, que precisa un elemento final con rima diferente a -i: debe pertencer ao v. 20, ausente no manuscrito por lapso de copia e que Michaëlis reconstruíu imaxinativamente, atribuíndo a lacuna ao v. 21; igualmente imaxinativa é a reconstrución de Littera.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado