140 [= RM 97,5]
De tal guisa me ven gran mal

De tal guisa me ven gran mal
que nunca de tal guisa vi
vĩir a outro, pois nasci,
e direi-vos ora de qual
guisa, se vos prouguer, me ven:
ven-me mal porque quero ben
mia sennor e mia natural,
que am’eu máis ca min nen al,
e tenno que ei dereit’i
d’amar tal sennor máis ca mí;
e seu torto x’é se me fal,
ca eu non devi’a perder
por mui gran dereito fazer,
mais a min dereito non val.
E, pois dereito nen sennor
non me val i, e que farei?
Quen m’i consello der terrei
que muit’é bon consellador,
ca ela non mi-o quer i dar
nen mi ar poss’eu dela quitar:
e qual consell’é ‘qui mellor?
Esforçar-m’e sofrer pavor
o mellor consell’é que sei,
e én lle dizer qual tort’ei
e non llo negar, pois i for,
e ela faça como vir:
de me matar ou me guarir,
averei de qualquer sabor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 53, B 165

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 113-114); Bertolucci Pizzorusso (1992 [1963]: 97-98 [= LPGP 642-643]); Littera (2016: II, 127-128).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 67-68); Carter (2007 [1941]: 34-35); Marques Braga (1945: 111-112); Machado & Machado (1949: I, 249-250); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 140).
III. Antoloxías: Diogo (1998: 52-53).

Variantes manuscritas


1 guisa] guissa A; me] mj B   2 guisa] guissa A   3 vĩir a outro, pois nasci] uíj́r ahome poys naci B   4 vos] uus A   5 guisa, se vos] guissa se uus A   6 ven-me] nēmj B   9 dereit’i] d’eici B   10 mí] mj̄ B   16 i] om. B   17 mi] me B; terrei] teirey B   20 mi ar] mar B   21 consell’ é ‘qui] cōsselhe aqⁱ B   22 m’e sofrer] me e ꝑder B   24 e én] esto e B   27 me] deme B   28 averei] e a uerei A : ca au’ey B

Variantes editoriais


1 me] mi Bertolucci Pizzorusso   3 vĩir] viir Littera; outro] home Bertolucci Pizzorusso; nasci] naci Bertolucci Pizzorusso   4 vos] vus Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso   5 vos] vus Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso   6 me] mi Bertolucci Pizzorusso   8 min] mi Littera   10 mí] min Bertolucci Pizzorusso   16 val i] val’i Michaëlis   17 m’i] me Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso, Littera   20 mi] m’ Bertolucci Pizzorusso, Littera   21 ‘qui] aqui Bertolucci Pizzorusso, Littera   22 Esforçar-m’e sofrer] Esforçar-m’en soffrer Michaëlis : Esforçar-me / e perder Bertolucci Pizzorusso, Littera   24 e én] e en Michaëlis : esto / é Bertolucci Pizzorusso : e em Littera   28 averei] e averei Michaëlis : e averey Bertolucci Pizzorusso : e haverei Littera

Paráfrase


(I) De tal maneira me vén gran mal que nunca así o vin vir a outro, desde que nacín, e direivos agora, se vos prouguer, de que maneira me vén: vénme mal porque quero ben a miña señora por dereito de liñaxe, (II) que eu amo máis que a min nin a ningunha outra cousa, e acho que nesta situación teño dereito a amar tal señora máis que a min; e é erro dela se me falla, porque eu non debía saír prexudicado por obrar moi conforme a dereito, mais a min o dereito non me ampara.

(III) E pois nin dereito nin señor me amparan nesta situación, que farei? A quen nesta situación me der consello tereino por moi bo conselleiro, porque ela non mo quere dar nin eu a podo deixar: e cal é aquí a mellor solución?

(IV) Esforzarme e sufrir o pavor é o mellor remedio que coñezo, e dicirlle a inxustiza que sufro por iso e non lla ocultar, cando vaia alí, e ela que faga como vir: que me mate ou que me ampare, por calquera das dúas opcións sentirei agrado.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161:262)

Encontros vocálicos: 19 mi-‿o; 20 miar

Notas


Texto
  • 1-5

    No Cancioneiro da Ajuda detéctanse algúns casos de confusión de sibilantes, probabelmente un fenómeno gráfico sen transcendencia fonolóxica. Igual que <guissa> nos vv. 1, 2 e 5, véxanse outras formas como <dessamar> desamar (66.21), <dessamparado> desamparado (317.21), <oussasse> ousasse (268.2, 275.4308.11, 313.8 e 346.3 <oussase>) e <oussen> ous’én (268.3), ou as repetidas <guissa> guisa e <guissada> guisada  (72.27, 137.32, 146.19, 147.3, 150.4, 259.18, 409.8, 692.7), <pessar> pesar (90.21, 214.21, 395.9, 439.4 e 10, 441.6, 12 e 18), <quissesse> quisesse (199.27, 407.10), <quisso> quiso (407.11) e <quisser> quiser (71.18, 692.13). Véxanse tamén notas a 69.7, 80.10, 88.15 e 89.2.

  • 3

    Nótese a variación lexical outro / ome, métrica e semanticamente equivalentes, entre A e B.

    A forma nasci de A (face á grafía xeral naci, en B) presenta o grupo gráfico <sc> que se rexistra puntualmente en verbos incoativos, en especial. Véxase nota a 117.19.

  • 7

    A expresión mia natural implica unha transposición da linguaxe e das relacións feudais (a vasalaxe como relación natural) á senhor das cantigas (véxase Martínez Martínez 2006: 195-197).

  • 8-10

    A preposición a non existe na expresión amar máis ca mi(n)/sí (nen al), moi frecuente no corpus trobadoresco (44.13, 102.17, 200.5, 215.16 etc.), a pesar de, aparentemente, o pronome tónico esixir a presenza do enlace. Neste sentido, téñase en conta que os pronomes persoais tónicos poden aparecer sen preposición en numerosas pasaxes trobadorescas (véxase Glosario, s.v. , func. 2). Véxase nota a 861.14. Cfr. nota a 177.22 e 243.16.

  • 12

    A interpretación das secuencias do tipo <deuia>, <auia>, <ouuera> + inf. como devi’a / avi’a / ouver’a + infinitivo vén determinada non só polo feito de a presenza da preposición a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia das leccións <deuia> A / <deuia a> B (128.22, 128.28, 386.13), <ouuera> A / <ouu’a a> (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), que indican a real crase coa preposición nas leccións do Cancioneiro da Ajuda.

  • 16

    Obsérvese a reiteración da conxunción copulativa e que inicia a estrofa (v. 15), mais que, a seguir, se reitera como inicio da frase interrogativa, construción que adoita ser utilizada no corpus trobadoresco (véxase, por exemplo, 124.11-12).

    A lectura val’i de Michaëlis mostra a crase entre unha hipotética forma vale e o adverbio i. No entanto, a forma de P3 de valer na lingua medieva era val, pola xeral desaparición de -e final latino após /l/ (< valet).

  • 17

    De acordo co principio de prioridade ecdótica de A sobre BV, fixamos a variante do Cancioneiro da Ajuda (<mi> A, <me> B), neste caso cunha recomendábel segmentación da forma pronominal mi a partir doutros contextos similares: que non sei i consello que fillar (221.15), mais este conselho cuid’i aver (817.16) etc. (véxase Monteagudo 2019: 111-113). Véxase nota a 81.16.

  • 21

    O adverbio aqui estabelece por veces crase co vocábulo anterior cando acaba en -a (di’aqui, 1031.1; verri’aqui, 215.18), mais presenta a forma ‘qui, con elisión da vogal inicial, nalgúns encontros coas formas verbais (tónicas) á (á ‘qui, 278.1, 1408.1, 1473.12) e mais é (é ‘qui, 658.2, 1382.1). Nótese, no entanto, como neste verso B presenta a lección é aqui con sinalefa, o mesmo que en 278.1 (a‿aqui). Fóra da produción poética, existe tamén algunha ocorrencia da forma reducida deste adverbio:

    Eu Sueyro Pérez, notario sobredicto, a fiz escrivir e poño qui meu sigño en testimuyo de verdade (Fernández de Viana y Vieites 1994: 37).

  • 22

    Nótese a variación lexical dos termos sofrer / perder, metricamente equivalentes, entre A e B. As expresións sofrer pavor e perder pavor, ambas rexistradas no corpus, son aparentemente antagónicas, mais neste contexto acaban por ser case equivalentes: ‘esforzarse para sobreporse ao pavor’, ben aturándoo, ben perdéndoo.

  • 24

    A partir da interpretación de <en> en A como preposición (en vez de én), Michaëlis viuse obrigada a mudar a construción do v. 22 (Esforçar-m’en soffrer... e en lhe dizer...).

  • 28

    Enténdase: ‘averei sabor de qualquer (das solucións)’.

    Para a expunción da copulativa inicial do verso (ca en B, véxase nota a 80.14), debe considerarse a existencia de diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado