I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 651-653 [= LPGP 703-704]); Miranda (2004: 158-159); Cohen (2010b: 22-23); Marcenaro (2012a: 84-86); Littera (2016: II, 205-207).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 12-13); Cotarelo Valledor (1933: 22-24); Machado & Machado (1949: I, 54-56); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 112-114); Rios Milhám (2017: I, 14); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 44-45); Arbor Aldea (2019: 86-87).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 159-160); Souto Cabo (2017: 189-190).
9 segudades] segudides B 11 outr’amor] Ouir amor B 19 sõo] scom B 25 A guardar] e a guardar B 26 deles] deꝉꝉs B; e ra[n]curar] (ea) racurar B 27 andar] (ꞇ) andar B; nembrado] uēbdʼo B 30 sõo] scōm B 32 deles] dells̄ B 33 ouçan] oucam B 35 ben] be̓m B 37 Ũa ren] Hua irē B 51 adormecer] a dormeţ̄ B 52 Entender] e entender B 53 parecer] pareţ̄ B 54 deveria] diuiria B
2 a] ay! Michaëlis : ai Marcenaro, Littera 3 gaades] gãades Michaëlis, Cohen, Miranda, Littera 5 ira en] ira (e)n Michaëlis : ira 'm Littera 9 segudades] segurades Michaëlis, Miranda, Cohen, Marcenaro 11 outr’] ver Michaëlis : muit’ Cohen : aver Miranda 14 non no] no’-no Michaëlis : nõ-no Cohen : non'o Littera 19 sõo] son Michaëlis, Cohen, Marcenaro : som Miranda, Littera; preguntado] perguntado Miranda 20 pensar] pesar Cohen, Marcenaro 21 pesa] pes(a) Michaëlis : pes' Littera 22 quen] que Miranda 24 me lhe] melhor Marcenaro 25 A] E a Michaëlis, Miranda, Marcenaro, Littera 27 andar] e andar Michaëlis, Cohen, Miranda, Marcenaro, Littera 28 ven] vai Miranda 30 sõo] soom Miranda : soon Marcenaro 31 lhi] lhi[s] Littera 37 vos] vus Michaëlis 45 vos] vus Michaëlis 48 vos] vus Michaëlis 49 atal] a tal Michaëlis 51 deit’, adormecer] deit’a dormecer Cohen 52 Entender] A valer Michaëlis : E entender Miranda : e entender Marcenaro, Littera 53-54 [dona, vosso ben-querer / amparar]-me deveria Michaëlis 54 deveria] dormiria Littera
(I) Por que me desamades (vós), a mellor das mulleres que eu coñezo? Coido que non gañades nada do mal que eu por vós padezo: soportei días moi difíciles pola ira que me mostrades. E teño razón, xa que me afastades da cousa que máis amei: (II) de vós! E sabede, de certo, que non desexei outro amor, e, se vós credes outra cousa, eu facilmente sufrirei dano por iso, e pídovos, por Deus, que non o fagades, pois por vós me condenarei. Sinto consolo ao saber que pouco vivirei se non pensades máis en min.
(III) Moitos me preguntan por que teño este pensamento, e a min atorméntanme os que me interrogan; teño logo que procurar, sen vontade, unha razón para me librar (de responder), e evitar que eles sintan rancor, e proceder niso con cautela.
(IV) Sinto un gran pesar cando me vou deitar, mais estou máis descansado porque xa non lles teño que falar; xazo lonxe deles para que non me sintan queixar. Ben podedes xurar que un amor tal nunca existiu de ningún home nacido no mundo.
(V) Xuraríavos unha cousa, e debédelo crer: que nunca máis volvería amar se desta vez sobrevivo, cando a vós, a quen amaba, vos perdín tan sen razón. Que pracer sentides en me matar, que vos servía? (VI) Porque non me recibiría Aquel que me fixo nacer, nin eu vos podería soportar tal sufrimento, pois por nada podería, tras me deitar, adormecer. Pensar na vosa fermosura deberíame axudar.
Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de seis estrofas doblas de nove versos heptasílabos, agás o sétimo que é trisílabo. Por outra parte, o primeiro, terceiro, quinto e noveno de cada estrofa son graves; os restantes son agudos.
Esquema métrico: 6 x 7’a 7b 7’a 7b 7’a 7b 3b 7b 7’a (= RM 67:1)
Encontros vocálicos: 5 ira‿en, mi‿andades; 10 sa·biá·des; 19 so͂͜o; 21 pesa‿aficado
Gaar, xunto con gãar, é unha das diversas formas que o verbo gañar presenta nas cantigas profanas, ao lado de guaanhar, gaanhar e gaanar. Pola súa parte, a puntuación e a versión ao italiano do verso indica que Marcenaro non considera a frase parentética cuid’eu; ao contrario, converte cuidar no verbo principal de gaades, sen ligazón sintáctica, por tanto.
A forma manuscrita segudades, fronte á emenda segurades dos editores anteriores, é lectura semanticamente acaída no contexto, confirmada pola documentación de segudar (e segudamento) na produción prosística galego-portuguesa (véxase Monteagudo 2014), con diversos rexistros en obras como as traducións galegas da Crónica de Castilla e da Estoria de España e mais da General Estoria ou, tamén, na Crónica Geral de Espanha de 1344.
Esta é a única atestación do adverbio certas na poesía trobadoresca, coa mesma orixe que o adverbio poucas (véxase nota a 8.22); fóra da Demanda do Santo Graal (véxase Magne 1944: III, s.v. certas), só achamos uns poucos rexistros dela; así, na tradución da Confessio amantis (véxase Maccon 2010: 296, 358 etc.)1 ou na Crónica Troiana:
Et maltrouxo muyto a rreýna, et dísolle asý: – Certas, dõna, uós ouuestes pouco siso, quando fostes creer a aquel falso traedor et desleal do que uos enuiaua dizer (véxase TMILG, s.v. certas).
O elemento inicial do verso en B é <Ouir>, que dificilmente pode representar a forma inicial derivada de audīre, xa que faría hipermétrico o verso, ao tempo que resultaría algo artificiosa a expresión: e, certas, sabiádes / ouir: amor non desejei (este é o texto suxerido en Monteagudo 2008: 374-375). É por isto que tal lección debe ser emendada de forma coherente do punto de vista paleográfico e sintáctico-semántico: o erro <r>/<t> é moi frecuente e resolve semántica e metricamente a pasaxe, tal e como indicou Marcenaro na súa edición do trobador (véxase tamén <outr> A, <oyr> B en 189 / 125,4 PGarBu [A96/B203], v. 13; <outro> B, <ouiro> V en 626 / 118,9 PedPort [B610/V212], v. 17).
A coexistir con leve, o provenzalismo leu, que concorre coa forma palatalizada lheu, máis frecuente, sempre aparece na frase adverbial ben leu ~ ben lheu ‘facilmente’, a semellanza do uso que os poetas occitanos facían desta voz (véxase García-Sabell Tormo 1990: 203-205). Con todo, o uso de leu é moi escaso no corpus, pois só volve aparecer en 209.7 (Podedes-vos nembrar ben leu / de min, que sofro muito mal / por vós).
A forma conorto constitúe outro provenzalismo, máis utilizado na poesía profana do que a variante patrimonial conforto. Véxase nota a 624.16.
En xeral as formas sõo e soo (do lat. sŭm → *sono > sõo > soo) computan como bisilábicas, mais tamén poden funcionar como unisilábicas (sõo 14.19, 63.12, 292.18, 317.18, 1118.8, 1629.2, e soo en 1431.1, 1577.2), do mesmo modo que ũu (cfr. nota a 47.20) e bõo ~ boo (cfr. nota a 241.10). Cfr. nota a 10.25. Cfr. nota ao v. 30.
O manuscrito –e o sentido– non autoriza a considerar un erro a forma enviada e a corrixila en pesar (Cohen, Marcenaro).
A necesaria medida trisilábica do verso esixe a expunción da preposición a ou, alternativamente, da copulativa e. A manutención dos dous elementos (Michaëlis, Miranda, Littera) implicaría unha anómala sinalefa da copulativa (Cunha 1982: 32-34, 99-128; Arbor Aldea 2008a: 22), que debe ser eliminada (véxase nota a 1.37). No relativo á omisión da copulativa, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).
Eis o primeiro exemplo de tmese métrica no corpus profano, en que o poeta estabelece un corte entre a base verbal dunha forma futura con pronome mesoclítico, que pasa, xunto coa desinencia, para o verso seguinte. Tal segmentación versal volve aparecer en 36.6-7, 47.19-20, 219.15-16, 308.11-12, 1138.13-14, 1476.3-4, 1538.15-16 e 1637.10-11. Cfr. notas a 37.18-19, 123.24-25, 482.1-2, 1542.3-4.
A grafía <ll> de eles en B, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo –e cavaleiro–, esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).
Rancurar ‘ter rancor ou resentimento’ é voz rara na lingua antiga, pois só se localiza noutra ocasión (11.20) no texto das cantigas profanas. Cfr. tamén rancura (véxase nota a 153.11).
A pesar de que foi cancelada polo copista de B, todos os editores manteñen a copulativa inicial do verso, que o convertería en irregular do punto de vista métrico (hipérmetro).
Neste verso, se non consideramos bisilábica a forma mais (véxase nota a 12.8), a forma verbal sõo podería computar como dúas sílabas, en claro contraste co que acontece no v. 19 (véxase nota), e dun modo similar ao que ocorre co cómputo métrico de bõo, equivalente a dúas ou unha sílaba métrica (cfr. nota a 241.10).
As formas jasco, P1 de presente indicativo de jazer (< iacēre), xunto con jasca e demais formas do presente subxuntivo –anómalas a partir do lat. iacĕo e iacĕam, respectivamente– son propias dos apógrafos italianos (1605.10 e 13, 1606.21)1 , fronte ás regulares jaço, jaça, documentadas en cantigas transmitidas polo Cancioneiro da Ajuda: 80.10, 130.1 (<iazco> B), 174.4 (<iasco> B), 346.7.
Téñase en conta que desta equivale a ‘desta vez, nesta ocasión’. Cfr., tamén, Mais desta seerei eu escarmentado / de nunca foder ja outra tal molher (1598.8).
O pronome vós, como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.
Nótese a repetición da palabra rimante (poderia) nestes dous versos, feito que, en principio, constitúe unha anomalía na métrica trobadoresca, sen relación con algúns artificios construtivos na rima. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 524.9-11 (ei), 704.7-8 (eles), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.8-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1329.15-21 (vista), 1354.r1-r2, 1366.12-15 (i), 1387.10-14 (treedor), 1388.1-7 (talharon), 1400.23-24 (arteira), 1470b.12-13 (én), 1477.23-25 (ali), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1540.14-18 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).
Só Michaëlis segmenta erroneamente atal, como se a puidese ser artigo ou preposición, sen ter en conta que atal é variante frecuente de tal (cfr. tamén atan ~ tan, atanto ~ tanto, aquanto ~ quanto). Véxase nota a 138.17.
A interpretación de Cohen, coa conseguinte segmentación alternativa, implica unha rara variante dormecer (só presente en 1405.15), pois é xeral a forma adormecer (1349.19, 1509.5, 1529.5 e 1626.5)2 . Na realidade, neste verso adormecer depende de poderia (v. 50), constituíndo pois que me deit’ unha cláusula temporal (‘despois de me deitar’). Fronte a esta lectura, Cohen parece interpretar pois como conxunción causal (‘pois déitome para adormecer’).
Véxase nota ao v. 25.
O texto presentado por B é perfectamente correcto, e descualifica, por tanto, a relectura michaëliana e mais a innovación de Littera.