175 [= Tav 125,38]
Qual dona Deus fez mellor parecer

Qual dona Deus fez mellor parecer
e que fezo de quantas outras son
falar mellor e en mellor razon,
e con tod’esto mellor prez aver,
e máis mansa das que eu nunca vi,
aquesta fezo desejar a mí
Deus por ja máis nunca coita perder.
Non me fez Deus tal dona ben querer
nen mi-a mostrou se por aquesto non:
por aver eu eno meu coraçon
mui grave coita ja mentr’eu viver;
por én, cativo, mal dia naci,
que viverei, mentr’eu viver, assi
por quen no nunca per min á saber.
Nen ja per outre non o sabera,
ca eu a outre nunca o direi,
per bõa fe; mais atanto farei:
negá-ll’-ei sempr’atá que moira ja,
e, se mi-o om’adevinnar poder
e pois a vir e tal esforç’ouver
que ll’ouse ren dizer, por sí dira,
ca ben sei eu, u outra ren non á,
que tal esforç’avera qual eu ei
quando a vejo, que per ren non sei
que ll’i dizer, e el assi fara:
se per ventura lle dizer quiser
algũa ren, ali u estever
ant’ela, todo ll’escaescerá,
ca, pois vir, assi Deus a mí perdon,
o seu fremoso parecer enton,
demo xo lev’o que ll’al nembrará!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 85, B 189a

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 181-182); Blasco (1984: 77-78 [= LPGP 831-832]); Marcenaro (2012b: 145-146); Littera (2016: II, 341-342).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 80-81); Carter (2007 [1941]: 51-52); Machado & Machado (1949: I, 306-307); Fernández Pousa (1953: 6); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 175).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 98-99); Torres (1977: 108-109); Alvar & Beltrán (1989: 195); Jensen (1992: 308-310); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 190); Diogo (1998: 84-85); Alvar & Talens (2009: 454-456).

Variantes manuscritas


2 fezo] afez B   4 prez] pres B   6 fezo desejar a mí] fez deseiar a min A   7 por ja] por la B   8 me] mj B   10 coraçon] coracon B   14 por quen no] ꝑ q̄no B   15 outre] out’m   16 outre] out’m B   17 per bõa fe] (e) per boa fe A   18 negá-ll’ei] negal ey B   19 adevinnar] adeuinar A : a deuiār B   20 e pois a vir] ea pois uir B   22 Ca] E B   23 esforç’avera] esforca u’a B   26 ventura] uentᵉa B; lle] lhi B   28 escaescerá] es caeçera B   29 a mí] mj  30 nembrará] nēbriara B

Variantes editoriais


6 mí] min Blasco, Marcenaro : mim Littera   11 grave] grande Michaëlis   14 quen no] queno Blasco : quen’o Littera   19 adevinnar] adevinar Blasco   25 ll'i] lhi Littera

Paráfrase


(I) A dona que Deus fixo máis fermosa e que fixo falar mellor e máis razoadamente de todas as que viven no mundo, e, aínda, ter mellor prez, e ser máis doce de todas as que eu vin, esta me fixo Deus a min desexar para endexamais poder perder a coita.

(II) Non me fixo Deus amar tal dona nin ma mostrou senón por isto: para eu ter moi gran coita no meu corazón mentres viva; por iso, infeliz, en mal día nacín, pois, mentres viva, vivirei así por quen nunca ha saber iso da miña boca.

(III) Nin o saberá xa por outra persoa, pois eu non llo direi nunca a ninguén, abofé; e aínda farei isto: ocultareillo xa sempre até que morra, e se alguén mo puidese adiviñar e despois a vise e se esforzase tanto que lle ousase dicir algunha cousa, dirao por si, (IV) pois eu ben sei, abofé, que se esforzará tanto como me esforzo eu, cando a vexo, que non sei, de modo ningún, que lle dicir nese momento, e el tamén o fará así: se por ventura lle quixer dicir algo, cando estiver diante dela, todo lle esquecerá, (1) porque, así Deus me perdoe, cando vexa o seu fermoso rostro, que o demo leve o que ha de lembrar!
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a + 10d 10d 10a (= Tav 161:82)

Encontros vocálicos: 9 mi-‿a; 19 mi-‿o

Notas


Texto
  • 2

    Nótese como a variante fez en B se complementa co uso do pronome para evitar a hipometría. Véxase nota a 53.16.

  • 6

    Contra o que habitualmente sucede (véxase nesta mesma cantiga o v. 2), pois en A percíbese unha preferencia polos pretéritos fortes do tipo fezo, neste verso é B o manuscrito que achega a forma correcta do punto de vista métrico. Cfr. nota a 56.16.

  • 18

    O proceso de asimilación fonética [ɾʎ] > [ʎ] nas formas de futuro con pronome mesoclítico (véxase nota a 21.3) son moi ocasionais nos apógrafos italianos, como mostra neste caso B, que ofrece a forma negá-lo-ei. Nótese, tamén, que a crase en ll’-ei encobre unha forma pronominal contracta llo. Cfr. nota a 142.29.

  • 19

    Blasco mantén adevinar considerando eufemisticamente tal forma como un «hispanisme» (isto é, un castelanismo), cando ben podería ser un simple lapso <n>/<nn> de copia semellante ao de <senor> ou outros que se encontran ao longo do Cancioneiro da Ajuda. Véxase nota a 90.14.

  • 22

    No inicio do verso e da estrofa percíbese unha alternancia de leccións entre A e B, coa presenza de ca en A fronte á copulativa e en B (tamén en 64.15, 94.22137.9, 349.9, 979.14); noutras pasaxes, achamos tamén a alternancia contraria, con e en A e ca ~ que en B(V) (véxase nota a 80.14). E resulta significativo que en 526.15, fronte a <Ca> en B se perciba vacilación na copia de V: <(E) Ca>.

    A frase formularia u outra ren non á ‘certamente, sen dúbida’, que só volve aparecer en 1327.20, ten a variante u outra ren non jaz (véxase nota a 66.29) e é equivalente ás frases u al non á e ás súas variantes (véxase nota a 25.11).

  • 25

    A lección <ll y> de A (<lhi> en B) inclínanos a segmentar, tal como a maioría dos editores precedentes, o adverbio i.

    O pronome el refírese á esoutra persoa (outre, vv. 15, 16; ome, v. 19) que quiser dizer á sennor o amor que o trobador sente por ela.

  • 28

    A grafía <sc> que mostra escaescerá aparece nas cantigas profanas en vez de <c> ou <ç> [ts], en xeral na desinencia de verbos incoativos, especialmente no Cancioneiro da Ajuda: connoscer (117.19, 138.2, 142.16 <conhocer> B), connoscesse (127.21 <cõnosciesse> A, <conhocesse> B), escaescer (130.13, 138.10, 227.15 <escaecer>~<escaeçer> B), escaescerá (175.28 <es caeçera> B), nasci (140.3 <naci> B). Mais en B e V tamén se rexistran algunhas voces con esta grafía latinizante, a maioría das veces concentradas na derradeira parte do cancioneiro galego-portugués: conhoscer (1015.15, 1630.3), falescer (1586.13) e parescer (1612.2, 7, 9 e 21; 1613.2 e 4). E só en tres ocasións localizamos variación entre os dous apógrafos italianos: gradecer <gradecer> B vs. <gradescer> V (1378.1); conhocedes <cognosceds̄> B vs. <conhoçeds̄> V (1480.19); conhoceria <conhoceria> B vs. <donhosceria> V (1630.9). Cfr. nota a 68.11.

  • 29

    Pero Garcia Burgales é o autor que utiliza especialmente a fórmula do tipo si Deus me perdon coa variante pronominal tónica (assi Deus a mí perdon e similares, véxase 202.r1, 1400.12).

  • 31

    Nótese o ton entre familiar e coloquial que achega o sintagma demo leve..., tan pouco característico da cantiga de amor, mais que condí ben coa ousadía de quen pretenda informar á senhor da amorosa devoción do poeta.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado