197 [= RM 125,17]
Joana, dix’eu, Sancha e Maria

Joana, dix’eu, Sancha e Maria
en meu cantar con gran coita d’amor,
e pero non dixe por qual morria
de todas tres, nen qual quero mellor,
nen qual me faz por sí o sén perder,
nen qual me faz ora por sí morrer,
de Joana, de Sancha, de Maria.
Tant’ouve medo que lle pesaria
que non dixe qual era mia sennor
de todas tres, nen a por que morria,
nen a que eu vi parecer mellor
de quantas donas vi e máis valer
en todo ben: non a quige dizer,
tant’ouve medo que lle pesaria.
E pero máis toller non me podia
do que me tolle, pero m’ei pavor:
tolle-mi o corpo que ja nunca dia
éste, nen noite, que aja sabor
de min nen d’al. Que mi á máis a toller?
Nen vej’ela, que moiro por veer,
que ést’o máis que me toller podia.
E por aquest’eu viver non querria,
per bõa fe, ca vivo na maior
coita do mundo des aquele dia
que a non vi, ca non ouve sabor
de min nen d’al, nen vi nunca prazer;
e, pois me vej’en tal coita viver,
Deus me cofonda se viver querria,
ca esta dona me tolleu poder
de rogar Deus, e fezo-me perder
pavor de morte que ante avia!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 104, B 212

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 215-216); Blasco (1984: 173-174 [= LPGP 819-820]); Marcenaro (2012b: 265-266); Littera (2016: II, 357-358).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 91-92); Carter (2007 [1941]: 63); Marques Braga (1945: 200-201); Machado & Machado (1949: I, 345-346); Fernández Pousa (1953: 21-22); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 197).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 57-58); Piccolo (1951: 101-102); Torres (1977: 116-117); Alvar & Beltrán (1989: 201-202); Sansone (1990: 190-192); Jensen (1992: 312-314); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 196); Alvar & Talens (2009: 472-474); Souto Cabo (2017: 217).

Variantes manuscritas


3 dixe] dixi B; morria] moiria B   4 qual] aqual B   5 om. B   6 me] mj B; morrer] moirer B   7 Sancha, de Maria] Sancha ede Maria B   8 ouve] ouuj B; lle] lhi B   9 dixe] dixi B; mia] ma B   10 morria] moiria B   13 quige] qⁱgi B   14 ouve] ouuj B; lle] lhi B   15 podia] podoia B   17 -mi o] mo B   18 éste] est B; sabor] (senhor) sabor B   20 Nen] nō B; moiro] moira B   21 toller] poder tolh’ B   22 querria] q̄ria B   24 des aquele] bē desaq̄l B   25 ouve] ouuj B   28 cofonda] confonda B; querria] q̄ria B   29 me] mj B   30 Deus, e fezo-me] a d’s e fez mj B   31 ante] anteu B

Variantes editoriais


2 en] eno Littera   8 Tanto] Tant’ Littera   18 éste] estê Michaëlis : esté Marcenaro   19 a] om. Michaëlis   21 ést’o] éste o Littera   28 cofonda] confonda Littera

Paráfrase


(I) Falei de Joana, de Sancha e mais de María no meu cantar con gran coita de amor, aínda que non dixen por cal morría de todas tres, nin cal quero mellor, nin cal me fixo perder o sentido por ela, nin cal me fai agora morrer por ela, se Joana, se Sancha, se María.

(II) Tiven tanto medo de que lle pesaría que non dixen cal de todas tres era a miña señora, nin por cal morría, nin a que eu vin ser máis fermosa de todas as donas que vin e a de máis valor en todo ben: non a quixen mencionar, tanto medo tiven de que lle pesaría.

(III) Aínda que non me podería quitar máis do que me quita, teño medo, non obstante: tírame a saúde, que xa non hai día nin noite que teña gusto de min nin de ningunha outra cousa. Que máis me ha quitar? Nin sequera a vexo a ela, que morro por ver, que é o máis que me podía quitar.

(IV) E por isto eu non querería vivir, abofé, porque vivo na maior coita do mundo desde aquel día en que non a vin, pois non tiven pracer de min nin de ningunha outra cousa, nin nunca vin pracer; e, xa que me vexo vivir en tal coita, que Deus me confunda se quería vivir, (1) pois esta dona me quitou o poder de rogar a Deus, e fíxome perder o pavor á morte que antes tiña!

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’a + 10c 10c 10’a (= RM 100:34)

Encontros vocálicos: 17 mio; 19 miá

Notas


Texto
  • *

    Nótese a repetición da palabra rimante nos versos primeiro e derradeiro de cada estrofa (I Maria; II pesaria; III podia; IV querria).

  • 1-7

    Joana, Sancha e Maria, como posíbeis nomes da senhor (a súa enunciación constitúe unha ruptura da norma do código cortés e do segredo trobadoresco) volverán aparecer nas cantigas 179, 198 e 199, tamén de Pero Garcia Burgales.

  • 3

    A locución conxuntiva e pero, de valor concesivo (‘aínda que’), é de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar entre e pero ou a secuencia de copulativa + adversativa (e, pero).

  • 4

    É relativamente frecuente achar nos cancioneiros o acrecentamento do elemento a (artigo ou preposición), como acontece neste verso en B. A métrica (e A) mostra o carácter espurio desa preposición desnecesaria para introducir o CD de querer, que volve aparecer nunha construción semellante, de novo como erro, en 226.9: De querer ben [a B] outra moller / punnei eu i á gran sazon. Outras adicións similares de a poden verse en 68.1 e 225.2 (B vs. A), 1000.20 (BV vs. A), 1100.4 (V vs. B) ou 741.7 (BV).

  • 9

    En principio, ma é tamén unha forma correcta para o posesivo átono feminino (véxase nota a 104.18). Porén, débese advertir que, en xeral, a forma ma é produto dun erro de copia, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.1625.1, 636.1, 794.9, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470b.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 645.9, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).

  • 11-13

    Estes versos presentan unha grande semellanza con outros de Roi Queimado (239.12-14):

    que a fezeron mellor parecer
    de quantas donas vi e máis valer
    en todo ben ...

  • 18

    Talvez a resistencia á consideración dunha forma verbal éste nos editores explique a súa interpretación como presente de subxuntivo en Michaëlis (estê) e Marcenaro (esté); de calquera modo, para sustentar esa interpretación cómpre considerar como final o que do v. 17. Independentemente de que <este> sexa a forma verbal éste (P3 do presente indicativo de seer) ou a suma do demostrativo este co verbo é (est’é), é moi frecuente en B (vs. A) a aparición de <est>, aparente latinismo, con ausencia de vogal final e a consecuente hipometría versal. Véxanse 65.4, 71.6, 89.27, 182.26, 302.21, 317.2, para alén daqueles casos en que éste aparece en cantigas transmitidas só polos apógrafos italianos: 184.15, 204.18, 207.11, 464.24, 714.9, 854.12, 993.20, 1075.4, 1456.12, 1625.1, 1652.2 e 1667.17. Véxase Ferreiro (2008a).

  • 20

    Ela é complemento directo: na lingua trobadoresca as formas pronominais tónicas oblicuas poden funcionar como CD e CI sen preposición.

  • 24

    A variante aquel de B faría hipométrico o verso (cfr. nota a 724.10), equilibrado no Cancioneiro da Biblioteca Nacional coa introdución do adverbio ben (ben des aquel dia). Sorprendentemente, en Ajuda só volve aparecer a forma plena aquele en 235.6.

  • 28

    Para alén da aparición de confunda en 115.27 (véxase nota), na lingua da poesía trobadoresca profana é xeral a forma cofonder, con evolución [nf] > [f] (véxase Ferreiro 1999: §101e), similar á variación inferno ~ iferno (véxase nota a 379.11), sendo minoritaria a forma máis conservadora confonder (só en 203.8, 216.10, 1050.5, 1224.15, 1407.6 e 1650.14). Con todo, a variación cofonder ~ confonder aparece con frecuencia nos cancioneiros: cofonder A vs. confonder B (197.28, 216.19), cofonder B vs. confonder A (194.7, 203.8, 216.10), cofonder B vs. confonder V (990.11, 1050.12, 19 e 22, 1497.19), cofonder V vs. confonder B (990.12, 1224.15, 1650.14). Cf. nota a 379.11.

  • 30

    Para compensar metricamente o uso de fez (vs. fezo) en B é utilizada a preposición a co verbo rogar en rogar a Deus. Véxase nota a 53.16.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado