497 [= Tav 25,125]
Se oj’en vós á nen un mal, senhor

Se oj’en vós á nen un mal, senhor,
mal mi venha daquel que pod’e val,
senon que matades mí, pecador,
que vos servi sempr’e vos fui leal
e serei ja sempr’enquant’eu viver;
e, senhor, non vos venh’esto dizer
polo meu, mais porque vos está mal,
ca, par Deus, mal vos per-está, senhor,
des i é cousa mui descomunal,
de matardes min, que merecedor
nunca vos foi de mort’; e, pois que al
de mal nunca Deus en vós quis poer,
por Deus, senhor, non querades fazer
en min agora que vos esté mal.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 

Manuscritos


B 499, V 82

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 14-15 [= LPGP 235-236]); Nunes (1972 [1932]: 64-65); Littera (2016: I, 166).
II. Outras edicións: Moura (1847: 5-6); Monaci (1875: 39); Braga (1878: 17); Machado & Machado (1950: II, 391); Júdice (1997: 79); Montero Santalha (2004);  Rios Milhám (2018b: III, 497).

Variantes manuscritas


2 que] che V   7 porque vos] por q̄a uꝯ V   9 descomunal] descōunal B   10 que] q̄ eu B : q̄ heu V   12 vós quis] nos qs̄ B   13 Deus] deos B : d’s V

Variantes editoriais


1 vós] vos Nunes; nen un] nenhum Lang : ne͂um Littera   3 mí] mi[n] Nunes   5 sempr’] semp’ Nunes   7 porque] porqu’a Lang; vos] vós Lang, Nunes   10 que] qu’eu Nunes   13 querades] queirades Lang, Littera : que[i]rades Nunes   14 esté] estê Lang, Nunes, Littera

Paráfrase


(I) Mal me veña do Todopoderoso, señora, se hoxe hai algún mal en vós, agás que me matades, pobre de min, que vos servín sempre e vos fun leal e serei xa por sempre mentres viva; e, señora, non vos veño dicir isto polo que a min respecta, senón porque vos causa mal a vós, (II) porque, por Deus, fícavos moi mal, señora, e alén diso é algo desmesurado matárdesme a min, que nunca vos merecín a morte; e xa que ningún outro mal Deus nunca quixo pór en vós, por Deus, señora, non queirades facerme a min algo que vos sexa mal.

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10b (= Tav 101:11)

Notas


Texto
  • *

    Esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda, con dúas estrofas ligadas causalmente coa conxunción ca (véxase nota á cantiga 15). Porén, nas edicións precedentes o texto é presentado con autonomía estrófica.

  • 2

    Obsérvese o lapso do copista de V, cun aparente italianismo gráfico na copia de que, que volve aparecer en 607.2, 625.3 e 640.2; en 1473.12 e 1679.18 o lapso afecta a voz aqui, copiada como <achi>. Do contrario, en B é menos frecuente (véxase 1233.7 e 1548.12).
    Aquel que pod’e val é fórmula elusiva de Deus, que ao longo do corpus aparece moitas veces así cualificado: par ~ por Deus, que pod’e val (188.30, 515.9, 801.8, 1034.4); leve-os Deus cedo, que pod’e val (195.35); E pero Deus é o que pod’e val (230.15); mas rog’a Deus Senhor, que pod’e val (285.3); Pero ben sabe Deus, que pod’e val (855.8); faça-vos Deus ledo, que pod’e val (1192.9).

  • 3

    O pronome (tamén no v. 10), como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 7

    A errada lección de V levou a Lang a máis unha crase de que que fica fóra da métrica trobadoresca (véxase Ferreiro 2009). Neste sentido, obsérvese que é frecuente achar nos cancioneiros a intromisión do elemento <a>, ben en perífrases verbais (véxase nota a 55.17) ben introducindo erroneamente un CD (véxase nota a 68.1); para alén destes casos, aínda se poden localizar outros en que <a> non cumpre unha función definida: B (77.8), B vs. V (778.11), V vs. B (785.6, 1681.10), BV (1663.2).

  • 9

    Ao longo do corpus rexístrase un limitado número de grafías o til de nasalidade representa unha nasal explosiva: se mi-a <se͂ha> B vs. <se mia> A (225.2), se mi ar <sse͂har> B vs. <ssemhar> V (377.6=r2), com’estes <cõ estes> V vs. <com estes> B (925.7), descomunal <descõunal> B vs. <descomunal> V (497.9), e meu <e͂ eu> B vs. <e meu> V (1176.16), Estava-m’en <Estauã en> B vs. <Estauam eu> V (1219.1), dona <doã> V vs. <dona> B (1237.34), com’eu <cõ eu> B vs. <com eu> V (1593.6 [= r2]), dona <dõ a> BV (1664.3). É máis frecuente o proceso inverso: o -n- como unha marca de nasalidade vocálica (<bona> bõa, por exemplo). Véxase nota a 25.5.

    Descomunal, adxectivo presente en varias cantigas afonsinas, deriva por prefixación de comunal (véxase nota a 537.11), é moito máis común na lingua das cantigas do que a súa base léxica (véxase tamén 3.12, 485.7, 495.16, 527.14, 592.14, 926.20 e 1408.27).

  • 10

    En Nunes aparece, de novo (cfr. v. 7), unha anómala crase de que (véxase nota a 496.8) pola manutención de eu, cuxa presenza é moi probabelmente produto dun erro de copia, tal como mostran diversas pasaxes nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

  • 11

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 13

    Mantemos a forma querades da lección manuscrita por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado