263 [= Tav 152,6]
Non soube que x’era pesar

Non soube que x’era pesar,
si me valla Nostro Sennor,
quen Deus non fez, a seu pesar,
longe viver de sa sennor
u lle non possa ren dizer
da coita’n que o faz viver
mui trist’e mui coitad’andar.
Non ar soube parte d’afan
nen de gran coita nulla ren
o que non sofreu est’afan
de non poder, per nulla ren,
veer-la sennor que ben quer:
e quen tal coita no[n] ouver
o al non ll’é coita, de pran.
Esta tenn’eu porla maior
coita do mundo, a meu coidar,
e non pud’i aver maior,
e non o quer’eu en coidar
esto per nulla ren meter,
mais por verdade o dizer
como quen end’é sabedor,
ca me fez Deus coitas saber,
perque mi-as fez todas sofrer,
e tenn’end’esta por maior.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


A 155

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 307-308 [= LPGP 957]); Piccat (1995: 223-224); Littera (2016: II, 508).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 93); Machado & Machado (1960: VII, 14); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 263).
III. Antoloxías: Nunes (1932: 13); Nemésio (1961 [1949]: 49); Torres (1977: 290-291); Diogo (1998: 118-119).

Variantes manuscritas


20 por] pur A

Variantes editoriais


6 coita’n] coita Michaëlis   8 Non] Nen Michaëlis   13 no[n]] no Piccat   16 mundo] mund(o) Michaëlis : mund' Littera   17 pud’i] pod’i Michaëlis   18 en] én Michaëlis   23 perque] porque Michaëlis, Littera

Paráfrase


(I) Non soubo que era o pesar, así me valla Noso Señor, aquel a quen Deus non lle fixo, contra o seu desexo, vivir lonxe da súa señora, onde non lle poida falar nada da coita en que o fai vivir moi triste e andar moi coitado.

(II) Nin tampouco coñeceu unha parte do afán nin soubo cousa ningunha da gran coita o que non sufriu este afán de non poder, de modo ningún, ver a señora que ama: e, para quen tal coita non tiver, calquera outra cousa non lle é coita, certamente.

(III) Esta teño eu como a maior coita do mundo, segundo penso, e non puiden ter outra maior, e non quero comezar a pensar isto, senón afirmalo como verdade, como quen é sabedor diso, (1) xa que me fixo Deus coñecer moitas coitas, pois todas mas fixo sufrir, e xulgo esta como a maior (de todas).
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8a + 8c 8c 8a (= Tav 100:56)

Encontros vocálicos: 16 mundo,‿a; 23 mi-‿as

Notas


Texto
  • 6

    Neste verso comparece a preposición en nunha crase coa voz anterior (habitualmente coita e dia), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a B, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1062.10, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

  • 12

    A secuencia <r-l> (e <s-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con infinitivos debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga. Neste sentido, a lección de B indica que nos restantes casos en que aparentemente non existe asimilación talvez haxa que a supor tamén, coa pronuncia correspondente. Véxase tamén nota a 5.10.

    En calquera caso, ao longo do corpus achamos diverxencias de representación gráfica destas asimilacións, ás veces con grafías ambiguas que non indican explicitamente tal asimilación; é maioritaria a representación da asimilación en A (vs. BV), moitas veces con formato arcaizante: negar-lo-ei A vs. nega-lo-ei B (254.6), dizer-lo mui gran ben A vs. dizer o mui gran ben B (302.2), perde-lo sén A vs. perder o sén BV, “sennor”-la chamaria A vs. “senhor” a chamaria BV (807.7), partir-lo coraçon B vs. parti-lo coraçon V (965.11). Noutras ocasións, acontece á inversa: perder o sén A vs. perde-lo sén BV (210.8), se fezer / mia sennor o que ten no coraçon A vs. se fezer / mia senho-lo que ten no coraçon BV (222.14). Cfr. nota a 48.14 e 217.10.

  • 13

    Piccat reitera a inexistente forma no do adverbio de negación (cfr. nota a 258.4).

  • 15

    A grafía <rl> no encontro porla ['pola] é máis unha mostra de hábitos gráficos conservadores, que se manifestan con moita máis frecuencia na prosa que na poesía. De calquera xeito, tal grafía neste encontro, reconvertido na copia do Cancioneiro da Biblioteca Nacional na preposición por, volve aparecer noutra pasaxe do Cancioneiro da Ajuda (véxase 163.19).

  • 17

    A forma pod’i de Michaëlis transforma unha P1, presente en A, en P3, coa conseguinte modificación significativa. Por outra banda, ao non haber unha distribución regular dos acentos métricos, sería tamén posíbel ler pudi, con vogal final átona; porén, a preeminencia, nesta terceira estrofa, da acentuación na cuarta sílaba xustifica a lección pud’i co pronome adverbial tónico (ou semitónico) na cuarta sílaba.

  • 18-19

    O pronome én de Michaëlis constitúe un erro de interpretación sintáctico-semántico, pois estamos perante a construción de meter en + infinitivo, escurecida polo hipérbato: ‘e non o quer’eu meter en coidar esto por nulla ren’. Cfr., por exemplo, non o meto en cuidar / por mí (1159.15).

  • 20

    É de subliñar a estraña forma gráfica <pur> por do Cancioneiro da Ajuda, probabelmente un erro <u>/<o> máis do que unha grafía alternativa a <por>.

  • 23

    A pesar do frecuente uso de per, é rara a súa combinación con que na conxunción perque, fronte ao xeral porque, xa que só se rexistra en 39.7, 74.11, 84.4, 150.15, 263.23, 376.6, 976.18, 1440.44 e 1451.211 .

  1. ^

    Nas cantigas 976 e 1421 en V aparece a lección porque.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado