848 [= RM 98,1]
Sedia-m’eu na ermida de San Simion

Sedia-m’eu na ermida de San Simion
e cercaron-mi as ondas que grandes son:
eu atendendo meu amig’, e u era?
Estando na ermida ant’o altar,
[e] cercaron-mi as ondas grandes do mar:
eu [atendendo meu amig’, e u era?]
E cercaron-mi as ondas que grandes son,
nen ei [i] barqueiro nen remador:
eu aten[dendo meu amig’, e u era?]
E cercaron-mi [as] ondas do alto mar,
non ei [i] barqueiro nen sei remar:
eu aten[dendo meu amig’, e u era?]
Non ei i barqueiro nen remador,
morrerei [eu] fremosa no mar maior:
eu atenden[do meu amig’, e u era?]
Nen ei [i] barqueiro nen sei remar,
morrerei eu fremosa no alto mar:
eu [atendendo meu amig’, e u era?]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 852, V 438

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 229-230); Tavani (1986: 136 [= LPGP 662])1; Cohen (2003: 311); Fernández Guiadanes et alii (1998: 63); Littera (2016: II, 161).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 163); Braga (1878: 83); Machado & Machado (1953: IV, 175); Alonso Montero (1982); Brea (1998: 95); Couceiro Pérez & Fontoira (1998: 23); Monteagudo (1998a: 102); Monteagudo (1998b: 127); Pena (1998b: 106); Pena (1998c: 101-102).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 91-93); De la Iglesia (1886: II, 255); López-Aydillo (1914: 53-54); Cidade (1941: 8-9); Seoane (1941: 73); Nemésio (1961 [1949]: 118-119); Fernández Pousa (1951: 71); Bernárdez (1952: 76); Varela Jácome (1953: 10-11); Alonso & Blecua (1969 [1956]: 130); Nunes (1959: 366-367); Oliveira & Machado (1959: 104-105); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 57-59); Álvarez Blázquez (1975: 151-152); Landeira Yrago (1975: 83-84); Torres (1977: 352); Correia (1978: 288-290); Reckert & Macedo (1980: 131-132); Fiúza (1981: 50-52); Gonçalves & Ramos (1983: 254); Beltrán (1987: 51-52); Deluy (1987: 115); Dobarro Paz et alii (1987: 13); Ferreira (1988: 77-78); Alvar & Beltrán (1989: 335-336); Tavani (1989: 11); Pena (1990: 86-87); Ferreira (1991: 99-100); Jensen (1992: 234); Pena (1993: 72-73); Delgado León (1996: 114-115); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 170); Vieira (1996: 27-28); Diogo (1998: 261); Vallín (1999: 79-80); Morán (1999: 50-51); [Morán] (2001: 56-57); Arias Freixedo (2003: 638-639); Alvar & Talens (2009: 558); Fidalgo (2009: 146); Mongelli (2009: 134); Dunne (2010: 24); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 82-83); Lopes & Ferreira & Silvestre (2015: 31); Souto Cabo (2017: 176); Álvarez Maneiro & Borriero (2018: 40); Gutiérrez (2023: 101, 229, 285, 293).

Variantes manuscritas


1 Sedia] Seria BV; de]  d’ BV   3 e u era] eū a BV   10 ondas] ūdas BV   13 i] om. V   14 morrerei] moirerey B   15 Eu atēdeu B   17 morrerei] emoirerey B : emorrerey V

Variantes editoriais


1 Sedia] Seia Fernández Guiadanes et alii : Seía Cohen   3 eu atendendo meu amig’, e u era?] eu atendend’o meu amigo! / eu atendend’o meu amigo Nunes : eu atendend’o meu amigu’! E verrá? Tavani : Eu atendendo meu amig’!  E ver[r]a? Fernández Guiadanes et alii : eu atendendo meu amig’ e ũa Cohen : Eu atendendo meu amig’, eu a[tendendo] Littera   4 Estando] Estaua [m’eu] Cohen   5 [e]] om. Tavani, Fernández Guiadanes et alii   6 = v. 3   8 nen ei [i] barqueiro] non ei [i] barqueiro Nunes, Tavani, Cohen : Nom hei  [eu i] barqueiro Littera; nen remador] nen [ar] remador Cohen   9 = v. 3   11 non ei [i] barqueiro] Nom hei [eu i] barqueiro Littera : nen remador] nen [ar] remador Cohen   12 = v. 3   13 Non ei i barqueiro] Nom hei [eu] i barqueiro Littera; nen sei] nen [ar] sei Cohen   14 morrerei eu fremosa] [e] morrerei fremosa Cohen, Littera : morrerei fremosa Nunes   15 = v. 3   16 Nen ei [i] barqueiro] Non ei [i] barqueiro Nunes, Tavani : nen [ar] ei barqueiro Cohen : Nom hei [eu i] barqueiro Littera   17 morrerei eu fremosa] e morrerei fremosa Cohen : morrerei fremosa Nunes   18 = v. 3

Paráfrase


(I) Estaba eu na ermida de San Simón e cercáronme as ondas, que moi grandes son: eu (estaba) esperando o meu amigo... e (el) onde estaba?

(II) Estando na ermida, ante o altar, cercáronme as grandes ondas do mar: eu (estaba) esperando o meu amigo... e (el) onde estaba?

(III) E cercáronme as ondas que moi grandes son, non teño alí barqueiro nin remador: eu (estaba) esperando o meu amigo... e (el) onde estaba?

(IV) E cercáronme as ondas do profundo mar, non teño alí barqueiro nin sei remar: eu (estaba) esperando o meu amigo... e (el) onde estaba?

(V) Non teño alí barqueiro nin remador, morrerei eu, fermosa, no mar maior: eu (estaba) esperando o meu amigo... e (el) onde estaba?

(VI) Non teño alí barqueiro nin sei remar, morrerei eu, fermosa, no profundo mar: eu (estaba) esperando o meu amigo... e (el) onde estaba?

Métrica


Esquema métrico: 11a 11a 11’B (I-II) + 11a 10a 11’B (III-IV) + 10a 11a 11’B (V-VI)

Encontros vocálicos: 1 naermida, Si·mi͜on; 2 -mias; 5 -mias; 7 -mias; 10 -mi[as]

Notas


Texto
  • *

    Por medio da alusión ás ondas do mar maior que cercan a moza namorada mentres está á espera do amigo na ermida da illa de San Simón, onde concertaran unha cita, Meendinho consegue transmitir o sentimento de desacougo da amiga por se ver soa e sen socorro posíbel nese lugar illado. Simultaneamente, co simbolismo das ondas do alto mar que a cercan, transmite tamén a paixón amorosa que a inunda, por causa da cal teme morrer ao frustrarse o esperado encontro amoroso que aliviaría o seu desexo erótico. Este recurso ás ondas e ao mar como símbolo da paixón amorosa é utilizado tamén por Roi Fernandiz de Santiago nunha peculiar cantiga de amor (UC 903).

    A cantiga presenta unha serie de lacunas de texto que se poden colmatar co apoio dos versos paralelísticos de Meendinho, ao tempo que son elementos gráfica e foneticamente reducidos, facilmente omitidos no proceso de copia. Deste modo, no v. 5, a pesar do aparente carácter expletivo da conxunción e, a métrica e o vv. 2, 8 e 10 indican a lexitimidade da súa integración (nótese tamén a súa espuria presenza no inicio do v. 17); por outra parte, nos vv. 8 e 11 pódese restaurar o adverbio i (presente no v. 13); no v. 10 restitúese o artigo as presente nos vv. 2, 5 e 7, e, finalmente, no v. 14 recupérase o pronome eu, que figura no v. 17. Deste modo, e fronte á isometrificación de Cohen, que integra o adverbio ar nos vv. 7, 11, 13 e 162 , mantemos unha métrica irregular (talvez xa en orixe), con tres esquemas diferentes (por pares de estrofas), en liña coas vacilacións de medida que se detectan nalgunhas cantigas de amigo de teor tradicionalizante. Véxase, por exemplo, UC 585 (Don Denis), 656 (Nuno Fernandez Torneol), 735 (Estevan Coelho) ou 1207 (Pero Meogo).

    Esta vacilación métrica parece, tamén, condicente coa laxitude paralelística no que di respecto a non / nen, talvez sutís variacións e non erros de transmisión, de modo que fica unha distribución especular: III e VI Nen…nen / IV e V Non…nen. Véxase unha vacilación similar na cantiga UC 659, de Nuno Fernandez Torneol: nen (vv. 8 e 11) / non (vv. 13 e 16).

  • 1

    A forma sedia no inicio deste verso de Meendinho é controvertida, pois procede dunha emenda da lección <Seria> de BV (o mesmo que no íncipit da cantiga 1489, de Afonso Lopez de Baian: Sedia-xi don Belpelho en a sa maison (B1470, V1080). A partir de Carolina Michaëlis de Vasconcelos (1904: II, 889) afirmouse esta emenda (seria > sedia), que acomoda perfectamente a expresión e condí co sinonímico estar (estando) do inicio da segunda cobra (v. 4).
    Deste modo, consolídase a aparición dun obvio arcaísmo nunha outra cantiga de amigo que vén sumarse á outra documentación existente no corpus trobadoresco profano (Estevan Coelho, UC 734, vv. 1, 4):
              Sedia la fremosa seu sirgo torcendo,
              sa voz manselinha fremoso dizendo
              cantigas d’amigo.
     

              Sedia la fremosa seu sirgo lavrando,
              sa voz manselinha fremoso cantando
              cantigas [d’amigo].
    Contra a proposta michaëliana, Álvarez e Monteagudo (1998) defenden profusamente a necesidade de corrixir <Seria> en Seia, forma trisilábica descendente de sedebam e que conta con algunha documentación nas Cantigas de Santa Maria. Porén, a única forma utilizada nas cantigas profanas é siia(n), con sete ocorrencias (véxase Glosario, s.v. seer), para alén do feito de se documentar con certeza o erro <d>/<r> ao longo dos apógrafos italianos: Arruda <arrura> B, <arruda> (1323.13), alcaide <Al cayre> B, <al caude> V (1497.48).

    A ermida de San Simón estaría situada na illa do mesmo nome, no extremo interior da ría de Vigo.

  • 3

    O refrán da cantiga constitúe, sen dúbida, o fundamental locus criticus de Meendinho. Para interpretar a lección dos manuscritos formuláronse múltiplas e diferentes propostas (revisadas en Arias Freixedo 1997, Correia 1997, Ferreiro 2007, Arias Freixedo 2009; véxase tamén Couceiro Pérez 1998).

    Os apógrafos italianos (<Eu atendendo meu Amig eū a> B, <eu atendendo meu amig eū a> V) envían un verso que na parte final presenta un signo de abreviatura sobre a grafía <u>. Por ser probabelmente o texto base para a primeira edición impresa desta cantiga, interesa incluír aquí a versión do Cancioneiro de Berkeley (K), a pesar de ser un descriptus de V, pois como se verá, a ausencia de abreviatura nesta versión condicionou a primeira versión impresa (<eu atendendo meu amig eu a> K).

    A proposta inicial de Varnhagen (1870), con reiteración do verso de refrán, converteuse en versión vulgata, especialmente a partir da edición de Nunes. Unha nova proposta formulada por Tavani cen anos despois (en 1980, divulgada en 1988), orixinou un proceso de revisión crítica que deu lugar a unha serie de hipóteses editoriais baseadas nas diversas posibilidades de interpretación dos manuscritos, todas elas conxecturais3 .

    Varnhagen (1872 [1870]) estebelece un refrán biversal: eu atendendo meu amigo, / eu atendendo meu amigo. Para editar o texto de Meendinho, o diplomático brasileiro parece ter seguido unha transcrición que mandara facer do por el denominado Cancioneiro de um Grande de Hespanha, descuberto polo propio Varnhagen en 1857 na biblioteca de Fernán Núñez, en Madrid, e hoxe coñecido como Cancioneiro de Berkeley. Este relator, que é unha copia de V, omite no verso do refrán o signo de abreviatura que había no seu antígrafo da Vaticana. Por este motivo, o razoamento do editor de considerar as tres letras finais <eu a> como abreviatura do verso do refrán, que debería ir duplicado, ten a súa lóxica, considerando que o hábito dos cancioneiros é o de abreviar os refráns a partir da segunda estrofa, reducíndoos a un fragmento máis ou menos longo do primeiro verso. Os minuciosos traballos de Ângela Correia (1998, por exemplo) sobre a escrita dos refráns nos cancioneiros, en xeral, e en particular sobre o refrán da cantiga de Meendinho, corroboraron a imposibilidade de considerar neste caso un refrán constituído por dous versos idénticos.

    Tavani (1980) propuxo unha nova lectura en que a estrofa sería a habitual nas cantigas paralelísticas con leixa-prén: un dístico monorrimo con un refrán monóstico. Na súa versión interpreta a parte final do verso como unha conxunción copulativa seguida da forma de futuro do verbo vĩirEu atend’end’o meu amigo. E verrá?4

    Porén, esta hipótese ten o problema de que a forma de futuro do verbo vĩir e derivados só moi excepcionalmente se rexistra abreviada, e nas escasas ocorrencias en que si o está, sempre aparece por extenso o segundo <r> do dígrafo (<rr> ou <ir>), que representa graficamente a vibrante múltipla5 . Así, Fernández Guiadanes et alii (1998) adoptan a proposta de Tavani, mais editan a secuencia final indicando a carencia da abreviatura: e ver[r]á?

    Para alén da lectura de Arias Freixedo (2000), que acollemos como proposta editorial (véxase infra), aínda hai que computar outras tres posibilidades máis para o refrán de Meendinho. Cohen, no ano 2003, ofrece na súa edición das 500 cantigas d’amigo unha proposta (a partir da lectura Eu atendend o meu Amig – e ũa!, de Machado & Machado 1953) segundo a cal o verso ficaría así: eu atendendo meu amig’, e ũa. Nela, ũa tería un valor arcaico derivado do latín unus, que equivalería a “soa, sozinha” e que incidiría na circunstancia de extrema soidade en que se atopa a rapariga. Este mesmo autor (2009), en comentario publicado na primeira entrega de Locus Criticus6 , cuestiona o enfoque centrado en lle buscar unha lóxica paleográfica e gramatical aos tres últimos grafemas presentes nos manuscritos, e propuxo que unha nova –e hipotética– lectura: eu atendendo meu amigo. No entanto, dificilmente se pode obviar a presenza dos tres elementos finais e mais da abreviatura.

    Por súa parte, Ferreiro (2007) propón editar eu atendend’o meu amig’en ira! Trátase dunha versión paleograficamente aceptábel, baseada no frecuentísimo erro de copia das grafias <u>/<n> e nun diferente desenvolvemento da abreviatura (<ir> en vez de <er>): <eū a> = en ira. A locución en ira rexístrase nunha cantiga de D. Denis (meteu-s’alva en ira; 583.23), mais desde o punto de vista do contido, na cantiga de Meendinho non parece ter xustificación unha alusión á saña da protagonista.

    Finalmente, eu atendendo meu amig’, eu a[tendendo] é a lectura ofrecida en Littera (2016): na versión dixital é xustificada esta versión “meramente conxectural” como “uma leitura minimalista [...] que procura evitar intervenções de fundo no testemunho dos manuscritos e que é semanticamente mais neutra”7 .

    Entre o abano de propostas, sobrancea a lectura de Arias Freixedo (2000), que presenta unha lectura que se podería explicar razoabelmente desde o punto de vista paleográfico: eu atendend’o meu amig’, e u era? Segundo esta proposta, o copista do antígrafo de BV, ou dunha versión anterior, cometeu un erro ao interpretar unha hipotética secuencia *euera do exemplar que copiaba (causado polo hábito de unir palabras, así como pola práctica inexistencia, nalgúns casos, de separación entre os diferentes grafemas). Ante tal secuencia, o copista interpretou o grafema <u> con valor consonántico e leu abreviando o <e> e o <r>: <e ūa> ou <eū a>, lección que logo pasou a B e a V. Porén, a lectura correcta do conglomerado *euera sería estoutra: e u era, onde a grafía <u> ten valor vocálico e representa o adverbio de lugar u (do lat. ubi) e era é a forma da terceira persoa do copretérito do verbo seer. Segundo esta hipótese, que seguimos na nosa edición, o verso completo ficaría, así: Eu atendendo meu amigo, e u era?

    Para esta interpretación encontramos unha correspondencia na cantiga dionisina Ai flores, ai flores do verde pino (UC 585), en que a moza, perante a tardanza do amigo, fai a mesma pregunta, en presente, ás flores do piñeiro:

    Ai flores, ai flores do verde pino,
    se sabedes novas do meu amigo?
    Ai Deus, e u é?

    A aparente incongruencia entre os tempos verbais na cantiga de Meendinho explicaríase por un intencionado recurso retórico á presentización dunha experiencia vivida pola protagonista no pasado (ou talvez dun soño), que agora, lembrándoa, narra no presente8 . A combinación de formas en pasado (sedia, cercaron...) con formas de presente (non ei, nen sei...) e de futuro (morrerei) contribúe a dar á narración un elevado nivel de dramatismo.

    Canto á presenza / ausencia do artigo (atendend’o meu amigo / atendendo meu amigo), con Cohen (e fronte a Nunes e Tavani) optamos por non segmentar o determinante, de acordo co uso maioritario do posesivo nas cantigas profanas.

  • 4

    Nótese a intrusiva emenda de Cohen, que restaura a simetría sintáctico-semántica entre os vv. 1 e 4: Seía m’eu na ermida... / Estaua <m’eu> na ermida...

  • 7-8

    Na cantiga de Meendinho, este dístico presenta rima asoante ou toante, que se rexistra nun grupo significativo de cantigas de amigo (ou similares), todas elas de teor tradicionalizante. Véxanse diversas composicións de Don Denis (583, 584, 585, 586, 606, 609), Fernan Rodriguez de Calheiros (647), Nuno Fernandez Torneol (656), Joan Soarez Coelho (704), Afonso Sanchez (781), Paai Gomez Charinho (813, 839), Airas Nunez (864, 870), Roi Fernandiz de Santiago (903), Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920, 922), Nuno Porco (1130), Joan Zorro (1161, 1163, 1165, 1166, 1167, 1168, 1169, 1170), Pero Meogo (1204, 1205, 1206, 1208), Martin de Giinzo (1287, 1288, 1289, 1290, 1291), Martin Codax (1295, 1296, 1297, 1298, 1300), Fernand’Esquio (1314).

  • 17

    Fronte ás múltiplas integracións de as, eu e i (vv. 5, 8, 10, 11, 14) por mor da medida e da reiteración paralelística, a métrica solicita a expunción da copulativa inicial que os dous manuscritos achegan. Existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da conxunción, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9). E noutros casos, a pesar da coincidencia dos testemuños, existen razóns sintácticas, métricas ou doutro tipo que aconsellan a antecitada expunción. 

  1. ^

    O texto de Tavani non presenta aparato crítico, mais é produto da reflexión ecdótica derivada da proposta para unha nova lectura do refrán da cantiga de Meendinho (Tavani 1988d).

  2. ^

    Nótese que nos vv. 8 e 11 Cohen integra ar (particula preverbal de reforzo) perante substantivo (nen [ar] remador).

  3. ^

    Pode verse unha exposición e debate desta cuestión no primeiro número de Locus Criticus (Arias Freixedo 2009: <http://locuscriticus.webs.uvigo.es/?p=1#comments>).

  4. ^

    En 1997 o propio Tavani ofrece unha versión en que varía a parte inicial do verso, de xeito que a forma de presente do verbo seguida polo pronome adverbial (atend’end’o) pasa a ser interpretada como xerundio: Eu atendend’o meu amigo! E verrá?

  5. ^

    De feito, dos máis de 160 casos rexistrados da forma verrá (e derivados como averra ou converra) no conxunto dos relatores, só está abreviada nunha cantiga de Airas Nunez (UC 870 [B 879, V 462]) tanto en B como en V, nas tres ocasións que se repite o refrán. Mais faino coa forma <ūra> ou <ur̄a>, polo que a abreviatura non inclúe os dous <r> da forma verra. Noutra cantiga de Joan Airas de Santiago (UC 1026 [B 1022, V 612]) a forma verra aparece abreviada só en V (<vēra>), en face do <ueira> de B.

    Parece, pois, que unha hipotética forma verra como rimante do refrán da cantiga de Meendinho sería dobremente anómala: tanto polo feito de estar abreviada como por a abreviatura ser irregular.

  6. ^

    Ângela Correia, en comentario feito no nº 1 de Locus Criticus (<http://locuscriticus.webs.uvigo.es/?p=1#comments>), baseaba neste recurso retórico da presentización a súa defensa da primeira proposta de Tavani (Eu atend’end’o meu amigo. E verrá?) como a mellor das hipóteses para resolver a dificultade do refrán da cantiga.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado