339 [= RM 7,10]
Oimais quer’eu punhar de me partir

Oimais quer’eu punhar de me partir
daqueste mund’e farei gran razon,
poi-lo leixou a mia senhor e non
pud’i viver e fui alhur guarir;
e por esto quer’eu por seu amor
leixa-lo mundo falso, traedor,
desemparado, que me foi falir.
E non ouvera pois quen o servir
com’eu servi, nen tan longa sazon,
e ficará desemparad’enton,
pois m’end’eu for, que mia senhor fez ir;
e, pois que ja no[n] á prez nen valor
eno mundo, d’u se foi mia senhor,
Deus me cofonda se eu i guarir!
E, pois que eu i mia senhor non vir
e vir as outras que no mundo son,
non me podia dar o coraçon
de ficar i; e, por vos non mentir,
quero-m’end’ir, e, pois que m’end’eu for
daqueste mundo, que ést’o peor
(cousa que sei), querrei-me del riir.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 377

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 857-858 [= LPGP 96]); Marcenaro (2013: 74), Littera (2016: I, 56-57).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 138-139); Machado & Machado (1950: II, 164-165); Rios Milhám (2018b: III, 339).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 19).

Variantes manuscritas


2 gran] g̃am B   9 servi] seruir B   11 que] ꝗʷ B   15 eu] en B   21 querrei] equeirey B

Variantes editoriais


8 ouvera] haverá Littera   9 servi] servir Marcenaro   10 ficará] ficara Marcenaro   18 vos] vus Michaëlis   20 o] a Michaëlis, Marcenaro, Littera

Paráfrase


(I) A partir de agora quero esforzarme en me ir deste mundo e farei moi ben, porque o deixou a miña señora e non puido aí vivir e foi morar a outro lugar; e por isto eu quero, polo seu amor, deixar este mundo falso, traidor, desamparado, que me fallou.

(II) E non haberá despois quen o sirva como o eu servín, nin por tanto tempo, e ficará desamparado entón, despois que me eu vaia, porque fixo que se fose a miña señora; e, pois xa non hai prez nin valor no mundo, de onde se foi a miña señora, que Deus me confunda se eu vivo nel!

(III) E, cando eu non vexa aquí a miña señora e vexa as outras que están no mundo, o meu corazón non me podería deixar ficar aquí; e, por non vos mentir, quérome ir de aquí, e, logo que me eu for deste mundo, que é o peor –seino ben–, querereime rir del.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:5)

Notas


Texto
  • 4

    O suxeito de pud(e) e de fui é mia senhor, razón por que estas son formas da P3 de pretérito: a señora foise deste mundo (v. 3) porque non puido vivir nel. Por iso o namorado manifesta o seu desexo de deixar este mundo falso e traidor (vv. 5-6 e 19) de onde xa se foi a súa señora (v. 13). Non poden ser formas da P1 porque se o namorado xa foi vivir a outro lugar (v. 4) por non poder permanecer neste mundo, non tería sentido que manifestase a súa intención de abandonar este mundo falso (vv. 1-2 e 5-6). As traducións de anteriores edicións (cfr., en Marcenaro, “e non ho potuto viverci e sono andato altrove a curarmi”) indican que os editores, arrastrados pola aparencia de P1, con vogal radical /u/, interpretaron tales formas con suxeito eu.

    Porén, por máis que a forma xeral de P3 de pretérito de poder sexa pôde, igual que acontece en 713.7), nesta cantiga volve rexistrarse unha rara variante pude para a P3, que vai na dirección da posterior evolución deste tempo en galego, con xeneralización analóxica a partir da P1. Tal variante está tamén documentada nas Cantigas de Santa Maria, tanto na rúbrica 312 (Como o cavaleiro non pude conprir ssa vontade con sa amiga na casa en que lavravan a [omagen de Santa Maria]), como noutros contextos das cantigas marianas:

    Mas foi-sse log’a un rio que corria preto d’y,
    ar fugiu-lle log’a agua, per quant[o] eu aprendi;
    e assi passou dous anos, per com’eu escrito vi,
    que agua coller non pude, nen sol bever nen gostar (CSM 155.40).

    E tan muito o foi seguir
    que ja non pude mais mentir,
    e o frade fez[o] vĩir,
    dezendo: ... (CSM 239.56).

    Existe tamén algunha ocorrencia desta forma en textos prosísticos; véxase, entre outros, a tradución portuguesa da Confessio Amantis:

    Mais, porem, de quando soube perguntar e enquerer, nunca pude saber que fora de dona Costança (Faccon 2012: 348).

    Por outra parte, do mesmo modo que a forma foi pode ser P1 de pretérito de seer (e de ir), tamén fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser resultado de P1, o mesmo que fui de P3.

  • 9

    Non se pode manter o servir do manuscrito (Marcerano), probabelmente arrastrado pola mesma forma no verso anterior, pois non é correcta a expresión nin ten sentido.

  • 18

    A frecuente frase formularia por non mentir permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.) e equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc. 

  • 20-21

    Tanto Michaëlis como Marcenaro e Littera emendaron a lección de B e coa puntuación interpretaron a pasaxe de acordo en coherencia con tal modificación: e, pois que m’end’eu for / daqueste mundo, que ést’a peor / cousa que sei, querrei-me del riir. Fronte ao texto das edicións precedentes, a presente proposta textual responde á literalidade do manuscrito, coa consideración da frase parentética cousa que sei, que tamén se rexistra en 6.24. Por outra banda, a copulativa presente no manuscrito no derradeiro verso é espuria, como demostra a sintaxe e a métrica do verso. Neste sentido, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado