I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 88-89 [= LPGP 241]); Nunes (1973 [1928]: 38-39); Cohen (2003: 622); Littera (2016: I, 232).
II. Outras edicións: Moura (1847: 169-171); Monaci (1875: 75); Braga (1878: 38); Machado & Machado (1952: III, 220); Júdice (1997: 154-155); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Tavares (1943 [1923]: 48-49); Tavares (1961: 44-45); Lapa (1976: 33-34).
2 gran] g̃ra B 5 d'aquen] daqueu V 8 gran] g̃ra B 13 pôs] pꝯ BV; nos] vꝯ B 15 tornou] tornō V 16 coraçon] coracō B 20 gran] g̃ra B
7 riio] riiu Littera; ja-que] ja, o que Lang 8 o que] om. Lang 10 dê] dé Cohen 15 riio] riiu Littera
(I) Vinvos, madre, falar hoxe aquí co meu amigo e tiven por iso un gran pracer, porque o vin erguer ledo de cabo de vós, e penso que Deus me fai ben niso, pois, xa que el se foi moi ledo de aquí, non pode ser senón por ben de min.
(II) Ergueuse ledo e riu un chisco –o que xa hai moito que non facía–; mais, xa que isto pasou esta vez, eu fico leda por iso, así Deus me dea ben, pois, xa que el se foi moi ledo de aquí, non pode ser senón por ben de min.
(III) El puxo os seus ollos nos meus entón, cando o vistes que se despediu de vós, e virouse cara a vós ledo e riu, e por iso sinto pracer no corazón, pois, xa que el se foi moi ledo de aquí, non pode ser senón por ben de min.
(1) E aínda que eu non sei nada do falado, de canto vin, madre, sinto por iso un gran gozo.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= RM 160:35)
Encontros vocálicos: 7 ri·io; 15 ri·io
A aglutinación de ja e que xerou o pronome indefinido ja-que ‘algo’ (cfr. ja-quanto; véxase nota a 347.9), que ten certo uso na lingua trobadoresca (33.14, 56.25, 266.16, 347.14, 380.23, 1021.20, 1417.2, 17 e 27, 1675.3). Cfr. notas a 1012.18 e 1419.32.
A representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación (cfr. riio, tamén no v. 15) oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu e a esporádica -io, mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as representacións implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (véxase, por exemplo, 614.1-8), ou aqueloutras situacións en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).
A frase formulario-desiderativa se Deus ben mi dê só volve aparecer en 862.16. Por outra parte, a forma verbal dê, como acontece tamén na outra ocorrencia da frase, presenta vogal pechada pola rima con que, mentres nas restantes aparicións na lingua trobadoresca ten aínda vogal aberta, como corresponde á súa procedencia dunha vogal breve latina (< dĕt). Cfr. nota a 862.16.
Nótese tamén no Cancioneiro da Vaticana o erro <ō>/<ou> en <tornō> tornou (derivado de <n>/<u>) que é moi frecuente nos cancioneiros, especialmente en B: <con simēt> cousiment’ (117.15), <guisō> guisou (501.3), <uō> vou (564.7), <ōsara> ousará (589.3), <pōco> pouco (591.9), <baratō> baratou (729.5), <em car nō> encarnou (877.21), <ōui> ouvi (1233.12), <ōny> ouvi (1458.7), <sōbe> soube (1505.1, 1509.7), <buscō> buscou (1507.7), <nōtro> noutro (1509.1), <sōba> soub’a (1509.16), <cōsa> cousa (1510.1). E en V tamén se encontra o mesmo erro: <tornō> tornou (603.15), <morō> morou (865.12), <nō> vou (1012.20), <cōtre> voutre (1015.17).