I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 69-70 [= LPGP 205]); Nunes (1973 [1928]: 10-11); Cohen (2003: 592); Littera (2016: I, 215).
II. Outras edicións: Moura (1847: 126-128); Monaci (1875: 66); Braga (1878: 33); Machado & Machado (1952: III, 172-173); Cohen (1987: 32-33); Júdice (1997: 27); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 62-63); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 31).
2 prazer] plazer V 4 m’atrevo tanto] ma ereuo tādo V 5 non o] aono V 6 quero] querō BV; desasperar] desaspar V 7 mostrasse] mōstrasse B 9 averian] auiam V 10 por] e pᵉ B, epʳ V 11 non o] aono V 17 non o] aono V 19 pode] sse pode BV
2 prazer] plazer Lang 4 ca m’atrevo tanto] cama ereuo tãdo Lang 5 non o] ca o nom Lang 10 por én] e porem Lang : |e| por end’ Cohen : e por end' Littera 11 non o] ca o nom Lang 17 non o] ca o nom Lang 19 pode] se pode Lang, Nunes, Littera
(I) O meu amigo, amiga, non quero eu que teña un gran pracer nin un gran pesar, e quero eu levar así esta cuestión, pois a tanto me atrevo nesta situación: non o quero salvar nin matalo, nin o quero facer desesperar de min, (II) porque, se eu lle mostrase amor, sei ben que lle causaría por iso un ben tan grande que lle haberían de entender por iso canto me ama; así que isto farei: non o quero salvar nin matalo, nin o quero facer desesperar de min.
(III) E se lle mostrase algún desamor non se podería librar da morte, pola forte coita que tería por iso; mais, por non errar á hora de facer o que é mellor, non o quero salvar nin matalo, nin o quero facer desesperar de min.
(1) E así pode pasar o seu tempo, ás veces con pracer, ás veces con pesar.
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (I, II [= RM 160:23]) + 10a 9’b 9’b 10a 10C 10C (III [= RM 160:279]) + 10c 10c
Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas atá a fiinda, cunha ligazón copulativa das dúas últimas estrofas, véxase nota á cantiga 55.
Fronte ao xeral prazer (nome e/ou verbo) este verso rexístrase a variante plazer en V, sen dúbida minoritaria en relación a prazer (véxanse tamén 7.44, 20.23, 62.3, 102.11, 412.29, 924.3 e 1624.1, así como a variante de V en 576.2). Esta variante fonética para o tratamento do grupo latino pl- debe ser relacionada coa evolución doutros grupos, como cl- e fl-, que, para alén do resultado [ʧ͡], ofrecen, nalgúns vocábulos, como resultado diverxente, a solución rotatizada cr-, pr- e fr-; neste sentido, convén insistir na frecuencia con que no territorio galego-portugués alternan as solucións cr-/cl-, pr-/pl- e fr-/fl- pola vacilación fonética [ɾ] ~ [l] nestes grupos. Así, a carón do xeral preito, achamos un caso de pleito (434.13) e mais o sistemático planeta (1340.2, 3, 8, 12 e 27; 1451.23); por súa vez, sendo clerigo forma única, existe vacilación entre clerizia (1340.11, 1497.36) e crerezia ~ crerizia (888.43, 917.3); por último, fronte ao maioritario frol e fror, rexístrase tamén flor (113.15, 517.17, 551.16, 585.1 e 4, 864.19, 866.2), para alén do antropónimo Flores (530.9, 772.10).
A partir da lección <aono> de V, Lang, con certa lóxica, interpretou que no inicio do refrán faltaba a consoante <C> inicial dunha conxunción causal, e tamén que debería restituírse a consoante final da negación. Con todo, como demostra a versión de B, o máis probábel é que o copista de V interpretarse como <A> maiúsculo unha das grafías menos usuais no <N> maiúsculo.
Obsérvese a variante monstrar de B (vs. V), talvez produto da intervención do copista de B, tal como mostra a análise das variantes (a)mostrar / (a)mosntrar nos códices. Véxase nota a 9.3.
A métrica aconsella a expunción da copulativa, que convertería o verso en hipermétrico. Neste sentido, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).
Resulta sorprendente a aparición da variante apocopada én perante vogal, pois a distribución de ende / én responde, en principio, ao contexto fonético: ende + vogal (en xeral con crase) vs. én + consoante. Porén, é certo que no corpus se detecta a aparición de oito casos de én + vogal, sempre a vogal palatal /e/, cunha única excepción na cantiga 148 de Martin Soarez (por én a desfiar): 93.8, 148.13, 359.4, 468.27, 959.9.
Enténdase: ‘mais, por non errar á hora de facer o que é mellor, non o quero...’.
Neste verso aparece un pronome se espurio, pois, para alén da hipermetría causada, o verbo poder ten como suxeito o amigo, que desbota a posibilidade de o verbo ser pronominal. Véxase, de todos os xeitos, 942.13, onde se detecta outro se indubitabelmente espurio.